Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 20 de novembro de 2019 Páx. 49473

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de outubro de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto da instalación eléctrica denominada liña de alta tensión 66 kV Miñón como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 10 de outubro de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial. Liña de alta tensión 66 kV Miñón, promovido por Greenalia Green Power Miñón, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no Concello de Vimianzo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Liña de alta tensión 66 kV Miñón.

Contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao da notificación ou publicación no DOG desta resolución, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación no DOG desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Planeamento e lexislación urbanística vixente.

O municipio de Vimianzo presenta como figura de ordenación do territorio vixente as normas subsidiarias de planeamento, aprobadas o 1 de xullo de 1994. Os datos básicos deste planeamento son os seguintes:

Planeamento vixente

Aprobación definitiva

BOP

DOG

Normativa

Normas subsidiarias

1.7.1994

11.8.1994

-

27.9.1994

Segundo a planimetría presente nestas normas subsidiarias, a traza das instalacións proxectadas transcorre polas seguintes clasificacións de solo non urbanizable.

– PF: solo non urbanizable de protección de ríos, regatos e zonas húmidas.

– NU: solo non urbanizable común.

– PN: solo non urbanizable de protección de espazos naturais.

– SF: solo non urbanizable de protección de zonas forestais.

Remitíndonos ao establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Segundo o recollido no punto 2.d) da disposición transitoria primeira da devandita lei.

Disposición transitoria primeira de réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento.

1. O planeamento aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da presente lei e adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro.

2. O planeamento aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da presente lei e non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, conservará a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación a esta, conforme as seguintes regras:

d) Ao solo non urbanizable ou solo rústico, aplicaráselle o disposto na presente lei para o solo rústico.

(…)

No artigo 50.1 do Decreto 143/2016 Regulamento da Lei de solo 2/2016, sobre usos e actividades en solo rústico, enuméranse algúns dos usos e actividades admisibles neste tipo de solo, entre algúns deses usos atópanse os recollidos no punto m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polo que discorren (artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do solo de Galicia). Con isto pódese concluír que a normativa propia é conforme co uso das instalacións proxectadas.

Acorde co artigo 49.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, as determinacións e afeccións sectoriais recollidas no Plan básico autonómico (PBA) aprobado definitivamente o 26.7.2018 (DOG do 27 de agosto). Para estes efectos, e dado o carácter complementario e subsidiario do Plan básico autonómico respecto do plan urbanístico, co obxecto de verificar a compatibilidade con outras afeccións territoriais recollidas nel, recóllense na epígrafe planos a implantación da ordenación proposta no presente proxecto sectorial sobre a cartografía.

Aínda así, segundo o estipulado no artigo 51 réxime de usos do Decreto 143/2016 Regulamento da Lei do solo 2/2016, nos terreos clasificados como solo rústico de especial protección poderán realizarse os usos, actividades e construcións enumeradas no artigo anterior, sempre que sexan permitidos pola correspondente lexislación sectorial, por resultar compatible co réxime de especial protección. En todo caso, no solo rústico de especial protección será necesario obter a autorización ou informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente con carácter previo á obtención do título habilitante municipal ou autorización autonómica nos casos en que esta fose preceptiva segundo o disposto no punto seguinte (artigo 36.2 da Lei do solo de Galicia). Para os efectos previstos neste artigo, a competencia para emitir a autorización ou informe favorable virá determinada en función da categoría de solo rústico obxecto de especial protección de que se trate.

Segundo o exposto no punto anterior, ao municipio afectado polas instalacións proxectadas aplicaráselle o réxime de solo rústico como determina a Lei 2/2016, do solo de Galicia, e, por tanto, rexeranse polo estipulado no artigo 50.1 e 51 do Decreto 143/2016 Regulamento da Lei do solo (artigos 35.1 e 36.2 da Lei do solo 2/2016).

2. Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente».

Así pois, cando no municipio de Vimianzo se proceda coa adaptación do Plan municipal á Lei 2/2016, do solo de Galicia, o ámbito delimitado neste proxecto sectorial clasificarase como solo rústico de protección de infraestruturas, xa que, segundo o artigo 31 da devandita lei, defínese:

«Artigo 31. Concepto e categorías

1. Terán a condición de solo rústico:

a) Os terreos sometidos a algún réxime de especial protección, de conformidade coa lexislación sectorial de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas, ou coa lexislación sectorial de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais.

b) Os ameazados por riscos naturais ou tecnolóxicos, incompatibles coa súa urbanización, tales como inundación, erosión, afundimento, incendio, contaminación ou calquera outro tipo de catástrofes, ou que perturben o ambiente ou a seguridade e saúde.

c) Os terreos que o plan xeral ou os instrumentos de ordenación do territorio non consideren adecuados para o desenvolvemento urbanístico, en consideración aos principios de utilización racional dos recursos naturais ou de desenvolvemento sustentable.

2. Dentro do solo rústico distinguirase o solo rústico de protección ordinaria e o solo rústico de especial protección.

(…)

Artigo 34. Solo rústico de especial protección

1. O plan clasificará como solo rústico de especial protección os terreos afectados polas lexislacións sectoriais de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas ou polas de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais.

