Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 31 de decembro de 2019 Páx. 56220

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 163/2019, do 26 de decembro, polo que se regulan novos termos da xestión da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54).

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos fundamentais a mellora da ordenación do territorio da Comunidade Autónoma. Para acadar tal obxectivo, cómpre dotar a Galicia dunha ampla rede de infraestruturas viarias, que actúen como elementos vertebradores do territorio.

Considerando como eixe fundamental a rede que une Santiago de Compostela e Ourense, adoptáronse os mecanismos necesarios para establecer a colaboración entre as diferentes administracións.

Tras o acordo entre as administracións autonómica e central para a construción dunha autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense, o Ministerio de Fomento abordou a execución dun primeiro treito entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo, asumindo a Xunta de Galicia a execución do treito restante desde Alto de Santo Domingo ata a conexión coa autovía A-52.

Con este obxecto, mediante o Decreto 432/2003, do 5 de decembro, reguláronse a construción, a explotación e conservación e os termos da xestión do treito cuxa construción asumía a Administración autonómica.

En exercicio das súas competencias, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 193/2007, do 4 de outubro, polo que se regulan os termos da xestión do treito Alto de Santo Domingo- enlace de Cea. Esta disposición supuxo a asunción por parte da Administración autonómica das peaxes que resultarían de aprobar, para este treito, a aplicación das tarifas vixentes nos itinerarios da autoestrada de titularidade estatal entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo.

Así mesmo, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 300/2008, do 30 de decembro, polo que se regulan os termos da xestión do treito enlace de Cea-A52, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52. Mediante este decreto, a Administración autonómica asumiu as peaxes deste itinerario e con este obxecto aprobou a aplicación das tarifas vixentes no treito Alto de Santo Domingo-enlace de Cea para o treito Enlace de Cea-A52, o que permitía asegurar a adecuación daquelas a prezos de mercado, ademais de manter a necesaria coherencia da actuación da Administración autonómica coa estatal, todo isto no marco dos acordos subscritos no seu día.

Co obxecto de regular o réxime de actualización das tarifas aprobadas, de conformidade co disposto na cláusula segunda do Acordo do 23 decembro de 2002 co Ministerio de Fomento, mediante o Decreto 104/2010, do 17 de xuño, estableceuse que as tarifas aplicables para determinar os importes que a sociedade pública que xestiona a autoestrada percibe como ingresos propios son as que se aproban para o treito da autoestrada Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo en cada exercicio.

Na actualidade, a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.U. (SPI), encargada de xestionar a citada vía, comparte coa Administración autonómica o obxectivo de xestionar os seus recursos baixo as premisas das actuais restricións orzamentarias e o criterio de eficiencia.

Para adaptar as achegas de fondos por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ás necesidades reais da explotación de SPI, tramitouse o Decreto 100/2014, do 24 de xullo, polo que se regulan novos termos da xestión da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54).

Na actualidade, o escenario financeiro de SPI fai necesario adiantar ao ano 2020 a redución das tarifas proxectada para o ano 2025, segundo o Decreto 100/2014, do 24 de xullo, co obxectivo de axustar os ingresos percibidos aos gastos necesarios para o desenvolvemento da actividade da sociedade pública e non desvirtuar a finalidade das achegas da Axencia Galega de Infraestruturas.

Por isto, este decreto ten por obxecto regular un novo réxime tarifario fixando as tarifas que servirán de base para o cálculo das transferencias que SPI percibirá da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade durante a vixencia do convenio.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar, para o exercicio 2020, as tarifas (sen IVE) para vehículos lixeiros, vehículos pesados 1 e vehículos pesados 2, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54), que serán as seguintes:

Categoría

Tarifa (€/km)

Lixeiros

0,0589

Pesados I

0,0994

Pesados II

0,118

Artigo 2

Aprobar, para o período 2021-2026, as tarifas (sen IVE) para vehículos lixeiros, vehículos pesados 1 e vehículos pesados 2, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54), que serán as seguintes:

Categoría

Tarifa (€/km)

Lixeiros

0,0486

Pesados I

0,082

Pesados II

0,0974

Artigo 3

Aprobar, para o período 2027 e seguintes do período de vixencia do convenio, as tarifas (sen IVE) para vehículos lixeiros, vehículos pesados 1 e vehículos pesados 2, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54), que serán as seguintes:

Categoría

Tarifa (€/km)

Lixeiros

0,0415

Pesados I

0,07

Pesados II

0,0832

Artigo 4

A sociedade pública SPI percibirá como ingresos propios as contías que deriven da aplicación das tarifas aprobadas pola Administración ao percorrido efectivo realizado polos usuarios. Os importes serán aboados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que non será de aplicación o pagamento da peaxe por parte dos usuarios.

Neste termos, o presente decreto non modifica o disposto no Decreto 193/2007, do 4 de outubro, e no Decreto 300/2008, do 30 de decembro.

A regulación do réxime tarifario establecida no Decreto 104/2010, do 17 de xuño, e no Decreto 100/2014, do 24 de xullo, non será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Disposición transitoria

Mentres non se subscriba un novo convenio que recolla o novo marco normativo, será de aplicación o previsto no convenio vixente en todos aqueles aspectos que non contradigan o establecido neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade