Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2019 Páx. 13389

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se aproba o Plan de inspección comercial da Xunta de Galicia para o ano 2019.

De acordo co artigo 30.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e a lexislación sobre a defensa da competencia nos termos dispostos nos artigos 38, 131, 149.11 e 13 da Constitución española.

Con base no anterior, o Parlamento de Galicia aprobou o 17 de decembro de 2010 a Lei 13/2010, do comercio interior de Galicia, para dar cumprida resposta ás necesidades das persoas comerciantes, garantindo, pola súa vez, a debida protección ás persoas consumidoras e usuarias (artigo 3.e). A dita lei, no seu artigo 95, establece que corresponde á dirección competente en materia de comercio e aos concellos, no exercicio das súas funcións de vixilancia, a inspección de produtos, actividades, instalacións e establecementos comerciais, así como recadar das persoas titulares destes, canta información resulte precisa, sen prexuízo, claro está, das competencias inspectoras noutros ámbitos sectoriais nos cales, en razón da materia, outros departamentos da Xunta de Galicia resulten competentes.

Entre un dos obxectivos da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, está a potenciación da Inspección de Comercio como garante dos principios e directrices establecidos nela. No seu artigo 101.3 establece que o procedemento de inspección se levará a cabo regulamentariamente, e este mandato cúmprese mediante o Decreto 152/2014, do 27 de novembro, polo que se regula a inspección de comercio de Galicia, que recolle no seu artigo 16 o desenvolvemento do plan anual de inspección.

De acordo co anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo

RESOLVE:

Primeiro. Aprobación do plan

Apróbase o Plan de inspección comercial da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, en cumprimento do artigo 16 do Decreto 152/2014, co contido recollido nos seguintes puntos.

Segundo. Ámbito de actuación

O ámbito de actuación da actividade comprendida dentro do Plan de inspección comercial abranguerá as persoas físicas ou xurídicas que exerzan unha actividade comercial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os establecementos situados nela nos cales se desenvolvan actividades comerciais (conforme o establecido nos artigos 2, 4, 3 e 22 da Lei 13/2010, do 17 de decembro), con independencia da situación do seu domicilio social.

Terceiro. Vixencia do Plan de inspección

Este plan de inspección constitúe o marco básico da actuación inspectora e desenvolverase ao longo do ano 2019.

Cuarto. Obxectivos do Plan de inspección

Os obxectivos do Plan de inspección comercial serán os seguintes:

a) Informar as persoas comerciantes dos requisitos legais derivados da práctica do comercio interior na Comunidade Autónoma de Galicia consonte a normativa comercial de aplicación, co obxecto de lograr o desenvolvemento máis adecuado da actividade comercial no seu propio beneficio e no das persoas consumidoras.

b) Establecer a planificación das actuacións que sexan adecuadas para velar polo respecto da normativa vixente en materia de comercio interior.

Quinto. Campañas de inspección e actuacións

O Plan de inspección articularase arredor das campañas que se relacionan a continuación e que se desenvolven nos anexos desta resolución:

1. Anexo I. Campañas de información da normativa comercial.

2. Anexo II. Campañas de vixilancia do cumprimento da normativa comercial:

a) Campañas sobre as actividades de promocións de vendas.

b) Campañas sobre os prezos e medios de pagamento.

c) Campañas sobre a política de devolución de produtos.

d) Campañas de control de horarios comerciais.

e) Campaña de control sobre o exercicio de actividades comerciais en establecementos, individuais ou colectivos, que non obtivesen a autorización comercial autonómica, cando esta sexa preceptiva de acordo co artigo 29 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

3. Anexo III. Campañas de verificación/comprobación material de cumprimento de subvencións e outros requisitos que exixan este tipo de comprobación.

Sen prexuízo do anterior, a inspección comercial tamén realizará a actuación inspectora mediante as visitas de inspección, os requirimentos e calquera outro medio de investigación legalmente admitido que sexa necesario para garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de comercio interior:

a) Por iniciativa motivada do servizo competente en materia de ordenación comercial, no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa.

b) Por orde motivada das persoas titulares da dirección xeral, das subdireccións xerais, das xefaturas territoriais ou das xefaturas de servizo con competencias en materia de comercio nos seus respectivos ámbitos de competencias, no caso de teren coñecemento ou indicios de existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa ou por petición razoada doutros órganos administrativos ou doutras administracións públicas que, tendo coñecemento de condutas ou feitos que poidan xustificar o inicio da actividade inspectora, non teñan competencias nesta materia.

c) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

d) Por propia iniciativa do persoal inspector, ben no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa, ben en execución das campañas de inspección.

Sexto. Programación do Plan de inspección

As distintas campañas de inspección realizaranse de maneira similar nas catro provincias da Comunidade Autónoma, e dun modo homoxéneo nas grandes cidades de Galicia e no resto dos seus concellos de maior importancia socioeconómica e tecido comercial, e segundo os formatos comerciais e sectores que se establezan para cada unha das campañas no seu correspondente protocolo e de acordo cos criterios de aleatoriedade ou de oportunidade que se determinen.

A súa programación temporal será a descrita para cada campaña en específico, no anexo deste plan de inspección, e as datas de realización no protocolo que se estableza.

Sétimo. Protocolos de actuación

Os protocolos de actuación que deberá seguir o persoal que compón a Inspección de Comercio desenvólvense con anterioridade ao inicio de cada unha das campañas de vixilancia da normativa comercial.

Oitavo. Seguimento do plan

Para o correcto seguimento das actuacións descritas no Plan de inspección, o persoal de Inspección deberá realizar:

– Informes de cada campaña realizada, que llos deberá remitir dentro dos quince (15) días seguintes ao de finalización de cada unha das campañas.

– Memoria anual na cal se incluirán todos os aspectos realizados co Plan de inspección.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio e Consumo

ANEXO I

Campañas informativas

As campañas informativas terán por obxecto realizar visitas aos establecementos comerciais e prazas de abastos co obxectivo de concienciar as persoas comerciantes da necesidade do cumprimento da normativa en materia de comercio, co fin de beneficiar tanto ás persoas comerciantes como ás persoas consumidoras, potenciando deste modo a actuación da Inspección de Comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector e no seu labor preventivo para eliminar e corrixir determinadas condutas ilícitas.

As actuacións levadas a cabo mediante esta campaña van dirixidas a informar as persoas comerciantes sobre a normativa reguladora da actividade comercial e horarios comerciais, facendo especial fincapé en:

1. Condicións xerais da distribución comercial: obrigas xerais das persoas comerciantes e horarios comerciais.

2. Actividades promocionais de vendas.

3. Prezos: marcación de prezos, vales de compra, devolucións de produtos.

No caso de que durante a visita de información se detecte algún incumprimento da normativa vixente nesta materia, o comerciante será requirido, a través dunha comunicación (artigo 22 do Decreto 152/2014), para que no prazo de dez (10) días adecue a súa actividade á normativa vixente, emendando os defectos detectados. Logo de transcorrido o dito prazo, deberase levar a cabo unha visita da Inspección para comprobar o cumprimento das actuacións necesarias para corrixir os defectos detectados e elaborarase a acta de inspección no caso de ser necesario. Se, pola contra, os incumprimentos xa fosen emendados, arquivaranse as actuacións.

4. As modificacións normativas que, de ser o caso, haxa e que se consideren necesarias para acadar unha maior difusión, co obxectivo de protexer tanto as persoas comerciantes como as persoas consumidoras.

5. Outras compañas que se consideren oportunas segundo as circunstancias.

O resultado destas campañas servirá de base para a elaboración dos seguintes plans de inspección e de referencia para potenciar o labor de vixilancia e inspección daqueles aspectos da actividade comercial nos cales se observe un maior grao de incumprimento.

Realizaranse unha ou dúas campañas informativas ao longo de todo o ano e chegarán a ser informados un mínimo de catrocentos comercios (100 por provincia).

ANEXO II

Campañas de vixilanza do cumprimento da normativa comercial

1. Campaña sobre promoción de vendas.

1º. Xustificación e obxectivos.

A Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, regula no seu título IV as actividades de promoción de vendas, entendendo como tales aquelas en que a oferta comercial efectuada pola persoa comerciante ás persoas consumidoras se realiza en condicións máis vantaxosas que as habituais, co propósito de dar a coñecer un novo produto ou establecemento ou de conseguir un aumento de venda dos produtos existentes.

De acordo co artigo 36 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, terán a consideración de actividades de promoción de vendas, entre outras, as:

– Vendas en rebaixas.

– Vendas en liquidación.

– Vendas con desconto.

A nova regulación en relación con este tipo de vendas, e especialmente o novo marco normativo a partir do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e do fomento da competitividade, supuxo a entrada en vigor dunha serie de medidas en relación coas promocións de vendas co obxectivo de liberalizar o exercicio da actividade comercial; por exemplo, a supresión dos períodos obrigatorios para realizar as vendas en rebaixas.

Tendo en conta o anterior, e co obxectivo de que este novo escenario para a práctica comercial non supoña un menoscabo nos dereitos e garantías das persoas consumidoras, así como para servir de apoio e información ás persoas comerciantes, preténdese desenvolver esta campaña sobre as promocións de vendas.

Os obxectivos son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais que deben cumprir as distintas formas de promoción de vendas e as novidades xurdidas en relación con estas.

b) Identificar os establecementos comerciais que realicen vendas en rebaixas e comprobar que cumpren cos requisitos que a normativa establece como necesarios para este tipo de vendas.

c) Verificar que todas as vendas en liquidación que se anuncien en establecementos comerciais se encontren nos supostos recollidos na Lei do comercio interior de Galicia.

d) Detectar e evitar o incumprimento na realización das vendas promocionais, así como a competencia desleal en relación con outros establecementos comerciais.

e) Detectar e evitar prácticas comerciais desleais para coas persoas consumidoras e/ou usuarias.

f) Mellora do tecido comercial.

2º. Actuacións.

As visitas da Inspección aos distintos establecementos realizaranse prestando especial atención nos períodos marcados polos establecementos para levar a cabo neles algún tipo de promoción de vendas.

As inspeccións levaranse a cabo naqueles establecementos que publiciten calquera tipo de promoción de vendas.

Con anterioridade ao inicio de cada unha das campañas que se van desenvolver conforme o protocolo previamente definido, farase unha reunión para planificar as actuacións que se levarán a cabo e os establecementos que se visitarán a prol dunha maior eficiencia e axilidade nos labores inspectores.

Dentro desta campaña realizaranse actuacións co fin de comprobar a adecuación das actividades de promoción de vendas levadas a cabo polas persoas comerciantes ao preceptuado para cada unha delas nas Lei do comercio interior de Galicia: exhibición da duración de cada tipo de promoción, prezos, etiquetaxe de produtos, existencia de follas de reclamacións e cartel anunciador destas e calquera outra das condicións que se fixan para cada unha delas.

A maneira de verificar o anterior será a través de cincuenta (50) establecementos comerciais de cada provincia, nos cales se comprobará o cumprimento da normativa vixente na materia, de acordo co seguinte número de inspeccións:

Actividade de promoción de vendas

Nº de inspeccións por provincia

Venda en rebaixas

30

Venda en liquidación

10

Venda con desconto

10

O número de inspeccións correspondente a cada actividade poderá variar e respectarase, en todo caso, o número de inspeccións totais.

3º. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección enviarase á Dirección Xeral de Comercio e Consumo o correspondente informe no cal se reflectirán as inspeccións realizadas e a valoración destas.

2. Campaña sobre prezos e medios de pagamento.

1º. Xustificación e obxectivos.

