Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 1 de xuño de 2020 Páx. 21817

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 14 de maio de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 11 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Oleiros solicita a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal arriba referido, en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en adiante, LSG).

Analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Oleiros en febreiro de 2020 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal, que foi aprobado definitivamente de forma parcial pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11 de marzo de 2009 e pola Orde do 11 de decembro de 2014 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 16 de maio de 2019 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, mediante Resolución do 12 de xuño de 2019.

4. O arquitecto municipal e a coordinadora de servizos urbanísticos emitiron informes previos á aprobación inicial con data do 1 de agosto de 2019 e do 29 de agosto, respectivamente.

5. O Pleno do Concello de Oleiros aprobou inicialmente a modificación o 26 de setembro de 2019. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 16 de outubro de 2019 e Diario Oficial de Galicia do 14 de outubro), sen se presentar ningunha alegación, segundo informe da funcionaria municipal encargada do 14 de agosto de 2019 incluído no expediente.

6. Consta a emisión do seguinte informe estatal:

– Dirección Xeral de Aviación Civil, do 11 de outubro de 2019, de carácter favorable.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil, do 10 de novembro de 2019.

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en materia de solos contaminados, do 14 de novembro de 2019.

– Instituto de Estudos do Territorio, do 5 de decembro de 2019.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 7 de febreiro de 2020.

8. Rematado o prazo previsto para a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia, enténdese emitido este informe en sentido favorable.

9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada.

10. A coordinadora de servizos urbanísticos do concello emitiu informe previo á aprobación provisional o 21 de febreiro de 2020, coa conformidade da secretaria municipal do 20 de xaneiro de 2020.

11. O Pleno do Concello de Oleiros aprobou provisionalmente a modificación o 27 de febreiro de 2020.

12. A solicitude de informe realizouse mediante oficio do 3 de marzo de 2020, que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o día 4 de marzo de 2020.

13. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o Goberno de España declarou, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos e sinala a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto e descrición da modificación.

O obxectivo é modificar a ordenación recollida no PXOM para adoptar os usos previstos nas edificacións no solo urbano non consolidado POL-31 á actual demanda na zona.

A proposta consiste na modificación do réxime de usos permitidos no polígono POL-31, engadindo a posibilidade do uso vivenda na planta baixa, uso non permitido pola ordenanza 4 do PXOM, de aplicación no ámbito. En consecuencia, múdase a redacción do artigo 133 da normativa do PXOM, modificando as determinacións para o POL-31 de xeito que se permite expresamente o uso de vivenda plurifamiliar en planta baixa.

Así mesmo, a edificabilidade prevista no planeamento vixente é de 0,75 m2/m2 sobre un ámbito de 7.265 m2, do que resultan 5.448,75 m2 edificables. A modificación sobre a base dun reaxuste de superficies no ámbito, derivadas da redacción dos proxectos de urbanización e reparcelación (con maior precisión), mantén o parámetro de edificabilidade considerándoa sobre unha superficie total de 7.878,66 m2, do que resultan 5.909 m2 edificables.

Por outra banda, cámbianse os coeficientes de ponderación previstos no PXOM, que no punto 4.5.1 da memoria (xestión urbanística do POL-31) recolle unha distribución de usos pormenorizados do 70 % en vivenda colectiva e 30 % de comercial en planta baixa; os coeficientes de ponderación son 1,00 para o uso característico de vivenda colectiva e 1,05 para uso comercial. A modificación, sobre a base do proxecto de reparcelación aprobado, asigna a estes dous usos o mesmo coeficiente de ponderación, 1,00.

Establécese unha reserva mínima do 1 % da edificabilidade total do ámbito para uso comercial nunha zona concreta do POL-31, que cumpre o disposto no artigo 27.3 da Lei 13/2010, de comercio interior de Galicia, e no artigo 78.5 do Regulamento da LSG.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación recibida, infórmase de que non se encontran obxeccións ao contido desta, que dá resposta axeitada ás observacións efectuadas no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 16 de maio de 2019.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 11 do PXOM do concello de Oleiros (A Coruña) no ámbito do POL-31.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e continuará unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda