Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 1 de xuño de 2020 Páx. 21808

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de maio de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 10 na zona da rúa Traballo e rúa Batán do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Oleiros solicita a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal arriba referido, en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en adiante, LSG).

Analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Oleiros en xaneiro de 2020 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente de forma parcial pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11 de marzo de 2009 e pola Orde do 11 de decembro de 2014 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 8 de abril de 2019 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, mediante a Resolución do 22 de maio de 2019.

4. O arquitecto municipal emitiu informe previo á aprobación inicial o 21 de xaneiro de 2019.

5. O Pleno do Concello de Oleiros aprobou inicialmente a modificación o 24 de xullo de 2019. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 20 de agosto de 2019 e Diario Oficial de Galicia do 22 de agosto de 2019), sen se presentar ningunha alegación, segundo informe da funcionaria municipal encargada do 23 de outubro de 2019 incluído no expediente.

6. Consta a emisión dos seguintes informes estatais:

– Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 13 de novembro de 2019, de carácter favorable condicionado.

– Dirección Xeral de Aviación Civil, do 24 de abril de2019, de carácter favorable.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil, do 13 de setembro de 2019.

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de solos contaminados, do 1 de outubro de 2019.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 14 de outubro de 2019.

– Instituto de Estudos do Territorio, do 2 de decembro de 2019.

8. Rematado o prazo previsto para a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia, enténdese emitido este informe en sentido favorable.

9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada.

10. Emitiron informes previos á aprobación provisional: técnico, o arquitecto municipal o 27 de novembro de 2019, e xurídico, a coordinadora de servizos urbanísticos do Concello o 14 de xaneiro de 2020.

11. O Pleno do Concello de Oleiros aprobou provisionalmente a modificación o 30 de xaneiro de 2020.

12. A solicitude de informe realizouse mediante oficio do 3 de febreiro de 2020, que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o día 4 de febreiro de 2020.

13. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o Goberno de España declarou, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos e sinala a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O proxecto ten por obxecto adaptar as aliñacións definidas polo PXOM na zona da rúa Traballo e da rúa Batán ás obras de ampliación da calzada da estrada N-VI recentemente executadas polo Ministerio de Fomento.

2. A ordenación proposta pretende incorporar ao sistema viario a totalidade dos terreos expropiados polo Ministerio de Fomento e incluír dentro do cuarteirón edificable unha parcela privada edificada que o PXOM considera actualmente sistema viario como previsión para a ampliación da estrada N-VI e que non foi atinxida por esta ampliación xa finalizada.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación recibida, non se encontran obxeccións ao contido desta.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 10 do Concello de Oleiros (A Coruña) na zona da rúa Traballo e rúa Batán.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e continuará unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda