Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 31 de decembro de 2019 Páx. 56217

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de decembro de 2019 pola que se modifica a Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

O 12 de febreiro de 2015, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, inclúe no seu eixe 3º un programa específico tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o bono de alugueiro social.

O 7 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Con data do 21 de novembro de 2019, o Instituto Galego da Vivenda e Solo asinou un protocolo de colaboración coa Consellería de Política Social co obxectivo de recoñecer como novo colectivo de persoas beneficiarias do bono de alugueiro social o dos/das mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade, para facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento.

Por outra banda, as circunstancias actuais da situación do mercado inmobiliario determinaron que aumentase considerablemente o número de persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.

Polo exposto con anterioridade, faise necesario modificar a citada Orde do 18 de decembro de 2018 para actualizar os colectivos beneficiarios da axuda.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

ACORDO:

I. Modificación das bases reguladoras

Artigo único. Modificación da Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

1. Modifícase o artigo 2.1 da Orde do 18 de decembro de 2018, engadindo dúas alíneas, h) e i), que quedan redactadas do seguinte xeito:

«h) Mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, para facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento.

i) Aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras».

2. Modifícase o artigo 3.2.a) da Orde do 18 de decembro de 2018, que queda redactado do seguinte xeito:

«a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de nove meses».

3. Modifícase o artigo 3.8 da Orde do 18 de decembro de 2018, que queda redactado do seguinte xeito:

«8. No caso dos/das mozos/as que tendo estado tutelados pola Xunta de Galicia cumpran a maioría de idade, poderán solicitar a axuda do bono de alugueiro social no prazo dun ano contado desde a data en que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia. Ademais, deberán cumprir os requisitos sinalados no punto 1 deste artigo».

4. Engádense dous novos puntos, 9 e 10, ao artigo 3 da Orde do 18 de decembro de 2018, coa seguinte redacción:

«9. No caso de unidades de convivencia de persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento, as entidades financeiras deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, que entre a data de presentación da solicitude da axuda e a data do decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, do acordo extraxudicial análogo entre a entidade executante e a persoa afectada non transcorresen máis de doce meses.

10. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedida esta axuda nos tres anos anteriores á data de presentación dunha nova solicitude, así como aquelas outras que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario desta axuda, coa excepción daquelas persoas que estean en situación de vulnerabilidade no marco do Programa de vivendas baleiras e así sexa apreciado pola comisión de seguimento do citado programa. Neste caso, a súa duración non poderá exceder o período máximo de desfrute destas axudas».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda