Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20557

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 21 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de Rañas, parroquia de Tremoedo.

O Concello de Vilanova de Arousa remite documentación da modificación puntual número 21 das Normas subsidiarias de planeamento municipal para a redelimitación do núcleo rural de Rañas, na parroquia de Tremoedo, para resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e ao artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG), segundo o establecido no artigo 83.6 da LSG.

Logo de analizar o proxecto da modificación puntual para a redelimitación do núcleo rural de Rañas, aprobada polo Pleno da corporación en setembro de 2019, e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas Normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o día 14.03.1997 e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 28.05.1997 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do día 5.5.1997.

2. Mediante resolución do día 26.02.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual para a redelimitación do núcleo rural de Rañas e resolveu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (expediente 2017AAE2138), achegando o informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do día 19.02.2018, do Instituto de Estudos do Territorio do día 12.02.2018 e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do día 19.1.2018.

3. A modificación puntual para a redelimitación do núcleo de Rañas someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio no DOG núm. 156 do día 15.6.2018 e nos xornais Diario de Arousa do día 30.1.2019 e Faro de Vigo do día 31.1.2019, notificándoselle individualmente aos titulares catastrais dos terreos afectados. Foron presentadas 3 alegacións durante o trámite de información pública.

4. O Concello solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (constan informes en materia de costas dos días 6.2.2019 e 11.11.2019), á Axencia Galega de Infraestruturas (consta informe do día 5.3.2020), á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (consta informe do día 21.5.2019), a Augas de Galicia (consta informe asinado os días 27.5.2019 e 28.5.2019), á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (consta informe en materia de residuos do día 6.2.2019), á Dirección Xeral de Montes (consta informe do día 10.5.2019), ao Instituto de Estudos do Territorio (consta informe asinado o día 15.4.2019), á Deputación Provincial de Pontevedra (consta resolución da Xunta de Goberno do día 8.2.2019), á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (consta informe do día 21.1.2019), á Consellería de Medio Rural, á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (constan informes dos días 8.2.2019, 20.12.2018 e 16.1.2020), á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (consta informe do día 8.2.2019), ao Ministerio de Economía e Empresa (consta informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do día 28.11.2018), e á Delegación do Goberno (que en data 21.2.2019 remite o informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do día 18.12.2018, da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do día 20.12.2018, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do día 8.1.2019 e da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do día 11.2.20119).

5. Foi emitido un informe técnico municipal favorable o día 4.9.2019, un informe xurídico favorable o día 04.09.2019, un informe do secretario o día 9.9.2019 e de Intervención o día 14.6.2019.

6. A modificación puntual número 21 para a redelimitación do núcleo rural de Rañas foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello en sesión do día 30.09.2019.

7. O Concello remitiu o expediente e o documento aprobado provisionalmente ao órgano competente en materia de urbanismo para resolver sobre a súa aprobación definitiva, e deu resposta ao requirimento de integridade documental realizado.

8. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declarouse, mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional, por parte do Goberno de España.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio de 2020, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto da modificación puntual.

Segundo o establecido na memoria desta modificación, o seu obxecto é a redelimitación do núcleo existente de Rañas para a mellora da ordenación vixente e o seu axuste ás condicións de delimitación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Na proposta de delimitación o núcleo rural de Rañas delimítase como un núcleo descontinuo:

– O asentamento principal, basicamente concordante co asentamento existente, que se define como núcleo rural tradicional e, reaxustando no perímetro do núcleo as áreas estremeiras, como núcleo rural común.

– Un asentamento denominado Rañas 2 e localizado uns metros ao leste do núcleo principal, ao carón da estrada provincial, que se recolle como solo de núcleo rural común.

Todas as áreas que se pretenden transformar en solo de núcleo rural teñen a clasificación de solo non urbanizable de protección común. As áreas que se exclúen do solo de núcleo rural pasan a clasificarse como solo rústico de protección ordinaria.

III. Informe.

A documentación achegada incorporou os condicionantes derivados dos informes sectoriais pero cómpre sinalar que o informe emitido pola Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información o día 28.11.2018 é favorable condicionado á corrección de erros sinalados no seu informe e unha vez emendados debe remitirse unha copia coas correccións efectuadas. Non consta o cumprimento deste condicionado.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

Resolvo:

1. Aprobar definitivamente a Modificación puntual número 21 das Normas subsidiarias de planeamento municipal de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de Rañas, na parroquia de Tremoedo, condicionada ao cumprimento do sinalado no punto III deste informe.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da Modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e continuará unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, de ser o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
P.S. (Resolución do 30.4.2020)
Eduardo Sobrino Rodríguez
Subdirector xeral de Urbanismo