Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 18 de outubro de 2019 Páx. 45895

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín

EDICTO (615/2018).

Eu, María del Pilar Pazos González, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín, fago saber que no presente procedemento F02 FAML.GARD,CUST ALI. FILL MENOR NON MATRI NO C 615/2018, seguido por instancia de Noa Devesa Rodríguez fronte a Jefferson Max da Costa, se ditou sentenza e auto de aclaración, cuxo encabezamento e resolución son do teor literal seguinte:

Sentenza

Lalín, 25 de setembro de 2019

Xuíz: Gonzalo Sans Besada

Demandante: Noa Devesa Rodríguez

– Procuradora: Yolanda González Alonso

– Letrada: Concepción Colmeiro Varela

Demandado: Jefferson Max da Costa, en situación de rebeldía procesual

Ministerio Fiscal

Obxecto: garda, custodia e alimentos de fillo non matrimonial

Resolución

Estimo parcialmente a demanda presentada por Noa Devesa Rodríguez fronte a Jefferson Max da Costa e, en consecuencia, acordo a aplicación das seguintes medidas relativas á garda, custodia e alimentos dos fillos comúns menores de idade, ...:

I) Suspéndeselle a Jefferson Max da Costa o exercicio da patria potestade respecto dos fillos comúns menores de idade, ..., e atribúeselle a Noa Devesa Rodríguez o exercicio exclusivo da dita patria potestade. Jefferson poderá recuperar o exercicio conxunto da patria potestade acreditando un relevante cambio de circunstancias no oportuno procedemento de modificación de medidas.

II) Atribúeselle a garda e custodia dos fillos comúns menores de idade, ... a Noa Devesa Rodríguez. Jefferson poderá estar en compañía do seu fillo da maneira que libremente pacte con Noa.

III) Establécese a favor do fillo menor e a cargo de Jefferson Max da Costa unha pensión mensual de alimentos de 300 euros, que deberá ser ingresada por Jefferson dentro dos 5 primeiros días de cada mes na conta bancaria determinada por Noa e que se actualizará anualmente de acordo coas variacións do IPC.

Os gastos extraordinarios deberán ser afrontados por metade entre ambos os proxenitores. Merecen tal consideración os gastos médicos, farmacéuticos e asistenciais non cubertos polo réxime público de saúde, os derivados de actividades extraescolares e calquera outro de análoga natureza. A reclamación da parte correspondente dos gastos extraordinarios exixirá coñecemento e consentimento previos manifestados polo outro proxenitor, salvo situacións de urxencia.

Non procede a condena en custas de ningunha das partes.

Notifíquese esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal.

Esta sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que se deberá interpor ante este xulgado no prazo de 20 días contados desde o seguinte ao da notificación daquela. Para a interposición do dito recurso deberase acreditar a consignación dun depósito de 50 euros na conta deste xulgado, baixo apercibimento de non admitir a trámite o recurso.

Así o acordo e asino, Gonzalo Sans Besada, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín.

Auto

Xuíz: Gonzalo Sans Besada

Lalín, 26 de setembro de 2019

Antecedentes de feito

Primeiro. Este procedemento finalizou por sentenza do 25 de setembro de 2019, en cuxa resolución, punto III), se indica:

«Establécese a favor do fillo menor e a cargo de Jefferson Max da Costa unha pensión mensual de alimentos de 300 euros, que deberá ser ingresada por Jefferson dentro dos 5 primeiros días de cada mes na conta bancaria determinada por Noa e que se actualizará anualmente de acordo coas variacións do IPC».

Despois de asinar a sentenza, advertiuse un erro consistente en que no parágrafo transcrito se alude a un único fillo menor de idade, cando as partes do procedemento teñen dous.

Parte dispositiva

Acordo rectificar de oficio o erro material apreciado na sentenza do 25 de setembro de 2019, de tal maneira que o punto III) da resolución, parágrafo primeiro, quede redactado como segue:

«Establécese a favor dos dous fillos menores e a cargo de Jefferson Max da Costa unha pensión mensual de alimentos de 300 euros (150 euros por cada fillo), que deberá ser ingresada por Jefferson dentro dos 5 primeiros días de cada mes na conta bancaria determinada por Noa e que se actualizará anualmente de acordo coas variacións do IPC».

E ao estar o dito demandado, Jefferson Max da Costa, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Lalín, 30 de setembro de 2019

A letrada da Administración de xustiza