Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37354

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de setembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 8 de setembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Arriba ou Corredoira e de Ermille, no concello de Lobeira.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Arriba ou Corredoira e de Ermille, no concello de Lobeira, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 4 de xaneiro de 2019 o presidente da CMVMC de Cabaleiros, A Santa Cruz e Tedós presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 16624) relativo a un acto de deslindamento entre as CMVMC de Ermille e de Cabaleiros, A Santa Cruz e Tedós, no concello de Lobeira.

Entre outra documentación, achegou as certificacións dos acordos das asembleas xerais, auto e acta de conciliación no Xulgado de Paz de Lobeira, e arquivos informáticos cos vértices do deslindamento.

Segundo. O 28 de xuño de 2019 presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1409485) un documento de mellora da solicitude inicial.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 15 de outubro de 2019 indica que na documentación presentada non consta unha acta de deslindamento nin memoria. Non obstante, o perímetro estremeiro está suficientemente definido tanto nas certificacións de aprobación das respectivas asembleas como na acta de conciliación polo que o Servizo de Montes propuxo ao xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado:

Segundo a documentación achegada, o tramo comprendido entre os vértices 35 e 41 corresponde ao perímetro estremeiro entre o MVMC Arriba ou Corredoira e predios particulares polo que deberá tramitarse polo procedemento establecido no artigo 54 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

O tramo comprendido entre os vértices 45 e 46 afecta o perímetro estremeiro destes montes veciñais co MVMC Toural, Ougueiro e Penedo, pertencente á CMVMC de Tedós, polo que deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular deste.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento para seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de febreiro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Arriba ou Corredoira e de Ermille, no concello de Lobeira, de acordo co informe do Servizo de Montes do 15 de outubro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun (1) mes, ou ben directamente recurso contencioso administrativo rante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de setembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes veciñais en Man Común de Ourense