Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32821

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública do proxecto de trazado de actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave PO/19/027.01.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 15 de xullo de 2020 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de trazado da actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave PO/19/027.01

Antecedentes de feito:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia número 167, do 4 de setembro de 2019, publicouse o Anuncio do 26 de agosto de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o citado proxecto para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Segundo. O documento recolle a definición, a nivel de proxecto de trazado, da solución adoptada para o ramal de enlace entre a AG-53 e a N-525 en Dozón; o cal parte da estrada N-525 na entorna do punto quilométrico (p.q.) 275, onde se proxecta unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruza desde este punto a autovía AG-53 a través dun paso inferior existente no p.q. 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa citada autovía pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública formuláronse alegacións polas persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública:

– Ao atender as alegacións recibidas en relación coa accesibilidade a unha granxa próxima á AG-53, no proxecto construtivo definitivo realizaranse as seguintes modificacións:

• A nova vía de comunicación entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á AG-53 pola súa marxe dereita.

• Manterase a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

• Habilitarase unha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose así o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e a estrada nacional.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

Terceiro. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de información pública do proxecto de trazado da actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), coas modificacións relativas ao trazado sometido a información pública que se indican no fundamento de dereito primeiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos