Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 20 de novembro de 2019 Páx. 49483

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de outubro de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto da instalación eléctrica denominada liña de alta tensión 132 kV evacuación parque eólico Ourol como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 10 de outubro de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado proxecto sectorial liña de alta tensión 132 kV evacuación parque eólico Ourol, promovido por Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Ourol e Viveiro queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado liña de alta tensión 132 kV evacuación parque eólico Ourol.

Contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación no DOG desta resolución, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación no DOG desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente e prazo para a adaptación.

A liña de evacuación do parque eólico que se proxecta afecta os termos municipais de Ourol e Viveiro (Lugo).

Os terreos situados no termo municipal de Ourol réxense polas normas subsidiarias de planeamento do 9 de outubro de 1984. De acordo con esta normativa, os terreos ocupados pola liña de evacuación están clasificados como:

– Solo non urbanizable non protexido.

– Solo non urbanizable de protección de canles.

– Solo non urbanizable de protección forestal.

Os terreos situados no termo municipal de Viveiro réxense polo Decreto 102/2006, do 22 de xuño, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento, así como o Decreto 89/2010, do 3 de xuño, polo que se modifica a ordenación provisional aprobada no Decreto 102/2006. De acordo con esta normativa, os terreos ocupados pola traza da liña están clasificados como:

– Solo rústico especialmente protexido.

De acordo coa Lei 2/2016, as clasificacións anteriores son equivalentes ás que a nova lei denomina:

– Solo rústico de protección ordinaria.

– Solo rústico de protección das augas.

– Solo rústico de protección forestal.

1.1. Solo rústico de protección ordinaria.

Considérase solo rústico de protección ordinaria:

«a) Os que non resulten susceptibles de transformación urbanística polo perigo para a seguridade das persoas e os bens, motivada pola existencia de riscos de calquera índole.

b) Aqueles que o planeamento considere innecesarios ou inapropiados para a súa transformación urbanística».

No artigo 3.5.5.3 das normas subsidiarias de planeamento de Ourol establécese que o solo non urbanizable non protexido non é susceptible de transformación. Este artigo pódese consultar no anexo nº 2 do presente proxecto sectorial.

No artigo 9.2 do Decreto 102/2006, do 22 de xuño, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento, prohíbense as novas edificacións destinadas a usos residenciais e industriais.

Os terreos ocupados con esta clasificación correspóndense coas torres de alta tensión da liña e con vías de acceso ata as ditas torres. Nas devanditas ordenanzas non se especifica este uso para o tipo de solo previsto.

1.2. Solo rústico de protección das augas.

O solo de protección das augas é o:

«… constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente».

No artigo 3.5.7 das normas subsidiarias de planeamento de Ourol establécese a definición e clasificación dos solos non urbanizables de protección de canles. Os usos permitidos para cada tipo de solo especifícanse no número 3.5.7.3, onde se indica a prohibición da transformación deste tipo de solos. Este artigo pódese consultar no anexo nº 2 deste proxecto sectorial.

Os terreos ocupados con esta clasificación correspóndense coas torres de alta tensión da liña e con vías de acceso ata as devanditas torres. Na devandita ordenanza non se especifica este uso para o tipo de solo previsto.

1.3. Solo rústico de protección forestal.

O solo rústico de protección forestal é o:

«… constituído polos montes veciñais en man común e os terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal».

No artigo 3.5.6 das normas subsidiarias de planeamento de Ourol establécese a definición e clasificación dos solos non urbanizables de protección forestal. Os usos permitidos para cada tipo de solo especifícanse no número 3.5.6.3, onde se indica a prohibición da transformación deste tipo de solos. Este artigo pódese consultar no anexo nº 2 deste proxecto sectorial.

Os terreos ocupados con esta clasificación correspóndense coa gabia e as torres de alta tensión da liña e con vías de acceso ata as ditas torres. Na devandita ordenanza non se especifica este uso para o tipo de solo previsto.

1.4. Conclusión.

Á vista das cualificacións de solo existentes, obsérvase que os terreos onde se sitúan os elementos da traza da liña non son adecuados para a súa futura implantación.

Con todo, de acordo co artigo 36.5 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e co 51.5 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, en todas as categorías de solo rústico poderanse implantar os usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso deste proxecto sectorial, despois da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

Desta maneira, en todos os tipos de solo rústico, xa sexa por uso permitido por licenza ou por autorización autonómica, está o uso establecido no número 2.m) do artigo 35 da Lei 2/2016.

