Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2019 Páx. 17545

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2019, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Coruña (expediente IN407A 2019/29-1).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Sociedade Cooperativa Galega de Vivendas Parque Ofimático.

Domicilio social: Paseo das Pontes, 16, baixo 15004 A Coruña.

Denominación: modificación 1 do proxecto técnico de LMTS e CT en parcela Z-42, sector S-10 do Parque Ofimático-A Coruña.

Situación: parcela Z-42, sector S-10 Parque Ofimático-A Coruña.

Características técnicas:

Liña de media tensión subterránea de 15 kV, con inicio e fin na liña de distribución (expediente IN407A 2016/17-1), condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3×(1×240 mm2) Al, lonxitude 16 m (entrada + saída).

Centro de transformación na planta baixa do edificio en local para tal fin, sito en parcela Z-42, sector S-10 do Parque Ofimático (A Coruña), cunha potencia de 400 kVA, cunha relación de transformación de 15/0.42 kV e configuración 2L + 1P.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310), do sector eléctrico e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais e de acordo coa Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54), esta xefatura territorial resolve:

Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da modificación 1 do proxecto técnico de LMTS e CT en parcela Z-42, sector S-10 do Parque Ofimático, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

O prazo de vixencia desta autorización é de dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A presente autorización entenderase outorgada, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiro, e non poderá ser invocada para excluír ou diminuír a responsabilidade civil ou penal en que puider incorrer o beneficiario no exercicio da actividade ou na explotación da instalación autorizada.

A cláusula precedente debe subliñarse no presente caso, por ter comparecido no expediente un terceiro alegando a propiedade do local previsto para a localización do CT e a falta de representación do solicitante. Conforme a obriga de decidir todas as cuestións presentadas polos interesados, deuse traslado de estas alegacións ao promotor, que as respostou cunha nota simple do Rexistro da Propiedade, acreditativa da titularidade rexistral do local disputado, sen contradecir o alegado, polo que se abriu trámite de actuacións complementarias en que o promotor presentou as xustificacións que constan no expediente. Examinada a cuestión, resólvese conforme a seguinte doutrina:

«… o Tribunal Supremo declarou (entre outras, sentenzas do 5 de febreiro de 2008 -rec. 773/2004-, do 23 de febreiro de 2005 -rec. 306/2002- e do 13 de febreiro de 2001 -rec. 985/1996-) que a través da licenza ... a Administración ... actúa un control de legalidade, pero non da legalidade en xeral senón da legalidade» sectorial (na rama da súa competencia) «De aquí deriva que non corresponde á Administración controlar, a través da licenza, a titularidade dominical do terreo sobre o que se pretende construír (...), e a esta situación responde a cláusula “salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiro”».

Noutra precísase o significado da dita cláusula no ámbito das licenzas: «... significa que o que se autoriza é unha obra, máis nada, analizando se tal obra, neste caso, un peche, é conforme ou non ao planeamento, sen analizar a propiedade do solo onde se efectúa, nin prexulgala nin menos aínda crear dereitos como consecuencia dunha concesión desa autorización».

Outro tanto cabe dicir da vixencia dos poderes do representante da entidade promotora, e da eficacia dos seus actos de representación, dependente do seu réxime estatutario:

«O que se quere denunciar é a ilegalidade do acordo adoptado e falta de vinculación por falta de quórum. Pero isto non pode ser alegado fronte á Administración urbanística que carece de competencias para revisar acordos en réxime de PH. Se o acordo é ilegal, debía impugnarse ante a xurisdición civil na forma que indica e nos prazos fixados na LPH. ... ... a Administración, ao analizar a solicitude de licenza, non pode cuestionalo. Como se dixo, as licenzas se outorgan sen prexuízo do dereito de propiedade e de terceiros, que poden defender os mesmos (os dereitos de propiedade horizontal) na xurisdición correspondente. En conclusión, a validez ou non do acordo da xunta de propietarios nin pode revisalo o Concello nin esta xurisdición» (a contenciosa).

A doutrina acollida para resolver, ou mellor dito, obviar, as dúas cuestións suscitada pola terzaría, ten o seu campo propio na Administración municipal e no sector urbanístico, pero enténdese de plena aplicación, en xeral, a calquera rama da intervención administrativa.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao medio.

Contra o presente acordo, que non é definitivo en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 112, 115, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 13 de marzo de 2019

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña