Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16717

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos

EDICTO (390/2017).

Sentenza: 19/2019

Modificación de medidas suposto contencioso (MMC ) 390/2017

Sobre: modificación de medidas

Demandante: Lorena Giraudier Domínguez

Procuradora: Leticia Filomena Castro Fernández

Avogado: Pablo Vigo López

Demandado: Younes Hourri Benomari

Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2019.

Vistos por min, César Antonio Saco Figueiras, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos e do seu partido, os autos de modificación de medidas número 390/2017, seguidos por instancia de Lorena Giraudier Domínguez, representado pola procuradora Sra. Castro Fernández e baixo a dirección do letrado Sr. Vigo López contra Younes Hourri Benomari, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, resolvo con base nos seguintes:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. A procuradora Sra. Castro Fernández presentou demanda en que solicitaba a modificación de medidas, no seu día acordadas en sentenza do 10 de setembro de 2012 ditada no procedemento de divorcio 94/2012.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, foi emprazada a parte demanda, que en tempo e forma compareceu nos autos contestando a demanda en termos de oposición e tivo lugar o xuízo, onde se practicaron as probas propostas e admitidas, que foi gravado en soporte videográfico, e quedaron as actuacións conclusas para sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Ante os distintos avatares polos cales pode discorrer tanto a situación persoal como a fortuna e as necesidades dos membros da unidade familiar afectados polos procesos de nulidade, separación e divorcio, o lexislador prevé a posibilidade de variación das medidas xudiciais establecidas, sempre e cando concorra o suposto de feito previsto nos artigos 90 e 91 do Código civil, é dicir, nos casos en que se produza “unha alteración substancial de circunstancias”, ou “substancial de fortuna” para o caso da pensión compensatoria (artigo 100 do Código civil).

Esta alteración de circunstancias para ser tida en conta, segundo se veu sinalando de forma reiterada polas audiencias provinciais, debe reunir unha serie de requisitos, tales como que sexa verdadeiramente transcendente, de relativa importancia, non escasa nin transitoria, senón permanente ou duradeira e non meramente conxuntural; que non sexa imputable á simple vontade de quen solicite a revisión; e que non fose prevista ou tida en conta polos cónxuxes ou polo xulgador no momento en que a medida cuxa revisión se insta foi establecida; en calquera caso a estimación da pretensión estará condicionada á demostración por quen demanda (por aplicación das regras sobre a carga da proba do artigo 217 do LAC) de que a alteración tivo lugar, é dicir, que novas circunstancias xeraron unha variación da precedente situación, a recollida pola sentenza de nulidade, separación ou divorcio para a adopción das medidas que se pretenden modificar.

Segundo. As circunstancias que foron tidas en conta na Sentenza do 10 de setembro de 2012 ditada no procedemento de divorcio 94/2012 para fixar o réxime de visitas eran que o demandado cumpriría normalmente co amplo réxime de visitas que tiña establecido, no cal podía ter aos nenos na súa compaña as fins de semanas alternas, máis un día á semana, e as vacacións por metade. Con todo, tal e como explica a demandante, o réxime establecido debe ser modificado xa que esas circunstancias cambiaron.

Tal e como se expuxo no plenario pola demandante, o demandado viu os seus fillos e estivo en compaña deles o primeiro mes tras se ditar a sentenza (e só os vía os domingos); pasado ese mes, os contactos espazáronse no tempo e son inexistentes na actualidade. Tal feito foi confirmado pola testemuña que depuxo no xuízo, Dorinda Domínguez Rodríguez. Ata tal punto non existe contacto entre o pai e a familia que ata a demandante ignora o verdadeiro paradoiro da súa ex parella. O maior temor da demandante está en que, aproveitando unha desas visitas illadas, o pai tratase de levar os menores a outro país. É por iso que solicita que as ditas visitas, de se produciren, teñan lugar no domicilio familiar, onde vive a demandante cos menores, e que non superen as 2 horas á semana.

O demandado non mostrou moito interese por manter unha orde á hora de visitar e estar en compaña dos menores, xa que actualmente non acode a velos, razón pola cal o cambio proposto tampouco entrañará incomodidade ningunha para el.

O Ministerio Fiscal adhírese ao solicitado pola demandante.

En consecuencia, accédese á modificación de medidas solicitada pola demandante no sentido de que as visitas, comunicacións e estadías terán lugar no domicilio familiar, onde vive a demandante cos menores, e non superarán as 2 horas á semana.

Terceiro. A especial natureza da materia controvertida xustifica a ausencia de condena en custas.

Sentenza.

Estímase a demanda de modificación de medidas instada pola procuradora Sra. Castro Fernández, en nome e representación de Lorena Guiraudier Domínguez fronte a Younes Hourri Benomari e, en consecuencia, acórdase a modificación das medidas establecidas na sentenza ditada o día 10 de setembro de 2012, ditada no procedemento de divorcio 94/2012, no sentido de que as visitas, comunicacións e estadías terán lugar no domicilio familiar, onde vive a demandante cos menores, e que non superará as 2 horas á semana.

Non se fai especial pronunciamiento en materia de custas procesuais.

Notifíqueselle a presente resolución ás partes, facéndolles saber que contra ela cabe interpor, ante este xulgado, recurso de apelación, dentro dos vinte días seguintes á súa notificación, conforme o disposto na LAC.

Así o pronuncia, manda e asina. Dou fe».

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza polo xuíz que a ditou, encontrándose realizando audiencia pública no mesmo día do seu pronunciamiento. Dou fe.