Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 18 de setembro de 2019 Páx. 40511

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo polo que se aproba o acordo de xubilación obrigatoria para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto do acordo polo que se aproba o acordo de xubilación obrigatoria para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela subscrito entre a representación da universidade e as organizacións sindicais CC.OO., CIG, UGT e CSIF, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo de xubilación obrigatoria do persoal laboral de administración

e servizos da Universidade de Santiago de Compostela

O artigo 81 do Convenio colectivo do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela dispón o seguinte:

«Dentro da política de promoción do emprego, a xubilación será obrigatoria ao facer o traballador a idade de sesenta e cinco anos; a USC comprométese a constituír unha bolsa de emprego coas vacantes que se produzan por esta causa, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.

A universidade, antes de rematar o primeiro trimestre, informará a correspondente representación sindical das previsións de xubilacións nos doce meses seguintes á data de emisión do informe, co obxecto de planificar as futuras vacantes. Esta información realizarase reflectindo a categoría profesional, a clasificación do posto ou servizo, a xornada, a quenda e os complementos correspondentes».

Este artigo non é de aplicación desde que a Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, modificou a disposición adicional do Estatuto dos traballadores, en que se dispón que «se entenderán nulas e sen efecto as cláusulas dos convenios colectivos que posibiliten a extinción do contrato de traballo polo cumprimento por parte do traballador da idade ordinaria de xubilación fixada na normativa de seguridade social, calquera que sexa a extensión e alcance das ditas cláusulas».

A disposición derradeira primeira do Real decreto lei 28/2018, do 28 de decembro, modificou a anterior redacción da disposición adicional que dispón o seguinte:

«Os convenios colectivos poderán establecer cláusulas que posibiliten a extinción do contrato de traballo polo cumprimento por parte do traballador da idade legal de xubilación fixada na normativa da Seguridade Social, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) O traballador afectado pola extinción do contrato de traballo deberá cumprir os requisitos exixidos pola normativa da Seguridade Social para ter dereito ao cen por cento da pensión ordinaria de xubilación na súa modalidade contributiva.

b) A medida deberá vincularse a obxectivos coherentes de política de emprego expresados no convenio colectivo, tales como a mellora da estabilidade no emprego pola transformación de contratos temporais en indefinidos, a contratación de novos traballadores, a remuda xeracional ou calquera outra dirixida a favorecer a calidade do emprego».

A Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela presentou no mes de maio de 2019 o Plan para o persoal de administración e servizos 2019-2022, en que se establece como unha das liñas prioritarias frear o aumento da idade do persoal, agravado nos últimos anos polas restricións económicas e legais para incorporar novos efectivos.

Entre as accións para acadar este obxectivo atópase a posibilidade de establecer unha idade forzosa de xubilación para o persoal laboral, para o cal a Xerencia, no exercicio das competencias que ten atribuídas, negociou co Comité Intercentros o seguinte acordo:

1. Idade de xubilación do persoal laboral.

A xubilación do persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela será obrigatoria ao facer a idade ordinaria aplicable cada ano segundo a lexislación vixente.

A idade referida considerarase sen prexuízo de que toda persoa traballadora poida completar os períodos de carencia na cotización á Seguridade Social para a xubilación aplicables en cada momento, de conformidade coa lexislación vixente. Neste suposto a xubilación do persoal producirase ao completar os períodos de carencia mencionados.

2. Oferta de vacantes producidas por xubilación.

Todas as vacantes que se produzan por esta causa serán incluídas na seguinte oferta de emprego público mediante prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.

3. Cobertura de vacantes.

Todas as vacantes serán cubertas de maneira inmediata ao producirse a xubilación con carácter temporal ata que se produza a súa ocupación por medios de provisión definitivos no lugar onde se produza ou onde se detecte unha necesidade xustificada.

4. Reorganización da relación de postos de traballo.

As vacantes que sexan susceptibles de transformación terán carácter prioritario na reforma de relación de postos de traballo.

5. Planificación anual.

Anualmente a Xerencia remitirá ao Comité Intercentros a previsión de xubilacións para os seguintes 12 meses coa información de categoría profesional, a clasificación do posto ou servizo, a xornada, a quenda e os complementos correspondentes.

6. Procedemento para a xubilación.

No último trimestre de cada ano a Xerencia, de oficio, solicitaralles ás persoas traballadoras que cumpran o requisito de idade vixente para o seguinte ano natural que comuniquen a acreditación de que cumpren os períodos de cotización exixidos para ter dereito ao 100 % da pensión ordinaria de xubilación na súa modalidade contributiva mediante documentación xustificativa expedida polo Instituto Nacional de la Seguridade Social (INSS).

Unha vez entregada a documentación, resolverase a xubilación da persoa traballadora sempre e cando cumpra os requisitos mencionados e fixarase a data para facela efectiva.

7. Aplicación no ano 2019.

Excepcionalmente, no ano 2019 a Xerencia solicitará esta información despois do acordo, coa indicación do prazo para entregar a documentación requirida e unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecerá a data de xubilación, que será notificada á persoa traballadora na correspondente resolución.

E, en mostra de conformidade, asinan o presente acordo en Santiago de Compostela o 5 de xullo de 2019.