Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21701

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2020 pola que se abre a convocatoria para o ano 2020 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código do procedemento VI420A).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, aprobou a Resolución do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Con estas axudas preténdese apoiar os esforzos que están a levar a cabo as comunidades de propietarios/as destas vivendas para acometer as obras necesarias para a adecuación aos requisitos de seguridade, habitabilidade, accesibilidade e funcionalidade destes edificios.

Esta convocatoria realízase, así mesmo, de conformidade co establecido no parágrafo cuarto da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, segundo a redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, e tras o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, e a Resolución do 12 de maio de 2020 desta Presidencia pola que se acorda, por razóns de interese público, a continuación do expediente correspondente á concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (código do procedemento VI420A).

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2020 as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS) que teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados, correspondente ao procedemento VI420A.

Segundo. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 4 de abril de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG núm. 77, do 23 de abril).

Terceiro. Beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que no momento de presentar a correspondente solicitude teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases do 4 de abril de 2019 e conforme a disposición orzamentaria existente.

Cuarto. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

2. As ditas actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non teñan comenzado antes do 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria e non teñan executado máis dun 60 % do custo total das obras.

Quinto. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, e o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

2. En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da «Base de datos da construción de Galicia», vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos; subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través da seguinte ligazón: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588.

Sexto. Intensidade das axudas desta convocatoria

A contía nas subvencións será do 60 % do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

Sétimo. Aplicación orzamentaria

1. O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2020 07 83 451A 781.0. A contía será de 1.000.000 euros, destinando para tal fin 30.000 euros con cargo ao ano 2020 e 970.000 euros con cargo ano 2021.

2. A persoa titular da dirección xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por producirse algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

Oitavo. Documentación que se debe presentar para solicitar esta axuda

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse coa seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade en que consten os acordos adoptados pola xunta de persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións, de acordo co ordinal cuarto desta resolución. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento estimado das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables.

d) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

e) Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a comunidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido, logo de resolución ditada para o efecto.

Noveno. Forma e presentación da solicitude e da documentación complementaria

1. A solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse tamén de forma electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a solicitude e/ou a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda, de conformidade co artigo 68.4 da LPACAP.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo .

Décimo. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser presentados de xeito electrónico, accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Resolución de concesión

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de concesión da subvención comprenderán o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras e a data límite para a solicitude de pagamento.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puidesen ser atendidas, ben co crédito que quede libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da LSG.

Décimo terceiro. Prazo da resolución da concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Décimo cuarto. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que se poderá interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Décimo quinto. Solicitude de pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras dentro da anualidade indicada na súa resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá solicitar o pagamento da subvención mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/s de todos os gastos subvencionables.

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do RLSG.

No caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s, (anexo III) para realizar as obras obxecto desta axuda, de acordo co punto trixésimo segundo da resolución de bases, estarán exentos da presentación os xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos. Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

2. A persoa titular da xefatura de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, á vista do informe técnico e da documentación achegada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo sexto. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da LPACAP.

Décimo sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. En todo caso, o IGVS poderá crear, de oficio, o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro respectivo, habilitado para tal efecto no formulario de solicitude (anexo I), e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo noveno. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recabados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais .

Vixésimo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as comunidades beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo primeiro. Información ás persoas interesadas

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da xunta: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou na páxina web oficial do IGVS: http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada .

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

Vixésimo segundo. Eficacia

Esta resolución produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file