Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21716

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de maio de 2020 pola que se abre a convocatoria para o ano 2020 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código do procedemento VI420A).

BDNS (Identif.): 507346.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que no momento de presentar a correspondente solicitude teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases do 4 de abril de 2019 e conforme a disposición orzamentaria existente.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2020 as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS) que teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados, correspondente ao procedemento VI420A.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG núm. 77, do 23 de abril).

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2020 07 83 451A 781.0. A contía será de 1.000.000,00 euros, destinando para tal fin 30.000 euros con cargo ao ano 2020 e 970.000 euros con cargo ao 2021.

A contía nas subvencións será do 60 % do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e no mes de vencemento. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo