Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2019 Páx. 30739

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense

EDICTO (1723/2018-E).

Raquel Blanco Pérez, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, fai saber:

Como consecuencia do ignorado paradoiro da parte demandada, Dorinel Iorga,

Cédula de notificación:

No presente procedemento ditouse sentenza cuxo encabezamento e resolución teñen o seguinte teor literal:

«Sentenza de garda, custodia e fixación de alimentos e na cal se aproba o convenio regulador.

Sentenza nº 408/2019.

Maxistrada xuíza: Laura Guede Gallego.

Ourense, 2 de abril de 2019.

Vistos os presentes autos nº 1723/18 sobre garda, custodia e fixación de alimentos de mutuo acordo, promovidos pola procuradora Sra. Feijoo, en nome e representación de Noemí Pereira Morais, co consentimento de Dorinel Iorga, baixo a asistencia letrada do Sr. González, con intervención do Ministerio Fiscal,

Dispoño

Que debo estimar a solicitude de alimentos e garda e custodia da menor Ainara Pereira Iorga, presentada pola procuradora Sra. Feijoo en nome e representación de Noemí Pereira Morais, co consentimento de Dorinel Iorga, e aprobo o seguinte convenio regulador que consta unido ás actuacións:

Convenio regulador de mutuo acordo sobre as medidas paterno-filiais

Ourense, 21 de setembro de 2018.

Reunidos

Dunha parte, Noemí Pereira Morais, maior de idade, con domicilio na rúa Arturo Pérez Serantes, nº 3, 2-H (Ourense) e con DNI 44490615-J.

Doutra, Dorinel Iorga, maior de idade, con domicilio en Almorfe, Nogueira de Ramuín nº 14 (Ourense) e con NIE Y-4916074-L, de nacionalidade romanesa.

Interveñen

Ambos os dous comparecen no seu propio nome e dereito e recoñécense reciprocamente a capacidade legal bastante para outorgar o presente convenio, polo que de común acordo,

Declaran

1. Que os outorgantes teñen unha filla, A. P. I., de 3 meses de idade, nacida o 5 de xuño de 2018 en Ourense e inscrita no Rexistro Civil da mesma localidade. 2. Que ambos os proxenitores alcanzaron un acordo en canto á regulación das medidas paterno-filiais e, de conformidade co previsto no artigo 4.1 e 90 do Código civil, subscriben o presente convenio regulador, conforme as seguintes

Cláusulas:

Primeira. Vivenda e enxoval familiar

En canto ao domicilio familiar, cabe indicar que os proxenitores da menor nunca conviviron nin tiveron ou teñen bens en común.

Segunda. Garda e custodia da filla común da parella e exercicio da patria potestade

Como previamente se expuxo, ambos os dous son pais dunha filla, A. P. I., a cal queda por expreso desexo das partes baixo a garda e custodia da súa nai, polo menos ata facer os 3 anos de idade.

Ambos os proxenitores compartirán as facultades inherentes á patria potestade e comprométense expresamente a consultarse con anterioridade sobre calquera cuestión que afecte a menor e que supoña un cambio na súa vida, así como en materia de saúde e educación, e a tomar todas as decisións de mutuo acordo.

Terceira. Réxime de visitas

Respecto ao réxime de visitas e tendo en conta a escasa idade da menor, o desexo de ambos os proxenitores é o seguinte:

A) O proxenitor non custodio, neste caso o pai, terá como réxime de visitas os martes, xoves e domingos, durante un tempo de 2 horas.

B) Os citados encontros terán lugar no domicilio de Noemí, sito na rúa Arturo Pérez Serantes, nº 3, 2-H (Ourense), na súa presenza.

C) O aludido réxime de visitas terá vixencia ata que a menor cumpra a idade de 3 anos. Posteriormente, será de aplicación o seguinte réxime de estancias e comunicacións co pai:

Fins de semana alternas desde o sábado pola mañá ás 11.00 horas ata o domingo ás 20.00 horas. O pai recollerá e devolverá a menor ao domicilio da nai.

