Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20553

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do anexo á modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de Curtis, para os efectos da resolución sobre unha segunda aprobación definitiva segundo o previsto no artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

Con data do 23.3.2020 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un oficio polo que se comunica a aprobación provisional dun anexo á modificación puntual número 6 do PXOM do Concello de Curtis, como resposta á Resolución do 22 de xaneiro de 2020, de aprobación definitiva parcial da devandita modificación puntual. O oficio, presentado de xeito electrónico, ten entrada no Servizo de Urbanismo da Coruña acompañado dun certificado do acordo plenario de aprobación provisional do 10.3.2020.

Con posterioridade, tras nova entrada do 7.4.2020 no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia dun oficio aclaratorio, e a través da plataforma electrónica XuntaArquivos, ten entrada no Servizo de Urbanismo da Coruña o documento da modificación aprobada provisionalmente en sesión plenaria do 10.3.2020.

A documentación presentada consiste no documento denominado «Anexo. Proposta de incorporación no documento das determinacións da Resolución do 22 de xaneiro de 2020 de aprobación definitiva parcial» datado en febreiro de 2020.

Analizada a documentación, subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, e vista a proposta que eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Curtis conta cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 19 de setembro de 2007.

2. Con data do 22.1.2020 a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou resolución de aprobación definitiva parcial da modificación puntual número 6 do PXOM do Concello de Curtis, acordando deixar en suspenso os ámbitos dos núcleos de:

– Parroquia de Fisteus: Campos, As Regas e Balter-Cruceiro.

– Parroquia de Curtis: O Abelar, A Brixaría, Montealto, Morangueiros, A Cerdeira-Modillós e Santaia-O Curro.

– Parroquia de Santa María de Lurdes: Bodeus.

A resolución consideraba que o concello debería emendar as deficiencias sinaladas nos ámbitos deixados en suspenso, e logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación, elevar o novo documento ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. O Concello de Curtis, en sesión plenaria do 10.3.2020, acordou aprobar provisionalmente o documento «Anexo. Proposta de incorporación no documento das determinacións da Resolución do 22 de xaneiro de 2020 de aprobación definitiva parcial» datado en febreiro de 2020, coa finalidade de dar cumprimento á resolución ditada.

4. Con data do 13.4.2020 o Servizo de Urbanismo da Coruña require ao concello a emenda de deficiencias no expediente.

5. Con data do 14.4.2020 o Concello de Curtis achega copia compulsada das actuacións administrativas practicadas no expediente da modificación puntual desde a aprobación definitiva parcial, incluíndo os informes técnico e xurídico municipais favorables, emitidos para a aprobación provisional documento remitido.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

Os obxectivos da modificación son, en resumo, os seguintes:

– A adaptación do solo clasificado como núcleo rural á lexislación urbanística vixente (LSG e o RLSG), axustando as delimitacións dos núcleos á realidade socioeconómica do momento que reflicta as necesidades da poboación.

– A mellora da ordenación dos núcleos, trazando as aliñacións e sinalando ordenanzas de aplicación, adaptadas á realidade física e normativa actual.

– Simplificar a interpretación da documentación.

O ámbito do documento agora presentado afecta os núcleos cuxa ordenación se atopa en suspenso: Campos, As Regas, Balter e Cruceiro (parroquia de Fisteus); O Abelar, A Brixaría, Montealto, Morangueiros, Cerdeira, Modillós, Santaia e O Curro (parroquia de Curtis); e Bodeus (parroquia de Santa María de Lurdes).

III. Análise e consideracións:

1. Xustificación do interese público.

As razóns expostas na memoria do documento, para a formulación da modificación, sustentadas na adecuación do PXOM á lexislación vixente na materia (LSG e RLSG), na adaptación das delimitacións existentes á realidade física e social do concello, reflectindo as necesidades da poboación derivadas do proceso de participación cidadán realizado; así como a mellora na ordenación dos núcleos, trazando aliñacións e concretando ordenanzas, todo iso adaptado á realidade actual, poden considerarse como de interese público para a formulación dunha modificación do planeamento xeral (artigo 83.1 da LSG).

2. O novo documento presentado dá cumprimento ás observacións sinaladas na Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditada o 22 de xaneiro de 2020.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

Resolvo:

1. Aprobar definitivamente o documento denominado Anexo á modificación número 6 do PXOM de Curtis para a modificación na delimitacións dos núcleos rurais.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante o anterior e de conformidade co disposto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo de dous meses sinalado anteriormente computarase a partir da data en que perda vixencia o citado real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
P.S. (Resolución do 14.4.2020)
Eduardo Sobrino Rodríguez
Subdirector xeral de Urbanismo