Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 5 de xuño de 2019 Páx. 27341

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Lugo

ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma Interior (PEPRI) do rueiro 214A (rúa San Roque-rolda da Muralla).

O Pleno da Corporación, en sesión que tivo lugar o día 31.1.2019, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar definitivamente, en virtude do establecido no artigo 86.1.f) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga), o proxecto de modificación puntual do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior (PEPRI), do rueiro 214A (rúa San Roque-rolda da Muralla), promovido pola entidade mercantil Hipólito, S.L. e redactado polos arquitectos Susana Trinidad Santamariña e David Pernas del Cura. Comunícase que:

1º. Esta resolución faise de conformidade co:

A) Co acordo da Xunta de Goberno local de data do 29.8.2018, de resolución de alegacións e aprobación provisional deste proxecto, o cal se fundamentou nos informes existentes no expediente que a continuación se indican, dos cales se deu traslado íntegro aos interesados para o seu coñecemento e oportunos efectos: informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 22.8.2017, informe do Servizo Municipal de Arquitectura do 5.6.2018 e informe do Servizo Municipal de Enxeñería do 22.6.2018.

B) Co informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (CMATV), recibido neste concello con data de rexistro de entrada do 15.11.2018.

2º. Segundo o informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 22.8.2017:

«Á vista das propias conclusións dos informes técnicos desta Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e do ICOMOS, e posto que a MP implicará a autorización directa das actuacións por parte do Concello de Lugo, que é este competente segundo o que establece o artigo 58.1 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, unha vez aprobado o Plan especial, xúlgase que deben realizarse as seguintes consideracións para o seu posterior trámite:

1. As actuacións arqueolóxicas serán, en calquera caso, previas ao inicio das obras segundo o trámite previsto no PEPRI e coa consideración de que os seus resultados poderán condicionar o seu desenvolvemento e o uso do subsolo.

2. As condicións de deseño dos alzados e cubertas, proporción de ocos e macizos, formas de ocos e, en especial, o desenvolvemento construtivo dos alzados permitirá a lectura, cando menos aproximada, da estrutura previa do parcelario, e tomarán en especial consideración o referido no artigo 46.1 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, para corrixir o impacto da situación actual dos predios pero tamén o das futuras edificacións previstas, e garantir a súa integración e harmonización ambiental.

3. O proxecto de urbanización do espazo público completará as medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do Carril das Flores, con elementos de sinalización e regulación viaria e deseño dos pavimentos, procurando a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito dentro dos futuros plans de mobilidade e circulación que poidan ser deseñados».

Segundo. Proceder, segundo o disposto nos artigos 82 e 88 da LSG, á:

– Publicación do acordo de aprobación definitiva no DOG, no prazo dun mes desde a súa adopción. Xunto coa publicación deste acordo publicarase a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público.

– Remisión dun exemplar deste instrumento de planeamento en soporte dixital, debidamente dilixenciado, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (CMATV) para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia. Esta inscrición é requisito de eficacia do acordo de aprobación definitiva.

– Publicación no BOP do documento que conteña a normativa e as ordenanzas.

Terceiro. Notificarlles este acordo aos interesados no expediente para o seu coñecemento e oportunos efectos, advertindo que contra el, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo) nun prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación do presente acto, o cal pon fin á vía administrativa (artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo), sen prexuízo de que poderen interpoñer calquera outro recurso ou reclamación que consideren conveniente ao seu dereito.

O contido íntegro do documento aprobado poderá consultarse no seguinte enderezo electrónico:

– http://lugo.gal/gl/actuacions/normativa-urbanistica

Lugo, 18 de febreiro de 2019

A alcaldesa,
P.D. (Decreto número 16008543)
Xosé Daniel Piñeiro Villares
Tenente-alcalde delegado da Área
de Desenvolvemento Sostible e Persoal