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

Desta maneira, ao prevalecer a Lei 2/2016 sobre os planeamentos e deber adaptarse a ela, obsérvase que os terreos ocupados si poden albergar este tipo de infraestruturas de evacuación de enerxía.

Con todo, as infraestruturas previstas adáptanse mellor ao solo rústico de protección de infraestruturas, que é o definido no número 2.e) do artigo 34 da Lei 2/2016.

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

Á vista das cualificacións de solo existentes, obsérvase que os elementos que compoñen a liña de evacuación do parque eólico están recollidos dunha maneira máis acorde, segundo o especificado na Lei 2/2016, neste tipo de solo.

Desta maneira, débese realizar a recualificación das superficies establecidas a solo rústico de protección de infraestruturas.

Tal e como establece a Lei 2/2016, do solo de Galicia, a nova categoría de solo rústico proposta superpoñerase, sen desprazar, sobre a que teñan os terreos nos planeamentos para o solo rústico de especial protección, aplicándose os distintos réximes de forma complementaria.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

As obras contidas neste proxecto desenvólvense por mor da necesidade de evacuar a enerxía producida no parque eólico Ourol proxectado ao abeiro do Plan sectorial eólico. De acordo con iso, faise necesaria a articulación dunha nova categoría de ordenamento de solo dentro da normativa urbanística dos concellos por onde se desenvolve a infraestrutura.

Así, e atendendo ao que estipula a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no artigo 34, a nova cualificación do solo afecto á instalación deberá ser:

Solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico de especial protección), cuxo uso permitido é o de liña de evacuación eléctrica e as infraestruturas asociadas a ela.

2.1. Ámbito de aplicación.

A nova cualificación de solo proposta aplicarase ás zonas grafadas no plano de ordenación urbanística proposta deste proxecto, da seguinte maneira para os distintos elementos da liña de evacuación:

Parte de obra

Superficie cualificada

Liñas eléctricas

As resultantes da aplicación da fórmula A=1,5 + V(kV)/100, cun mínimo de 2 m

Arquetas

1 m a cada lado dela

2.2. Condicións de uso e licenzas.

Nesta categoría de solo permítese a instalación das infraestruturas necesarias, así como as zonas de afección destinadas ás infraestruturas destinadas ao transporte e evacuación de enerxía eléctrica.

As condicións de uso para o solo afectado pola nova clasificación e cualificación serán compatibles coas recollidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O proxecto construtivo da liña de evacuación deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nos terreos cualificados como solo rústico de protección especial de infraestruturas permitirase o uso agrícola e gandeiro sempre que non exista afección ou desviación do funcionamento das infraestruturas enerxéticas. En todo caso, terase en conta o seguinte condicionante:

Non se permitirá a plantación de árbores, nin construcións de edificios e instalacións industriais a 30 m de cada lado do eixe da traza da liña aérea.

Non se permitirá a plantación de árbores nin construcións de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola gabia onde van aloxados os condutores, incrementada a cada lado nunha distancia de seguridade de 0,2 m, no tramo de liña subterránea.

3. Eficacia.

As determinacións contidas neste proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente (artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo).

Así, na primeira modificación, revisión ou redacción do seu planeamento, os concellos deberán incluír as determinacións recollidas ao longo do presente proxecto sectorial, conforme calquera dos seguintes fitos:

– A primeira revisión de carácter puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser expresamente para a adaptación que aquí se expón.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A redacción ou adaptación do planeamento urbanístico municipal vixente á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

Este proxecto sectorial redactouse ao abeiro do Plan sectorial eólico de Galicia, xa que se corresponde coa liña de evacuación dun parque eólico incluído no dito plan.

No artigo 11.1 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais, establécese que:

«As determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente».

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 11.4 do mesmo decreto:

«As construcións e instalacións de marcado carácter territorial previstas de modo concreto e detallado nun proxecto sectorial non necesitarán da autorización urbanística autonómica a que fai referencia o artigo 77.3 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia».

Ante o marco legal que expón a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, observarase o disposto no artigo 36.2 da dita lei, de forma que:

«No solo rústico de especial protección será necesario obter a autorización ou o informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente con carácter previo á obtención do título habilitante municipal ou autorización autonómica nos casos en que esta sexa preceptiva segundo o disposto no número seguinte».

E no seu punto 36.5, a Lei 2/2016 indica:

«Poderán implantarse en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, logo da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica».