Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34173

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de xullo de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publican as resolucións dos recursos de reposición interpostos contra a clasificación do monte vecinal en man común Martín-ampliación, do concello de Bóveda (expediente 9/2017).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 25.6.2019, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Carlos Vázquez Díaz e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, tomou os seguintes acordos:

Monte de Martín-ampliación (expediente 9/2017), pertencente aos veciños da parroquia de Martín, no termo municipal de Bóveda. Na reunión celebrada polo xurado o 27.3.2019, acordouse, aceptando a proposta do Servizo de Montes, clasificar como veciñal en man común unha superficie de 361,3 hectáreas, de conformidade coas parcelas e lindeiros que constan na resolución do expediente.

A) O 24 de maio de 2019, ten entrada un escrito presentado por Antonio Vázquez Díaz, actuando en representación da comunidade propietaria do MVMC de Teilán (Bóveda), manifestando, en resumo:

• A desconformidade coa resolución de clasificación do expediente 9/2017, considerando que se tomou como base unicamente a delimitación catastral, que non é proba de propiedade e sen realizar co debido contraste a delimitación do terreo con posibilidade dunha intervención real e contraditoria dos afectados.

• Que con carácter excepcional deberá procederse á apertura dunha fase probatoria que lles permita a presentación da súa documentación coa elaboración dun plano e nomeamento dun terceiro perito que resolva as contradicións que existan.

Dado traslado do recurso á comunidade propietaria do monte de Martín, o día 14.6.2019, recíbese escrito de Manuel Rodríguez Fernández, como presidente da comunidade, en que manifesta que non formulará mais alegacións nin xustificacións relativas ao límite do monte, por considerar que a titularidade, posesión e aproveitamento están suficientemente demostrados, e amosando a súa conformidade coa resolución de clasificación emitida polo xurado.

Examinado o dito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda non admitir o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

B) Durante a tramitación do expediente, Manuel Rodríguez Abella reclamou a parcela 432 do polígono 2, así como a parcela 496 do polígono 32, dicindo que era propiedade de María Luz López Díaz e que estaba integrada no antigo catastro dentro da parcela 24 do mesmo polígono. Desta última parcela non achegou documentación ningunha que a vinculase cunha titularidade catastral particular contraditoria coa actual de monte comunal de veciños de Martín, que ampara a comunidade solicitante da clasificación, cos efectos atribuídos polo artigo 3.3 do Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do catastro inmobiliario. Por este motivo na resolución do expediente considerouse que non procedía a súa exclusión con respecto á superficie inicial solicitada.

O día 13 de maio de 2019, recíbese escrito de María Luz López Díaz, en que manifesta, en resumo:

• Que a parcela 496 do polígono 32 é da súa propiedade que formaba un solo predio xunto coa parcela 24, no Catastro do ano 1958, e achega fotografía e cédula da propiedade do dito catastro.

• Que actualmente a dita parcela está formada polas parcelas catastrais 24 e 496 do polígono 32, e que lle pertence por herdanza do seu avó. Achega copias do documento particional e documento de compravenda de dereitos hereditarios.

• Solicita que lle sexa recoñecida a propiedade da parcela 496 do polígono 32 e que se exclúa do expediente de ampliación da clasificación solicitada pola comunidade de Martín.

Dado traslado do recurso á comunidade propietaria do monte de Martín, o día 14.6.2019, recíbese escrito de Manuel Rodríguez Fernández, como presidente da comunidade, en que manifesta que non formulará máis alegacións nin xustificacións relativas ao límite do monte, por considerar que a titularidade, posesión e aproveitamento están suficientemente demostrados, e amosando a súa conformidade coa resolución de clasificación emitida polo xurado.

Dado traslado ao Servizo de Montes deste recurso de reposición, o día 12.6.2019 emítese informe (carpeta 5/2017), en que confirma o manifestado pola recorrente en canto a que a parcela 496, na cédula catastral do Catastro vello pertencía á parcela 24, que é de titularidade da recorrente e recolle como queda o monte tendo en conta este recurso coa exclusión da dita parcela.

Examinado o dito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda estimar o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso e proceder ás oportunas modificacións no expediente de acordo co informe do Servizo de Montes.

Contra estas resolucións, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 5 de xullo de 2019

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo