Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 18 de setembro de 2019 Páx. 40515

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 108/2019, do 18 de xullo, polo que se declara ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural.

En exercicio desta apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que no seu artigo 83 dispón que: «integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia». Igualmente, o artigo 109, Patrimonio documental de Galicia, manifesta que: «Para os efectos desta lei, o patrimonio documental galego está constituído polo conxunto de documentos de titularidade pública».

Ademais, o artigo 110, Patrimonio bibliográfico de Galicia, establece que este patrimonio está constituído polos «fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural, incluídas as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, xa sexan impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas ou magnéticas, de carácter unitario ou seriado (...) que teñan características singulares que lles outorguen carácter único». Así mesmo, no parágrafo 4 deste artigo 110, maniféstase que este capítulo será de aplicación aos orixinais fonográficos, gráficos ou cinematográficos, así como aos exemplares hemerográficos, independentemente do soporte en que se encontren.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indícase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

Mediante Resolución do 4 de setembro de 2018 (DOG núm. 178, do 18 de setembro), a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal, promovido polo Concello de Laxe, posuidor do arquivo. Ademais, someteuse ao trámite de información pública, sen que se presentaron alegacións.

Na tramitación deste expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes, ademais de contar cos informes favorables dos órganos asesores e consultivos: Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e Museo do Pobo Galego, segundo se establece no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. O Consello de Arquivos de Galicia tamén emitiu informe favorable sobre a declaración, conforme o estipulado no artigo 3.1 do Decreto 25/2016, do 3 de marzo, que regula a composición e funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal, como colección, conforme a descrición recollida no anexo I deste decreto.

Artigo 2. Réxime de protección

1. O réxime de protección será o establecido nos capítulos I a III do título II e nos capítulos I e V do título III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, e que, en concreto, poden resumirse nas seguintes obrigas:

a) Deber de conservación: conservar, manter e custodiar debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

b) Acceso: permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. O acceso por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición da propiedade, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as dúas partes, non poderá exceder os dous meses cada cinco anos.

c) Deber de comunicación: comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

d) Visita pública: permitir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. Poderase acordar como obrigación substitutiva o depósito do ben nun lugar que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

e) Dereito de tanteo e retracto: notificar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozar do ben, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento.

f) Réxime de traslado: solicitar á consellería competente en materia de patrimonio cultural a autorización para o traslado da colección ou os seus compoñentes, que será anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural. Indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

2. Así mesmo, a súa protección está sometida ao que se establece o artigo 6 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), en materia de exportación ilícita e espolio.

Disposición adicional primeira. Inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Esta declaración inscribirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicaráselle ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Disposición adicional segunda. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición adicional terceira. Notificación

Este decreto polo que se declara ben de interese cultural como colección o Arquivo Fotográfico Vidal notificarase ao Concello de Laxe.

Disposición adicional cuarta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou potestativamente, recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro que coiden procedente.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación : Arquivo Fotográfico Vidal.

2. Descrición xeral.

• Tipo: arquivo.

• Carácter: colección.

• Interese: documental, artístico, histórico, etnolóxico e antropolóxico.

• Técnica: fotográfica.

3. Localización: Arquivo Municipal de Laxe.

4. Características xerais.

• Condicións físicas: o conxunto está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5.886 fotografías en vidro (89 delas estereoscópicas) e 10.306 en papel.

• Dimensións: 59.667 fotografías nos diferentes soportes.

• Instalacións: o fondo está instalado no depósito documental do Arquivo Municipal, dotado con amoblamento compacto.

5. Datos históricos.

• Plácido Vidal Díaz (1867-1956). Avogado, nacido en Laxe nunha familia acomodada, era un home cosmopolita e culto, interesado pola arqueoloxía e apaixonado da fotografía. Representa un claro exemplo do papel que xogou a pequena burguesía no seu desenvolvemento e popularización. Aproveitou as súas viaxes a París e Londres para adquirir as últimas innovacións técnicas que lle permitiron plasmar a súa realidade máis próxima.

• José María Vidal García (1900-1988). Compaxinou o seu traballo na Administración de Correos coa fotografía profesional e artística. Como fotógrafo profesional recorreu as vilas e aldeas dos arredores de Laxe, aproveitando feiras e festexos para ofrecer os seus servizos, contribuíndo así a popularizar a fotografía entre as clases máis populares. Como fotógrafo artístico abordou a técnica dunha forma máis experimental.

6. Organización.

Os documentos abarcan un período cronolóxico comprendido entre finais do século XIX e a década dos 70 do século XX. No momento actual resulta difícil asignar a autoría a cada fotografía xa que a produción non se mantivo separada, polo que a organización do fondo poderá realizarse atendendo preferentemente a unha clasificación temática.

7. Valoración cultural.

O valor da fotografía como fonte de información, tanto para a investigación histórica da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social confire a esta colección un valor sobranceiro polo amplo marco cronolóxico que documenta os modos de vida do pobo galego, e a súa titularidade e custodia pública colaboran á súa difusión e coñecemento.

8. Ámbito territorial.

As fotografías abarcan un espazo xeográfico bastante amplo posto que abranguen as comarcas de Bergantiños e Soneira, pero a información que proporcionan transcende o interese puramente local e resultan de interese para a cultura galega en xeral.

9. Temática.

• Paisaxe: reflicten a evolución da paisaxe rural e urbana das súas comarcas.

• Retratos: tanto individuais como colectivos que proporcionan unha rica información sobre a evolución do propio concepto da familia, sobre usos e costumes, como o de fotografar os mortos, modas, e incluso as diferentes actitudes ante a cámara das diferentes clases sociais.

• Actividades laborais: están representados diferentes tipos de actividades e oficios (agricultura, gandaría, pesca...) pero destacan entre todas as relacionadas co mundo do mar.

• Actividades de lecer: son tamén moitas as imaxes dedicadas a capturar momentos festivos e de lecer, ao igual que outras teñen carácter relixioso (vodas, bautizos, comuñóns, procesións...) e outras carácter popular (romarías, bailes, bandas de música...).

• Actividade política: algunhas fotografías ilustran a actividade de diversas institucións de carácter político durante o período da Guerra Civil e da posguerra.