Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 21 de agosto de 2019 Páx. 37186

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de agosto de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 1 de agosto de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado proxecto sectorial liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente.

O Concello da Pastoriza conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 9.8.2013 (DOG do 26 de agosto) que clasifica os terreos afectados pola infraestrutura como solo rústico de protección agropecuaria, de augas, forestal produtivo e de infraestruturas.

Debido a que se trata dun concello con plan xeral adaptado á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), aínda que non á Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), aos terreos afectados pola liña aplicaráselles o réxime de solo rústico establecido na LSG mantendo, en todo caso, as categorías de solo contidas no PXOM (apartado 1 da disposición transitoria primeira da LSG).

O Concello de Castro de Rei carece de instrumento de plan xeral e unicamente dispón da delimitación dos solos urbanos de Castro de Rei e Castro de Ribeiras de Lea aprobado definitivamente o 1.4.1977 que non afecta o ámbito da infraestrutura.

Debido a que se trata dun concello sen instrumento de plan xeral, aos terreos afectados pola liña aplicaráselles o réxime de solo rústico establecido na LSG (apartado 4 da disposición transitoria primeira da LSG).

Por outra banda, de acordo co artigo 49.2 da LSG, as determinacións e afeccións sectoriais recollidas no Plan básico autonómico (PBA) aprobado definitivamente o 26.7.2018 (DOG do 27 de agosto) aplícanse directamente en Castro de Rei (concello sen plan xeral) e teñen carácter complementario das recollidas no PXOM da Pastoriza.

De acordo cos artigos 36.5 da LSG e 51.5 do RLSG, en todas as categorías de solo rústico poderán implantarse os usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso deste proxecto sectorial, logo da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

Segundo a normativa urbanística do Concello da Pastoriza, o solo afectado polo presente proxecto clasifícase na actualidade como solo rústico de protección agropecuaria, solo rústico de protección forestal produtivo, solo rústico de protección de augas e solo rústico de protección de infraestruturas.

No Concello de Castro de Rei, o solo afectado polo proxecto clasifícase como solo non urbanizable.

En ningún dos dous concellos, se impide expresamente a implantación deste tipo de infraestruturas enerxéticas de interese público e social, como é o caso da liña de distribución eléctrica obxecto do proxecto. A construción desta liña contémplase ademais como unha infraestrutura necesaria para a evacuación da enerxía do parque eólico Pastoriza-Rodeiro e as infraestruturas de xeración doutros promotores, tal e como se expón nos antecedentes e referencias.

Polo exposto, proponse adecuar a normativa urbanística vixente nos devanditos concellos, cualificando o solo de implantación do proxecto como solo rústico de especial protección de infraestrutura enerxética aplicándose de maneira complementaria ás outras categorías de solo rústico vixentes no ámbito, coa seguinte normativa:

1) Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas no plano de cualificación destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas, vinculadas ao transporte e distribución de enerxía eléctrica.

(…)

O uso permitido ou autorizable é o de liñas eléctricas de alta tensión, logo da aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 ao 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e tras someterse a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, derrogado xa pola Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

(…)

Segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese que:

(…)

Artigo 158. Servidume de paso de enerxía eléctrica

Establecida en planos adxuntos (franxa de afección que será continua ao longo a traza da liña) segundo a necesidade da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas a terra dos devanditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender ao establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se fose necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios aos fins indicados no parágrafo c) anterior.

(…)

Artigo 162. Relacións civís

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo, deixando a salvo dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo pola súa conta os gastos da variación, incluíndose nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte ao seu contido e á seguridade da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os dous lados da devandita proxección.

3) Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

(…)

3. Prazo de adecuación dos plans urbanísticos afectados.

A adecuación dos plans urbanísticos municipais vixentes ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A redacción do plan urbanístico municipal (no caso do Concello de Castro de Rei).

– A revisión do plan urbanístico municipal (no caso do Concello da Pastoriza).

– A adaptación do plan á Lei 2/2016 do solo de Galicia e as súas posteriores modificacións.

4. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecúe o plan municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

5. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no Decreto 80/2000, capítulo I, artigo 3, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, no seu texto modificado pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e posteriormente pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (texto consolidado), o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións da liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV.