Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2019 Páx. 32951

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 84/2019, do 27 de xuño, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-411, treito Parderrubias, puntos quilométricos 4+260-6+250, no concello de Salceda de Caselas (clave PO/16/105.06).

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 109, do 9 de xuño de 2017, publicouse o Anuncio do 29 de maio de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-411, treito Parderrubias, puntos quilométricos 4+260-6+250 (clave PO/16/105.06), así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 9 de abril de 2019 apróbanse o expediente de información pública e o proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-411, treito Parderrubias, puntos quilométricos 4+260-6+250 (clave PO/16/105.06).

Este proxecto de construción ten por obxecto a xustificación e definición das obras que se levarán a cabo para a construción dunha senda compartida peón-bici, na estrada PO-411, desde o punto quilométrico 4+260 ao 6+250, no Concello de Salceda de Caselas.

Os beneficios esperados con esta iniciativa son, entre outros, a mellora da mobilidade, a mellora da calidade do aire, da saúde, da igualdade e benestar da economía, do patrimonio e do urbanismo.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-411, treito Parderrubias, puntos quilométricos 4+260-6+250 (clave PO/16/105.06).

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade