Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 14 de agosto de 2019 Páx. 36856

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de xuño de 2019, polo que se aproba a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico de Oribio, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de xuño de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico de Oribio, nos concellos de Triacastela e Samos (Lugo), promovido por Fergo Galicia Vento, S.L.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Triacastela e Samos quedan vinculados ás determinacións contidas na addenda ao proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas da addenda ao proxecto sectorial do parque eólico de Oribio.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas da addenda ao proxecto sectorial

1. Plan vixente.

O Concello de Tricastela non dispón de plan urbanístico, sendo por tanto de aplicación aos terreos afectados o réxime do solo rústico previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, segundo no disposto o número 4 da súa disposición transitoria primeira. Os terreos ocupados polas infraestruturas que compoñen o parque eólico terían a seguinte clasificación urbanística aplicando a Lei 2/2016:

– Solo rústico de protección de espazos naturais, xa que as instalacións previstas se atopan dentro da ZEC Ancares-Courel, de acordo co Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

– Solo rústico de protección forestal, xa que as instalacións están situadas en terreos do Monte Veciñal en Man Común de Pasantes e de Queixadoiro.

– Solo rústico de protección patrimonial, xa que as instalacións se atopan dentro da área do BIC Camiño de Santiago, Camiño Francés, de acordo co previsto no Decreto 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés.

O Concello de Samos tampouco conta cun instrumento de plan xeral. Conta coa delimitación de solo urbano aprobada definitivamente o 29.9.1995 e coa do núcleo rural de Vigo do Real, aprobada definitivamente o 8.9.2015, ambas as dúas fóra da área de incidencia urbanística do proxecto sectorial do parque eólico de Oribio. Resulta pois de aplicación aos terreos afectados no concello de Samos o réxime do solo rústico previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, segundo o disposto no número 4 da súa disposición transitoria primeira. Os terreos ocupados polas infraestruturas que compoñen o parque eólico terían a seguinte clasificación urbanística aplicando a Lei 2/2016:

– Solo rústico de protección de espazos naturais, xa que as instalacións previstas se atopan dentro da ZEC Ancares-Courel, de acordo co Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

– Solo rústico de protección forestal, xa que as instalacións están situadas en terreos do Monte Veciñal en Man Común de Abradelo, Gundriz, Santa Mariña e Carqueixeda.

– Solo rústico de protección patrimonial, xa que as instalacións se atopan dentro da área do BIC Camiño de Santiago, Camiño Francés, de acordo co previsto no Decreto 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación do plan.

A clasificación de solo rústico de especial protección de infraestruturas axústase á superficie vinculada á modificación do parque eólico, suprimíndose a nova clasificación de solo correspondente ás infraestruturas eliminadas do proxecto sectorial vixente (posicións A1, A4, A6, A8 e A10 así como os viais e gabias asociadas a estas posicións).

A área delimitada polo proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co uso, segundo o artigo 34.2.e) da Lei 2/2016:

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos do plan urbanístico e de ordenación do territorio».

Por tanto, deberá incluírse no plan xeral dos concellos afectados e, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito do novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto, que se superpoñerá complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

O solo rústico de especial protección de infraestruturas aquí indicado, aterase ao definido pola Lei 2/2016 para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a seguir:

1) Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo exclusivamente a zona delimitada no plano nº 6 da addenda ao proxecto sectorial como solo rústico de protección de infraestruturas, sen alterar o resto do plan.

De acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito no que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

2) Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun radio de 200 m ao redor dos aeroxeradores, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

3) Condicións de edificación.

A superficie máxima das edificacións será de 200 m2, computándose exclusivamente as edificacións pechadas, a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 7 m de altura. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural.

Os cerramentos e valados poderán realizarse de malla metálica, vexetais ou con materiais tradicionais da zona sen que poidan superar os 3 m de altura.

A altura máxima alcanzada polos aeroxeradores será de 152 m.

4) Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno. En tal sentido, para o acabado das edificacións empregarase a pedra nas fachadas e a lousa no tellado, ou outros materiais tradicionais e propios da zona.

5) Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 39.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa costa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Dotación de aparcamentos.

Todas as instalacións que conforman o parque eólico, obxecto deste proxecto sectorial, quedan incluídas dentro deste solo cualificado como solo rústico de protección de infraestruturas.

2.2. Eficacia.

De acordo co Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia, á marxe das modificacións do plan local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio no seu artigo 24 establece que «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten devanditos plans ou proxectos, que haberán de adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen».

No mesmo sentido o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1 establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o concello no que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Cando se revise o plan municipal dos concellos afectados e/ou se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», coa normativa sinalada no apartado anterior.

2.3. Prazo.

A adecuación do plan xeral local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

– A adaptación, se é o caso, do plan á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia ou normativa que a substitúa.

3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.