Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 31 de decembro de 2019 Páx. 56229

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión pola que se encarga á empresa Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) o servizo de xestión e mantemento da Rede galega de dinamización xuvenil.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) en virtude da Resolución de 18 de decembro de 2019 da conselleira de Política Social.

– Actividade. A encomenda consiste no servizo de xestión e mantemento da Rede galega de dinamización xuvenil, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ten natureza intersubxectiva, ao ter Tragsatec a consideración de medio instrumental da Administración segundo o disposto na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

– Prazo de vixencia. O prazo de execución terá unha duración de dez meses (do 1 de xaneiro ao 31 de outubro de 2020).

– Modalidade de financiamento. Esta encomenda tramítase con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aplicación orzamentaria 13.05.313.A.227.99, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 17 de outubro de 2019, en que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

– A resolución do encargo queda sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

A conselleira de Política Social
P.D. (Orde do 3 de marzo de 2016)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social