Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16770

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello das Pontes de García Rodríguez

ANUNCIO do convenio urbanístico entre o Concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e a empresa Endesa Generación, S.A., no ámbito do Poboado das Veigas.

O Pleno do Concello das Pontes, en sesión do 30 de xaneiro de 2019, acadou o seguinte acordo, á vista dos antecedentes existentes no expediente e do disposto no artigo 168.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 402 e 403.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, con 9 votos a favor (8 do PSdeG-PSOE e 1 do Grupo Mixto) e 5 abstencións (2 de XasP e 3 do BNG-AA):

«1º) (...)

4º) Aprobar definitivamente o convenio urbanístico subscrito con Endesa Generación, S.L., o día 28 de decembro de 2017, para a cesión ao concello dos equipamentos públicos, viario público, e espazos libres que se identifican no Plano O2. Proposta de ordenación coas referencias E1a*; E5a; E6a; E9a* (equipamentos públicos); V, Va, Vcd (viario); L, La; e Lv (espazos libres).

5º) Publicar o texto íntegro do convenio, xunto co seu acordo de aprobación, no Diario Oficial de Galicia.

6º) Notificar este acordo á empresa Endesa Generación, S.A., para que no prazo dos quince días seguintes á notificación deste acordo formalice en documento administrativo o texto definitivo do convenio; transcorrido este prazo sen que o convenio sexa asinado, quedará sen efecto. De acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os interesados poderán interpoñer calquera outro que consideren pertinente.

O texto do convenio aprobado definitivamente e asinado o día 26.2.2019 é o seguinte:

“Subscriben:

Dunha banda, o concelleiro delegado da Área de Facenda, Patrimonio, Urbanismo e Servizos, Antonio Alonso Román, con DNI 76411148L, que actúa en exercicio das facultades delegadas en virtude do Decreto 125/2015, do 3 de xullo, de delegación de competencias da Alcaldía nos membros da Xunta de Goberno Local e de delegacións especiais.

Doutra, Antonio Colchero Razo, con DNI número 52263656C, e Mariano Alba Morales, con DNI número 02897023N, que actúan en nome e representación de Endesa Generación, S.A., con CIF A82434697, e domicilio social en Sevilla, avenida de la Borbolla, nº 5, en virtude dos poderes outorgados ante o notario de Madrid Francisco Javier Gardeazábal del Río, en datas 10.5.2013 e 11.7.2017.

Tamén subscribe a secretaria do Concello, Marina Núñez Orjales, con DNI número 32820109Y, para os efectos de fe pública.

Antecedentes:

En sesión plenaria do 4.9.2008 aprobouse definitivamente o convenio urbanístico para obter o terreo destinado á estación depuradora de augas residuais municipais. Na súa cláusula quinta establecíase a cesión de zonas comúns unha vez urbanizado o Poboado das Veigas.

O texto inicial do convenio de planeamento e execución para a cualificación, cesión gratuíta e urbanización dos equipamentos públicos, infraestrutura e viario resultante da modificación puntual das normas subsidiarias do Concello das Pontes de García Rodríguez no ámbito do Poboado das Veigas asinouse o día 28.12.2017; o Pleno do Concello aprobouno inicialmente en sesion plenaria do 26.1.2018; a empresa ratificou o texto, con diversas modificacións na superficie dos equipamentos para ceder, mediante escrito que se recibiu no Concello o día 18.1.2019 (RE sede número 101); o Pleno do Concello aprobou definitivamente o texto do convenio o día 30.1.2019.

Fundamentos legais:

O artigo 52 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), recolle as determinacións que con carácter xeral deben ter os plans xerais de ordenación municipal, referíndose, entre outros, á delimitación dos espazos libres, as zonas verdes públicas, do equipamento comunitario público e dos servizos urbanos e a determinación do carácter público ou privado das dotacións.

O artigo 129 da LSG regula a obtención do solo dos sistemas xerais e locais, referíndose aos convenios urbanísticos entre a Administración e o propietario.

Os artigos 165 a 168 da LSG regulan o concepto, alcance e procedemento de aprobación dos convenios urbanísticos.

Cláusulas:

Primeira. As normas subsidiarias municipais vixentes no Concello das Pontes establecen no seu artigo 10.2.2.1, dentro do solo urbano das Pontes de García Rodríguez, a seguinte regulación respecto do Poboado das Veigas:

“Poboado de Encaso:

É o definido historicamente, coas características residencias e de equipamento que existen na actualidade. Recoñécese no seu estado actual, manténdose coas súas características de uso, volume e estéticas en calquera actuación modificatoria que se pretenda. No seu contacto coa rúa Pardo Bazán, e para os efectos de regularizar os trazados viarios e de cuarteirón existentes, proponse unha ordenación dunha mínima parte dese solo como residencial en cuarteirón pechado, formando unidade co solo inmediato”.

O parco desta regulación dificulta as actuacións edificatorias, de implantación de equipamentos e dotacións públicas, acondicionamento de infraestruturas e sistema viario.

Por iso, o obxectivo básico deste convenio urbanístico, de planeamento e xestión é tramitar a modificación puntual no ámbito denominado Poboado das Veigas, para que neste ámbito se establezan as determinacións urbanísticas propias dunha ordenación detallada; deste xeito, reflíctese a clasificación do solo como solo urbano consolidado, determinase a súa cualificación e o réxime xurídico de acordo coa normativa urbanística, asumindo o propietario dos terreos, Endesa Generación, S.A., a obriga de ceder ao concello das Pontes de García Rodríguez os terreos dotacionais e a de completar a urbanización das parcelas afectadas co fin de garantir a súa condición de soar.

A clasificación e cualificación urbanística do sector é a que se reflicte na modificación puntual das normas subsidiarias municipais que se tramita de xeito conxunto con este convenio.

En virtude deste convenio, o Concello das Pontes de García Rodríguez comprométese a impulsar a aprobación da referida modificación puntual no exercicio das súas competencias procedendo á correspondente publicación oficial nun prazo inferior a dous meses desde que aquela teña lugar de forma definitiva.

Segunda. De acordo co anteriormente exposto, unha vez entrada en vigor a modificación puntual das normas subsidiarias no Poboado das Veigas, Endesa Generación, S.A., cederá ao Concello das Pontes de García Rodríguez, de forma gratuíta, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, as zonas cualificadas nesta modificación puntual como de equipamentos públicos, viario público, aparcadoiro en vía pública, zonas verdes e infraestruturas, que se describen de seguido e se recollen graficamente no anexo deste convenio:

• Equipamentos:

(Entre paréntese as claves con que se identifican nos planos de ordenación)

Un total de 92.819,47 m2, en que se inclúen:

– As actuais pistas deportivas (E1*a), con 69.198 m2 de parcela, delimita coa rolda do Poboado e a rúa Pardo Bazán ao norte.

– A parcela en que se atopa o local, a piscina e as pistas deportivas do club O Lar, (E5a), cunha superficie total de 8.089 m2, así como as instalacións existentes.

– Os terreos do actual conservatorio (E6a), cunha superficie de 3.105 m2, así como as instalacións existentes.

– A parcela onde se sitúan as instalacións de Aspanaes (E9a), de 12.428 m2, e a edificación existente.

• Viario público:

(Entre paréntese as claves coas que se identifican nos planos de ordenación)

Un total de 51.602,54 m2, nos cales se inclúen:

– As vías locais (V), cun total de 37.210,97 m2.

– Viario de acceso (Va), cun total de 3.943,64 m2.

– Viario cívico-deportivo (Vcd), cun total de 10.447,94 m2.

• Espazos libres:

(Entre paréntese as claves con que se identifican nos planos de ordenación)

Un total de 36.872,12 m2 en que se inclúen:

– Os xardíns ao redor da igrexa do Poboado (L), con 14.445,20 m2.

– Os xardíns fronte ao conservatorio (L), que lindan coa avenida das Veigas 1.611,85 m2.

– A zona verde que se atopa ao carón da zona cualificada con 4.1 e a vía que limita o ámbito da modificación puntual (La), cunha superficie de 17.871,77 m2.

– Un espazo reservado para zona verde compatible con viario (Lv), de 2.943,31 m2.

Terceira. Unha vez que entre en vigor a modificación puntual, este convenio elevarase a escritura pública, producíndose nese intre a transmisión ao Concello da titularidade dos bens descritos na cláusula segunda; o convenio inscribirase no Rexistro da Propiedade, de acordo co disposto nos artigos 1.8, 2 e 30.3 do Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo, polo que se aproban as normas complementarias ao Regulamento para a execución da Lei hipotecaria sobre inscrición no Rexistro da Propiedade de actos de natureza urbanística.

Cuarta. Endesa Generación, S.A., asumirá os deberes contidos no artigo 20 da LSG para os propietarios do solo urbano consolidado, en particular, os gastos de urbanización precisos para completar os servizos urbanos e o de executar as obras necesarias para conectar coas redes de servizos e viaria en funcionamento.

O proxecto de execución de obras ordinarias de urbanización do Poboado das Veigas redactarao Endesa Generación, S.A., coas condicións técnicas que resulten legalmente exixibles e en coherencia coas condicións de urbanización fixadas na memoria de ordenación da modificación puntual das normas subsidiarias no Poboado das Veigas. O proxecto técnico será subscrito por técnico ou técnicos competentes e visado, de ser legalmente exixible, polo colexio oficial correspondente; o proxecto comprenderá o conxunto de documentos que defina as actuacións que se van realizar, co contido e detalle que require o seu obxecto e axustado ás prescricións técnicas previstas na normativa urbanística e demais disposicións sectoriais de aplicación no momento da súa aprobación.

Unha vez en vigor a modificación urbanística, o proxecto de execución someterase ao procedemento administrativo previsto no artigo 96 da LSG e aprobarase definitivamente unha vez que conte coas autorizacións sectoriais pertinentes, de ser o caso, e logo de validación polos servizos técnicos municipais; unha vez autorizado o proxecto, a empresa asumirá a contratación das obras, a súa execución e custeamento e incluirá nos devanditos compromisos os honorarios de dirección das obras de urbanización.

Antes do inicio das obras, deberá presentarse ante o Concello a garantía para asegurar a correcta execución da totalidade das obras de urbanización por importe do 10 % do orzamento de execución material do proxecto. A garantía constituirase mediante calquera dos mecanismos previstos na lexislación de contratos do sector público e será beneficiaria dela o Concello, e deberá presentarse no prazo máximo de seis meses desde a aprobación definitiva do proxecto de urbanización.

Quinta. A execución das obras finalizará no prazo previsto no proxecto de execución ou do que, se for o caso, resulte da licitación da obra pola empresa.

Unha vez iniciadas as obras, poderanse conceder prórrogas ou ampliacións de prazo que deberán ser aprobadas polo órgano municipal competente en materia de urbanismo, logo de solicitude debidamente fundamentada de Endesa Generación, S.A., presentada antes do vencemento do prazo.

O día do inicio da obra levantarase a correspondente acta de comprobación do trazado de planta conforme o previsto no artigo 7.4 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana (TRLSRU), subscrita polos técnicos da dirección de obra e a empresa contratista; este acto comunicarase ao Concello para o seu coñecemento. O prazo de execución das obras de urbanización comezará a contarse a partir do día seguinte ao da sinatura da devandita acta. Durante a execución das obras adoptaranse as medidas de sinalización previstas na lexislación sectorial en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, no traballo e sinalización de obras.

Non se poderán introducir modificacións na execución da obra sen tramitar para o efecto o correspondente proxecto reformado ou modificado. Se for o caso, complementarase a garantía inicialmente constituída. Non se entenderán como modificacións aqueles cambios que sexan meros axustes para adaptar o proxecto á realidade da localización que, en calquera caso, deberán ser documentados en acta de obra e recollidos na documentación final (planos as built).

Durante a execución das obras o concello exercerá, a través dos técnicos que designe, as funcións de inspección técnica e urbanística e de vixilancia delas e poderá realizar cantos controis coide oportunos sempre e cando se cumpran as debidas medidas de seguridade e non se perturbe o desenvolvemento dos traballos. Si as inspeccións municipais concluíren nun incumprimento da normativa vixente ou se advertiren modificacións significativas do exposto no proxecto, poderase proceder á paralización cautelar das obras coas medidas que se deben adoptar, se for o caso; nestes supostos efectuarase un requirimento previo de emenda a Endesa Generación, S.A.

Con base en todo iso, o promotor deberá facilitar o acceso á obra aos técnicos municipais e adoptar as medidas necesarias para desenvolver as súas funcións de inspección e vixilancia.

As inspeccións realizadas polo concello non suplen a responsabilidade nin a encomenda da dirección facultativa das obras, que é responsabilidade da empresa promotora.

A execución das obras de urbanización poderá realizarse nas fases que determine o proxecto de urbanización, as cales deberán ser susceptibles de entrega ao uso público e constituír unha unidade funcional directamente utilizable.

Previamente á recepción das obras, o promotor delas deberá presentar a seguinte documentación, visada polo colexio profesional competente, de ser este requisito exixible legalmente:

– O certificado de final de obra emitido polo director destas, que comprenderá todas as obras realizadas e os servizos urbanísticos e instalacións implantados.

– Os planos definitivos das obras, ou planos de liquidación debidamente subscritos pola dirección de obra; estes planos reflectirán calquera variación existente nas obras.

– E cantos planos, certificados e autorizacións poidan ser precisos para a posta en marcha das obras e/ou instalacións executadas.

A recepción definitiva, total ou parcial, das obras de urbanización corresponderá ao Concello por instancia de Endesa Generación, S.A., segundo o disposto no artigo 7.4 do TRLSRU; o Concello das Pontes de García Rodríguez, logo das inspeccións e/ou informes que se consideren oportunos, realizará a recepción definitiva das obras ou indicará as deficiencias observadas.

No caso de que o Concello non resolva expresamente sobre a recepción das obras de urbanización no prazo de tres meses, contados desde que se inste a recepción, bastará o ofrecemento formal de cesión para os efectos de entendelas recibidas. A notificación por parte do Concello das deficiencias observadas, en relación co contido do proxecto, para que as emende no prazo que se sinale, paraliza o cómputo dos tres meses.

A obra de urbanización non poderá ser recibida ata que a totalidade dela, ou das fases en que se desenvolva, sexa executada e se conte cos informes técnicos necesarios e favorables para iso.

Ata que non se produza a recepción das obras, a conservación da urbanización corresponderá á empresa Endesa Generación, S.A., e os custos correspondentes terán a consideración de gastos de urbanización.

A recepción formalizarase nunha acta que asinará o representante do Concello, o representante de Endesa Generación, S.A., a dirección de obra e un técnico designado polo Concello.

A partir da data de recepción das obras polo Concello, dispoñerase dun ano de garantía e transcorrido este, sen que se producise a notificación de deficiencias para emendar polo promotor, procederá a devolución da fianza, logo da petición realizada para o efecto.

Se a obra se arruinar con posterioridade á expiración do prazo de garantía, por causas imputables á execución (vicios ocultos...), o promotor responderá dos danos e perdas de conformidade do disposto na lexislación civil.

A conservación e funcionamento das obras de urbanización, incluíndo o mantemento das dotacións e os servizos públicos correspondentes, corresponderá ao Concello a partir da súa recepción.

Sexta. Este convenio urbanístico ten natureza e carácter xurídico-administrativo. Para o non regulado de forma expresa neste convenio, as partes sométense ao previsto no artigo 86 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nos artigos 25 a 61 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, nos artigos 20, 96 e 165 a 168 da LSG e os concordantes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e demais normativa de aplicación e en vigor en cada momento.

E en proba de conformidade, ambas as partes asinan este convenio, a un só efecto, na data da sinatura electrónica.

As Pontes de García Rodríguez, febreiro de 2019

Antonio Alonso Román, concelleiro delegado da Área de Facenda, Patrimonio, Urbanismo e Servizos. Antonio Colchero Razo e Mariano Alba Morales, Endesa Generación, S.A. Marina Núñez Orjales, secretaria».

• Plano de cesións:

De acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, os interesados poderán interpoñer calquera outro que coiden pertinente.

As Pontes de García Rodríguez, 28 de febreiro de 2019

O alcalde
P.D. (Decreto 1251/2015, do 3 de xullo)
Antonio Alonso Román
Concelleiro delegado da Área de Facenda, Patrimonio, Urbanismo e Servizos

ANEXO

missing image file