Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37356

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de setembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución de 8 de setembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común de Ermille e de Cerdeiriñas e Baños, no concello de Lobeira.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Ermille e de Cerdeiriñas e Baños, no concello de Lobeira, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 4 de xaneiro a empresa Braña, S.C.L., en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ermille (CMVMC), presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 18539) relativo a un acto de deslindamento entre as CMVMC de Ermille e a de Cerdeiriñas e Baños de Carreiras, no concello de Lobeira.

Entre outra documentación, achegou as certificacións dos acordos das asembleas xerais, auto e acta de conciliación no Xulgado de Paz de Lobeira e arquivos informáticos cos vértices do deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense de data 15 de outubro de 2019 indica que na documentación presentada non consta unha acta de deslindamento nin memoria. Non obstante, o perímetro estremeiro está suficientemente definido tanto nas certificacións de aprobación das respectivas asembleas como na acta de conciliación. Por tanto, o Servizo de Montes propúxoselle ao Xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado:

O tramo comprendido entre os vértices 65 e 74 podería afectar o perímetro estremeiro destes montes veciñais co MVMC Chá, pertencente á CMVMC de Carreiras, Ermille, Chaos e Fradalvite, polo que deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular del.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo de exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de febreiro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Ermille e de Cerdeiriñas e Baños, no concello de Lobeira, de acordo co informe do Servizo de Montes do 15 de outubro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de setembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense