Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 25 de abril de 2019 Páx. 20241

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 4 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Showa Denko Carbon Spain, S.A. para a súa planta de grafito para eléctrodos situada no concello da Coruña (expediente 2018-IPPC-M-29).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19.10.2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013 sométese a información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Procedemento de revisión de autorización ambiental integrada.

Revisión 0. 2018-IPPC-M-29.10-12-2018.

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-29.

Núm. de autorización ambiental integrada: 2007/0007_NAA/IPPC_145.

Categoría principal da actividade: 11.1 (instalacións para a fabricación de carbono sinterizado ou electrografito por combustión ou grafitación).

Titular: Showa Denko Carbon Spain, S.A.

CIF: A-1501118.

Enderezo do titular: estrada Baños de Arteixo, 34, 15008 A Coruña.

Enderezo da instalación: estrada Baños de Arteixo, 34, 15008 A Coruña.

Actividade principal: fabricación de eléctrodos de grafito.

Descrición das instalacións: esta planta dedícase á fabricación de eléctrodos de grafito para o seu uso na industria de fabricación do aceiro. A planta dispón dunha capacidade de produción aproximada de 59.000 t/ano.

O proceso produtivo consta das seguintes etapas:

1. Etapa de crus: recepción e almacenamento de materias primas e auxiliares (coque de petróleo granulado, brea líquida e aditivos), moenda e crebado do coque de petróleo, mesturado (do coque coa brea, a temperatura, dando lugar á pasta crúa), formado (transformación mediante prensa de extrusión da pasta crúa en eléctrodos cilíndricos).

2. Cocción: os eléctrodos crus, xa conformados, cárganse e introdúcense nos fornos de cocción (elevada temperatura), de forma que se produce a coquización da brea (extracción de materiais volátiles). Ao final desta etapa obtense un eléctrodo de carbono amorfo.

3. Impregnación: os eléctrodos imprégnanse coa brea líquida para reencher a porosidade do carbono amorfo.

4. Recocción: ao introducir de novo os eléctrodos en fornos e a temperaturas similares ás anteriores, obtense un eléctrodo de maior densidade e características melloradas.

5. Grafitación: consiste nun tratamento a alta temperatura nunha atmosfera inerte (uns 3.000 ºC), mediante o paso dunha corrente eléctrica directa de intensidade moi elevada. Desta forma prodúcese a transformación do carbono amorfo en grafito (cambio da estrutura cristalina desordenada a unha ordenada e de xeometría definida que lle confire unhas propiedades eléctricas particulares).

6. Mecanizado: consiste na adecuación dos eléctrodos, mediante cilindrado e roscado, ás dimensións e requirimentos demandados polo cliente.

Verteduras: na planta de Showa Denko Carbon Spain, S.A. non se xeran augas residuais industriais (só se usa auga de refrixeración nas distintas etapas do proceso produtivo, pero en circuíto pechado). No tocante ás augas residuais sanitarias, recóllense en fosas sépticas e a continuación son vertidas á rede de saneamento municipal (que son finalmente tratadas na EDAR de Bens). As augas residuais pluviais son recollidas polo sistema de drenaxe interior da planta, composto por 75 pozos de decantación (con dimensións de entre 80-130 cm de diámetro e 4-5 m de profundidade), e finalmente vertidas á rede municipal (con destino final na EDAR de Bens).