Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2019 Páx. 32949

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 83/2019, do 27 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Bueu da estrada provincial EP-1306 A Portela-Ermelo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Bueu solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade da estrada provincial EP-1306 A Portela-Ermelo logo de que a Deputación acometese obras de acondicionamento e mellora da vía a través do acordo co Concello de Bueu para a realización do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-1306 A Portela-Ermelo, do p.q. 0+000 ao p.q. 3+973.

A Deputación Provincial de Pontevedra, no Pleno da Corporación Provincial levado a cabo o día 28 de decembro de 2018, aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Bueu da estrada EP-1306 A Portela-Ermelo.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Bueu deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Bueu, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Váquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade