Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2019 Páx. 17538

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2019 polo que se aproba definitivamente o proxecto da liña eléctrica denominada LAT Evacuación P.E. Montes de Abella, modificado como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 28 de febreiro de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial LAT evacuación P.E. Montes de Abella. Xaneiro 2019, promovido por Inverólica de Abella, S.L.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Láncara e de Triacastela quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado infraestrutura eléctrica LAT evacuación P.E. Montes de Abella modificado.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Plan vixente.

Os terreos onde se pretende implantar a LAT de evacuación do PE Montes de Abella están localizados nos concellos de Láncara e Triacastela na provincia de Lugo.

O Concello de Triacastela carece de instrumento xeral de plan urbanístico, sendo de aplicación o Plan básico autonómico (PBA) aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, que entrou en vigor o 22.10.2018. O concello de Láncara dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 22.2.2013, que clasifica os terreos afectados pola infraestrutura como solo rústico de protección forestal produtor (SRPF/PD).

Debido a que se trata dun concello sen plan xeral e dun concello con plan non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), aos terreos afectados pola liña aplicaráselles o réxime de solo rústico da devandita lei, segundo se recolle na súa disposición transitoria primeira (DT1):

– No Concello de Triacastela, segundo o número 4 da DT1 da LSG, corresponde aplicar o réxime das categorías de solo rústico de protección ordinaria e de solo rústico de especial protección forestal (MVMC Triacastela), das augas (policía de varios arroios), de infraestruturas (proxectos sectoriais aprobados definitivamente).

– No Concello de Láncara, manteranse as categorías do PXOM por ser un plan adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

De acordo cos artigos 36.5 da LSG e 51.5 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG), en todas as categorías de solo rústico anteriores poderanse implantar os usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso deste proxecto sectorial, despois da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

No plano correspondente, anexo ao presente documento, móstranse as citadas clasificacións con respecto ao trazado da LAT proxectada.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación do plan xeral.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

A área delimitada polo presente proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no Plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co uso, segundo o artigo 34.2.e) da Lei 2/2016:

e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, con arranxo á previsión dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio.

Esta área represéntase no plano Plan municipal modificado.

Por tanto, deberá incluírse nos plans xerais afectados, neste caso os de Láncara e Triacastela, a delimitación desta nova área de clasificación.

De acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

O solo rústico protección de infraestruturas aquí indicado aterase ao definido pola Lei 2/2016 para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a continuación:

2.2. Solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada ás instalacións de distribución da enerxía eléctrica proveniente de diversos puntos de xeración, especialmente para a evacuación de enerxía renovable xerada en parques eólicos.

De acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

2. Usos permitidos.

O réxime xeral do solo rústico de protección de infraestruturas ten por obxecto preservar os terreos ocupados polas infraestruturas e as súas zonas de afección, así como os que sexan necesarios para a implantación doutras novas. Esta categoría de solo queda suxeito ao seguinte réxime:

• Usos permitidos por licenza municipal:

Os relacionados con actividades de lecer, científicas escolares e divulgativas. Instalacións necesarias para os servizos técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorre.

Peches ou valados de leiras nas condicións establecidas na normativa de aplicación.

Permitiranse as instalacións necesarias para a execución e o funcionamento da devandita infraestrutura.

• Usos permitidos pola Comunidade Autónoma:

Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragados, defensa de ríos e rectificación de canles, abancalamentos, desmontes, recheos e outras análogas.

Instalacións vinculadas ao funcionamento das estradas e as infraestruturas e obras públicas en xeral.

• Contorna da liña eléctrica:

Tras a construción da liña eléctrica, esta contorna non poderá ser utilizada polos propietarios dos terreos para determinadas actividades que afecten negativamente a infraestrutura proxectada, por exemplo, edificar ou realizar plantacións de especies vexetais en altura.

Para o cálculo da área afectada pola contorna da liña eléctrica considérase unha franxa de anchura 10 m a cada lado da LAT onde a única limitación en canto aos usos por parte dos propietarios dos terreos será a plantación de arboredo.

3. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación da LAT para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente avaliación ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

4. Condicións de edificación.

Debido á particularidade do tipo de instalación que se proxecta non se prevé necesaria a instalación de ningún edificio pechado, polo que non se dispón unha superficie mínima de parcela para a edificación.

A altura máxima permitida para os apoios metálicos será de 55 metros.

5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 39 a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver pola súa conta os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Dotación de aparcadoiros.

6. Condicións estéticas.

Cumpriranse as prescricións descritas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

2.3. Eficacia.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio, no seu artigo 24 establece que as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten devanditos plans ou proxectos, que haberán de adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen.

No mesmo sentido, o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1 establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o municipio en que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Así mesmo, a Lei 2/2016 establece no seu artigo 36, número 5:

Así mesmo, poderán implantarse en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, logo da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

Cando se revise o plan municipal dos concellos afectados e se adapten á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, haberanse de incluír as delimitacións sinaladas nos planos deste documento, clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas que se rexerá pola normativa desenvolvida no apartado anterior.

2.4. Prazo.

A adecuación dos plans xerais deberase realizar coa redacción e tramitación:

– Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– Da revisión do Plan urbanístico municipal vixente.

– Da adaptación, se é o caso, do plan á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ou á normativa que a substitúa.

3. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.