No capítulo III do título I da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e concretamente no seu artigo 10, regúlase o prezo dos produtos e servizos, establecendo que, ben que o prezo dos produtos e servizos será o fixado libremente polas persoas oferentes, sen máis limitacións que as impostas pola lexislación vixente en materia de prezos e marxes comerciais e de protección da libre competencia, deberán, en todo o caso, cumprir co disposto na normativa ditada para a protección das persoas consumidoras e usuarias.

Ao longo do artigo citado, especifícanse distintas características que deberán cumprir os prezos dos produtos o servizos ofertados polo comerciante, como por exemplo que os produtos deberán estar marcados con seu prezo de forma inequívoca e facilmente identificable, que deben ser visibles desde o exterior os expostos nos escaparates dos establecementos, que nos produtos que se vendan a granel se indicará o prezo da unidade de medida, que no prezo deberán estar incluídos todos os tributos aplicables, que no caso de que na marcación do produto existan dous ou máis prezos diferentes, a persoa comerciante estará obrigada a vender ao prezo máis baixo dos exhibidos.

No punto 7 do artigo 10, a Lei do comercio interior de Galicia aborda o tema dos medios de pagamento e indica que a persoa comerciante explicitará por escrito na zona de caixa e de forma visible para a persoa consumidora os medios de pagamento admitidos, información esta que deberá aparecer tamén no tícket de compra.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais e en relación cos prezos dos produtos e coas formas de pagamento, facendo fincapé no sentido de recordar ás persoas comerciantes que os medios de pagamento admitidos deberán ser as mesmas en períodos normais de vendas que en períodos de promocións ou rebaixas.

b) Detectar e evitar fraudes en canto ao preceptuado na normativa de comercio e os seus posibles incumprimentos.

c) Defensa das persoas consumidoras.

d) Mellora do tecido comercial.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a cincuenta (50) establecementos comerciais por cada provincia.

En todo caso, incluiranse aqueles en que, durante a campaña informativa, fose detectado algún incumprimento da normativa nesta materia, e elaborarase a acta de inspección no caso de ser necesario. Se, pola contra, os incumprimentos xa fosen emendados, arquivaranse as actuacións.

2º. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección enviarase á Dirección Xeral de Comercio e Consumo o correspondente informe no cal se reflectirán as inspeccións realizadas e a valoración destas.

3. Campañas sobre a política de devolución de produtos.

1º. Xustificación e obxectivos.

No artigo 10.7 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, regula que, no caso de ser admitida a devolución, se procederá, segundo a opción da persoa comerciante, ao reembolso do importe ou ao outorgamento dun vale sen caducidade ou documento acreditativo da débeda, sen caducidade, polo importe correspondente. A dita información deberá estar exposta por escrito de forma visible para a persoa consumidora e deberá figurar igualmente no tícket de compra.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais e en relación coa política de devolución de produtos.

b) Detectar e evitar fraudes en canto ao preceptuado na normativa de comercio e os seus posible incumprimentos.

c) Defensa das persoas consumidoras.

d) Mellora do tecido comercial.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a cincuenta (50) establecementos comerciais por cada provincia.

En todo caso, incluiranse aqueles en que, durante a campaña informativa, fose detectado algún incumprimento da normativa nesta materia, e elaborarase a acta de inspección no caso de ser necesario. Se, pola contra, os incumprimentos xa fosen emendados, arquivaranse as actuacións.

2º. Datos y resultados.

Ao remate do labor de inspección enviarase á Dirección xeral de Comercio e Consumo o correspondente informe no cal se reflectirán as inspeccións realizadas e a valoración destas.

4. Campañas de control de horarios comerciales.

1º. Xustificación e obxectivos.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, regula os horarios de apertura e peche dos establecementos comercias no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e foi modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro, para adaptala á normativa básica establecida polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, e á realidade comercial galega.

