Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 31 de decembro de 2019 Páx. 56224

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DECRETO 164/2019, do 12 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.2 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, prevé que para dar cumprimento aos obxectivos sobre a estabilización do persoal no emprego público, dentro dos acordos asinados pola Administración xeral do Estado e pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, aplicaranse as disposicións que se establezan na normativa básica do Estado.

O artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, establece que as administracións e sectores sinalados, entre outros, nas letras A), B), G), O) e P) e Policía Local, regulados na epígrafe un.2 anterior, ademais da taxa resultante da epígrafe Un.2 e 3, poderán dispor dunha taxa adicional para estabilización de emprego temporal que incluirá ata o 90 por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016. Prescribe, así mesmo, que «as ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberán aprobarse e publicarse nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2017 a 2019 e serán coordinados polos departamentos ministeriais competentes».

Mediante os decretos 29/2018, do 22 de febreiro, e 12/2019, do 7 de febreiro, aprobáronse as ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2018 e 2019, das prazas de persoal funcionario dos copos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No primeiro deles cuantificouse a oferta de emprego público relativa á estabilización de emprego temporal en 581 prazas, e no segundo en 666. Estas 1.247 prazas non esgotaron as prazas que había que convocar de estabilización de emprego temporal.

De conformidade co previsto no artigo 19.un.6 da mencionada Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, é necesario aprobar e publicar no Diario Oficial de Galicia antes de que remate o ano 2019 as prazas de estabilización de emprego temporal pendentes de convocar dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Así mesmo, e coa finalidade de aprobar nun único decreto a oferta de emprego do persoal correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cuxos procedementos selectivos se van desenvolver durante o ano 2020, e que a estes lles sexa de aplicación a mesma normativa, procédese a incluír neste decreto as prazas da taxa de reposición correspondentes as xubilacións e outras vacantes producidas no ano 2019.

Polo anterior, e tendo en conta a planificación educativa e a taxa de reposición a que se fixo referencia no parágrafo anterior, e as prazas de estabilización de emprego temporal pendentes de convocar, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que inclúe as prazas de estabilización de emprego temporal pendentes de convocar e as prazas da taxa de reposición, de conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nas leis 3/2017, do 27 de xuño, e 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para os anos 2017 e 2018, respectivamente.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición é de 902.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á estabilización de emprego temporal

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á estabilización de emprego temporal é de 1.134.

Artigo 4. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición e á estabilización de emprego temporal distribuída por corpos

Corpo de mestres:

747

Corpo de profesores técnicos de formación profesional:

363

Corpo de profesores de ensino secundario:

781

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas:

30

Corpo de profesores de música e artes escénicas:

85

Corpo de profesores de artes plásticas e deseño:

30

Artigo 5. Convocatoria conxunta dos procesos selectivos

As prazas correspondentes á taxa de reposición de efectivos e as prazas relativas á estabilización de emprego temporal do mesmo corpo acumularanse nunha única convocatoria do procedemento selectivo.

Artigo 6. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos e de estabilización de emprego temporal a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de inspectores de educación:

10

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario:

260

Acceso ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño:

10

Artigo 7. Prazas de acceso a un corpo de mesmo subgrupo e nivel de complemento de destino

Acceso ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas:

38

Artigo 8. Prazas de acceso aos corpos de catedráticos

Acceso ao corpo de catedráticos de ensino secundario:

1.232

Acceso ao corpo de catedráticos de escolas oficiais de idiomas:

50

Acceso ao corpo de catedráticos de artes plásticas e deseño:

18

Artigo 9. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva supere a proba e non obteña praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 10. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 11. Acumulación das prazas

1. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de ingreso libre acumularanse ás convocadas no dito sistema, na correspondente especialidade.

2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de acceso acumularanse ás prazas convocadas polo dito sistema, cando sexa o caso, na correspondente especialidade.

3. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.

Artigo 12. Non superación do número máximo de prazas convocadas

Os tribunais non poderán declarar que superou as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lle sexan asignadas. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, se for o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou as fases de oposición e concurso, polo sistema de ingreso libre, un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á estabilización de emprego temporal e taxa de reposición.

Artigo 13. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de decembro de dous mil dezanove.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e
Formación Profesional