En relación co período vacacional estival da menor: o período de vacacións de verán enténdese comprendido polos meses de xullo e agosto. A filla permanecerá con cada proxenitor quincenas alternas (do 1 de xullo ao 15 de xullo; do 16 de xullo ao 30 de xullo; do 1 de agosto ao 15 de agosto; e do 16 de agosto ao 31 de agosto). En caso de desacordo na elección dos períodos, decidirá a nai nos anos impares e o pai nos pares. A permanencia durante cada período terá o seu inicio ás 11.00 horas de cada un dos días indicados como de inicio, e a finalización ás 21.00 do día indicado como de finalización. O pai recollerá e reintegrará a menor, durante o período vacacións correspondentes, na hora e domicilio en que se encontre a nai.

En relación coas vacacións de Semana Santa: establécense dúas metades, a primeira que se estende desde o inicio das vacacións escolares ata o Mércores Santo ás 20.00 horas; e a segunda desde o mércores ás 20.00 horas ata o Domingo de Resurrección ás 20.00 horas. En caso de desacordo na elección dos períodos, decidirá a nai nos anos impares e o pai nos anos pares.

En relación coas vacacións de Nadal: o pai terá consigo e na súa compañía a súa filla a metade das vacacións escolares de Nadal. Establécense dúas metades, a primeira que comprenderá dende o día seguinte do inicio das vacacións ata o 31 de decembro ás 11.00 horas; e a segunda desde o 31 de decembro ás 11.00 horas ata a véspera do reinicio do curso escolar ás 20.00 horas. O pai reintegrará a menor, na hora e domicilio que se encontre a nai. En caso de discrepancia na elección do período, corresponderá a elección á nai en anos impares e ao pai nos anos pares.

No referente ao Entroido: a menor estará co seu pai ou coa súa nai a totalidade das vacacións, evitando partilas. En caso de desconformidade na elección das anualidades de desfrute, corresponderá ao pai o seu desfrute os anos pares e á nai nos impares.

Días festivos: en canto aos festivos que non coincidan con ningún dos períodos referidos anteriormente, na falta de acordo, alternarase o seu desfrute con cada un dos seus proxenitores.

Cuarta. Alimentos e bases de actualización

Fíxase en 200 euros a contribución do pai aos alimentos da filla menor. A devandita suma será ingresada mensualmente, por meses anticipados, dentro dos 5 primeiros días de cada mes, na conta corrente nº ES91 2080 5262 6130 4005 1068, da entidade bancaria Abanca, da que é titular Noemí Pereira Morais.

A suma previa será incrementada anualmente na proporción que experimenten as variacións á alza do índice de prezos de consumo, que publica o Instituto Nacional de Estatística.

A obriga de contribuír aos alimentos da filla prolongarase ata que esta se encontre en situación de prover as súas propias necesidades.

Quinta. Gastos extraordinarios

Os gastos extraordinarios, que serán aqueles de natureza non previsible, como os gastos médicos e farmacéuticos non cubertos pola Seguridade Social ou os relativos ao inicio do curso escolar/gardaría da menor, serán sufragados por ambas as dúas partes por metade.

Sexta. Comunicacións

A nai comprométese a informar o pai de xeito inmediato de calquera circunstancia que aconteza respecto a menor e que teña carácter relevante e, moi especialmente, calquera enfermidade, favorecendo e facilitando o contacto.

E en proba de conformidade, páctano e convéñeno as partes, despois de lido este documento, en que se afirman e ratifican, querendo dar ás súas estipulacións toda a forza de obrigar que en dereito sexa necesaria, e asínano na data e no lugar do seu encabezamento por triplicado. As partes quedarán con cadanseu orixinal e achegarán un terceiro ante os xulgados e tribunais de Ourense.

As partes quedan obrigadas ao seu fiel e exacto cumprimento; todo iso sen especial pronunciamento sobre as custas procesuais.

Esta sentenza non é firme e, conforme o artigo 777.8 in fine, só poderá ser impugnada polo Ministerio Fiscal, en interese dos fillos menores ou incapaces.

Así o acorda, manda e asina S.S.ª. Dou fe.

A maxistrada xuíza A letrada da Administración de xustiza».

En virtude do acordado nos autos de referencia, e de conformidade co disposto nos artigos 156.4 - 164 e 497.2 da LAC, expídese este edicto para que sirva de notificación en legal forma ao demandado, Dorinel Iorga.

Ourense, 3 de xuño de 2019

A letrada da Administración de xustiza