2. No solo rústico de especial protección distinguiranse as seguintes categorías:

a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos que fosen obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta produtividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira.

b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos montes veciñais en man común e os terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal.

c) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente.

d) Solo rústico de protección de costas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano que se atopen dentro da servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre establecida pola lexislación sectorial estatal en materia de costas e os delimitados como áreas de protección costeira no Plan de ordenación do litoral.

e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos do plan urbanístico e de ordenación do territorio.

f) Solo rústico de protección de espazos naturais, constituído polos terreos sometidos a algún réxime de protección por aplicación da lexislación de conservación da natureza ou a lexislación reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna.

g) Solo rústico de protección paisaxística, constituído polos terreos considerados como áreas de especial interese paisaxístico de conformidade coa lexislación de protección da paisaxe de Galicia e como espazos de interese paisaxístico no Plan de ordenación do litoral.

h) Solo rústico de protección patrimonial, constituído polos terreos protexidos pola lexislación de patrimonio cultural.

3. Os concellos que durante a elaboración do seu plan e como consecuencia do estudo detallado observasen ámbitos que, a pesar de non contar con protección sectorial, conteñen valores merecedores de especial protección poderán outorgarlles tal categorización, logo de xustificación adecuada e conformidade expresa da administración que teña a competencia sectorial.

4. Cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.

5. O plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo de informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente».

En todo caso, a nova categoría de solo rústico proposta superpoñerase de forma complementaria, sen desprazala, sobre aqueloutra categoría que dispoñan os terreos do plan vixente, prevalecendo en todo momento a que outorgue maior grao de protección.

A continuación indícanse as características do solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinados ás instalacións de distribución da enerxía eléctrica desde a subestación eléctrica de Miñón (Vimianzo) ata o apoio de entroncamento co tramo I.2 da liña colectora norte.

Non se permitirán outras construcións, ao abeiro da presente ordenanza, que non sexan estritamente necesarias para o adecuado funcionamento da liña de alta tensión.

2. Usos permitidos.

O réxime xeral do solo rústico de protección de infraestruturas ten por obxecto preservar os terreos ocupados polas infraestruturas e as súas zonas de afección, así como os que sexan necesarios para a implantación doutras novas. Esta categoría de solo queda suxeita ao seguinte réxime:

Segundo o artigo 34.2.e) os terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

Permitiranse as instalacións necesarias para a execución e o funcionamento da devandita infraestrutura.

3. Contorna da liña eléctrica.

Segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese que:

Artigo 158. Servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica

Establecendo a anchura de servidume variable segundo os planos que se xuntan adaptados ás necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá.

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas a terra dos devanditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender o establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arborado, se fose necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, de ser o caso, necesarios aos fins indicados no parágrafo c) anterior.

Artigo 162. Relacións civís

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo á súa custa os gastos da variación, incluíndose nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o contido desta e á seguridade da instalación, persoas e bens, de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os dous lados da devandita proxección.

4. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación da LAT para poder implantarse nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

5. Condicións de edificación.

Debido á particularidade e singularidade do tipo de instalación que se proxecta non se prevé necesaria a instalación de ningún edificio pechado, polo que non se dispón unha superficie mínima de parcela para a edificación. A altura máxima permitida para os apoios metálicos será de 55 metros.

6. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 39.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura eléctrica deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Garantir o acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Evacuación e tratamento de augas residuais.

– A subministración de enerxía eléctrica.

– A recollida, o tratamento, a eliminación e a depuración de toda clase de residuos.

– A dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

7. Condicións estéticas.

Cumprirán as prescricións descritas no Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

A adaptación que se acaba de detallar do plan, realizarase cando se proceda coa redacción do plan xeral do termo municipal afectado.

3. Prazo de adecuación dos planeamentos urbanísticos afectados.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación:

– Da redacción do plan urbanístico municipal.

– Da revisión do plan urbanístico municipal.

– Da adaptación do planeamento á Lei 2/2016, do solo de Galicia.

4. Eficacia da proposta sectorial.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, seguindo o procedemento establecido na disposición expresada no artigo 29 da normativa do Plan eólico de Galicia, á marxe das modificacións do plan local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise o planeamento municipal do concello afectado e/ou se adapte á Lei 2/2016, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», coa normativa sinalada nos puntos anteriores.

5. Cualificación das instalacións como de marcado carácter territorial.

En conformidade co establecido no Decreto 80/2000, capítulo I, artigo 3 de infraestruturas, dotacións e instalacións, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal (DOG do 17 de abril), e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, sobre ordenación do territorio de Galicia, no seu texto modificado pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e que, pola súa vez foi derrogada posteriormente pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras de construción e instalacións necesarias para a execución das infraestruturas comprendidas no presente proxecto sectorial.

En consecuencia, a súa execución, unha vez aprobado o presente proxecto sectorial, non requirirá da autorización urbanística autonómica a que fai referencia o artigo 38 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.