Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 18 de setembro de 2019 Páx. 40507

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo polo que se aproba o Plan de xubilación parcial anticipada para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto do acordo polo que se aproba o Plan de xubilación parcial anticipada para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela suscrito entre a representación da universidade e as organizacións sindicais CC.OO., CIG, UGT e CSIF, e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Plan de xubilación parcial anticipada para o persoal de administración
e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela

O acordo de xubilación parcial anticipada para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela, asinado en marzo de 2013, expirou o 31 de decembro de 2018.

As condicións para o acceso a esta modalidade de xubilación anticipada mudaron de conformidade coa Lei xeral de Seguridade Social de xeito que a redución de xornada aplicable e as cotizacións da administración pola persoa que accede á xubilación variaron con respecto ao acordo anterior.

A Universidade de Santiago de Compostela, na súa aposta polo cambio xeracional do cadro de Persoal de Administración e Servizos, considera que esta debe ser unha medida a impulsar que, ao mesmo tempo, permite que as persoas coas que se celebre o contrato de substitución parcial accedan a un emprego. Así mesmo, a vontade de negociar este acordo responde a unha demanda formulada polo persoal a través dos seus representantes no Comité Intercentros.

A Xerencia, no exercicio das competencias que ten atribuídas, e o Comité Intercentros negociaron e acordaron o seguinte acordo:

1. Ámbito de aplicación.

O presente Plan de xubilación parcial anticipada será de aplicación ao persoal laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela con xornada a tempo completo.

A aplicación do acordo non suporá, en ningún caso, a redución de prazas de persoal estrutural, sen prexuízo das transformacións que se consideren necesarias para dar resposta ás necesidades organizativas.

2. Requisitos da persoa traballadora:

– Ter a idade mínima establecida pola lexislación aplicable, así como o período de cotización exixido no momento do feito causante:

Ano

Idade exixida segundo os períodos cotizados

Idade con 33* anos cotizados

2019

61 e 8 meses

34 anos e 9 meses ou máis

62 e 4 meses

2020

61 e 10 meses

35 anos ou máis

62 e 8 meses

2021

62 anos

35 anos e 3 meses ou máis

63 anos

2022

62 e 2 meses

35 anos e 6 meses ou máis

63 e 4 meses

2023

62 e 4 meses

35 anos e 9 meses ou máis

63 e 8 meses

*25 anos no suposto de persoas con discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

– Ter unha antigüidade na empresa de polo menos 6 anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial.

3. Redución da xornada.

A xornada da persoa que se acolla á xubilación parcial anticipada reducirase nun 50 %, que deberá realizar de forma concentrada, dentro de cada ano natural, nun período continuo determinado que estará en función das necesidades da organización da unidade onde preste os seus servizos.

No caso de que a persoa que solicita a xubilación parcial anticipada desexe acumular a totalidade do tempo restante de traballo ao inicio do período de xubilación, a Xerencia estudará, se é posible, en función do posto ocupado e do destino do contrato de remuda e, en caso de desestimar a acumulación, comunicarao motivadamente á persoa solicitante e daralle un prazo para que propoña o período en cada ano natural no que desenvolverá a súa xornada.

4. Contrato de remuda e contrato a tempo parcial do persoal que se xubila parcialmente.

A Universidade de Santiago de Compostela formalizará simultaneamente un contrato de remuda que terá, como mínimo, unha duración igual ao tempo que lle falte á persoa substituída para acadar a idade de xubilación que resulte aplicable.

O contrato celebrarase cunha persoa en situación de desemprego ou que xa tivese concertado un contrato coa USC de duración determinada.

O posto de traballo poderá ser o mesmo ou de similar grupo profesional ou categoría equivalente cunha correspondencia entre as bases de cotización da persoa remudista e da persoa xubilada parcial, de modo que a correspondente á persoa remudista non poderá ser inferior ao 65 % da base pola que viña cotizando a persoa que acceda á xubilación parcial.

Así mesmo, formalizarase un contrato a tempo parcial coa persoa que se xubila parcialmente. As retribucións polos distintos conceptos serán a porcentaxe que se corresponde co 50 % do tempo que vai traballar.

5. Premio extraordinario de xubilación.

No caso de que cando o persoal xubilado parcialmente cumpra a idade de xubilación total se manteña o premio de xubilación para o persoal en activo, percibirá o importe íntegro de 3 mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda os quince de referencia e a súa contía estará referida á mensualidade que cobren nese momento os/as traballadores/as da súa categoría ou similar.

6. Procedemento de solicitude e resolución.

As solicitudes dirixiranse á Xerencia cun período mínimo de antelación de 4 meses antes da data na que se pretenda acceder á xubilación, manifestando a vontade de acceder a esta modalidade de xubilación.

A universidade, tendo en conta razóns organizativas, económicas ou técnicas, así como calquera outra que poida xurdir ata a data de vixencia do acordo, valorará en cada caso a conveniencia de conceder a xubilación e motivará, de ser o caso, a desestimación da solicitude.

No caso de que a solicitude sexa favorable, a persoa solicitante deberá acreditar dentro do período establecido na resolución o cumprimento dos requisitos exixidos na data concreta mediante documentación xustificativa expedida polo Instituto Nacional de Seguridade Social (INSS).

7. Comisión de Seguimento do acordo.

Constituirase unha Comisión de Seguimento do acordo para a xubilación parcial e o contrato de remuda integrada por un membro de cada organización sindical con representación no Comité Intercentros asinante deste acordo e pola Xerencia.

Semestralmente informarase a comisión das solicitudes de xubilación parcial tramitadas en virtude do acordo, así como das incidencias que se poidan producir na súa tramitación.

8. Vixencia.

Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 e poderase prorrogar por anos sucesivos, por acordo expreso de ambas as partes, ata o 31 de decembro de 2027.

Se durante o período de vixencia ou de prórroga se producisen modificacións da actual normativa en materia de xubilación parcial ou dos contratos de remuda as partes negociarán, se é o caso, as modificacións oportunas.

E en mostra de conformidade asinan o presente acordo en Santiago de Compostela o 5 de xullo de 2019.