Na súa exposición de motivos reflicte a necesidade de preservar o modelo comercial galego, caracterizado pola relevante presenza do comercio retallista no tecido produtivo de Galicia, e a regulación dos horarios é un elemento esencial na ordenación do comercio como instrumento que permite facer posible o equilibrio entre as grandes empresas de distribución e o conxunto de pequenas e medianas empresas comerciais, buscando, ademais, o equilibrio entre o abastecemento comercial e a conciliación da vida familiar e laboral.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información sobre o réxime xeral de horarios comerciais, así como o horario que rexe para os establecementos que teñen liberdade de acordo co que se estipula na Lei de horarios comerciais. Informar sobre a obrigación de ter exposto nun lugar visible o horario de apertura e peche do establecemento comercial.

b) Evitar os posibles incumprimentos dos horarios comerciais e a competencia desleal con respecto a outras persoas comerciantes.

c) Defensa das persoas consumidoras.

d) Mellora do tecido comercial.

2º. Actuacións.

As visitas da Inspección realizaranse en días e horarios non autorizados comercialmente ao longo do ano.

Con anterioridade ao inicio de cada unha das campañas que se van desenvolver, farase unha reunión para planificar as actuacións que se levarán a cabo e os establecementos que se visitarán a prol dunha maior eficiencia e axilidade nos labores inspectores.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a catro (4) establecementos comerciais de cada provincia, nos cales se comprobará o cumprimento da normativa vixente na materia.

3º. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección enviarase á Dirección Xeral de Comercio e Consumo o correspondente informe no cal se reflectirán as inspeccións realizadas e a valoración destas.

5. Campaña de control sobre o exercicio de actividades comerciais en establecementos, individuais ou colectivos, que non obtivesen autorización comercial autonómica, cando esta for preceptiva de acordo co artigo 29 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

1º. Xustificación e obxectivos.

No capítulo III do título II da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, regúlase a autorización comercial autonómica, exixida para a instalación e o traslado de establecementos comerciais cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa igual ou superior aos 2.500 m2, polo impacto territorial, urbanístico, viario e ambiental xerado. Tamén será preceptiva a citada autorización no caso de ampliación de establecementos comerciais cando a superficie que resulte tras a ampliación sexa igual ou superior aos 2.500 m2.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais e en relación coa autorización comercial autonómica.

b) Detectar e evitar fraudes en canto ao preceptuado na normativa de comercio e os seus posibles incumprimentos.

c) Defensa das persoas consumidoras.

d) Mellora do tecido comercial.

2º. Actuacións.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a dezaseis (16) establecementos, susceptibles de ter unha superficie de exposición e venda superior aos 2.500 m2, nos cales se comprobará o cumprimento da normativa vixente na materia de autorización comercial autonómica.

3º. Datos e resultados.

Ao final do labor de inspección enviarase á Dirección Xeral de Comercio e Consumo o correspondente informe no cal se reflectirán as inspeccións realizadas e a valoración destas.

ANEXO III

Campañas de verificación e comprobación material

As campañas de verificación e comprobación material de cumprimento de subvencións, así como doutros requisitos que exixan este tipo de comprobación, realizaranse logo da correspondente resolución de convocatoria das ordes de axudas ou cando, de acordo con estas, proceda levalas a cabo.

1. Xustificación e obxectivos.

As campañas terán como obxectivo a verificación e comprobación, por parte do órgano concedente, do cumprimento por parte do beneficiario das diversas obrigas asumidas coa concesión da subvención, de conformidade co establecido nas bases reguladoras das ordes de subvención convocadas. Comprobaranse principalmente a realización da actuación subvencionada e o cumprimento da finalidade que determinou a súa concesión.

2. Actuacións.

Levaranse a cabo un mínimo de cen (100) actuacións de verificación e comprobación material repartidas entre as distintas liñas de subvencións concedidas no ano 2018.

3. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección enviarase á Dirección Xeral de Comercio e Consumo o correspondente informe no cal se reflectirán as inspeccións realizadas e a valoración destas.