Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2019 Páx. 13385

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se aproba o Plan de inspección do comercio dixital da Xunta de Galicia para o ano 2019.

O volume das operacións a través do comercio electrónico de bens e produtos está en evidente crecemento e non deixa de escalar posicións. Nos últimos anos, mercar en liña converteuse no método de compra preferido polos consumidores, especialmente nas xeracións máis novas.

Debido á súa rapidez, sinxeleza e accesibilidade, este método de compra está a revolucionar os sistemas de compra tradicionais e avanza constantemente introducindo novas estratexias, técnicas e modelos para atraer máis sectores da poboación consumidora.

Tendo en conta que este método de comercio cobra cada día maior importancia, cómpre incrementar as comprobacións neste eido tanto na comercialización de bens como de servizos, co fin de controlar as persoas físicas ou xurídicas que oferten produtos a través de páxinas webs, e obter datos suficientes que permitan mellorar a información que recibe o consumidor a través da internet, tanto dos produtos ofrecidos como dos seus dereitos e obrigas.

Entre os obxectivos da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, atópase a potenciación da inspección de comercio como garante dos principios e directrices establecidos nela. No seu artigo 101.3 establece que o procedemento de inspección se levará a cabo regulamentariamente, e este mandato cumpriuse mediante o Decreto 152/2014, do 27 de novembro, polo que se regula a inspección de comercio de Galicia. Pola súa parte, a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, regula nos artigos 59 e seguintes a inspección de consumo de Galicia.

De acordo co anteriormente exposto, e de conformidade co disposto no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo

RESOLVE:

Primeiro. Aprobación do plan

Apróbase o Plan de inspección do comercio dixital para o ano 2019, co contido recollido nos seguintes puntos.

Segundo. Ámbito de actuación e vixencia

O presente Plan de inspección de comercio dixital, que ten ámbito autonómico, realizarano os servizos de inspección de comercio e de consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e está dirixido a comprobar, a través da análise e inspección das páxinas webs o grao de cumprimento da legalidade vixente en materia de comercio e consumo.

As actuacións desenvolveranse ao longo do ano 2019.

Terceiro. Obxecto

As comprobacións versaran sobre os seguintes aspectos:

a) Prezo por unidades de medida e se son completos, impostos incluídos.

b) Desistencia: prazo publicitado para o seu exercicio.

c) Gastos de devolución vencellados ao exercicio do dereito de desistencia.

d) O posible uso de cláusulas que limiten de forma abusiva a responsabilidade do operador.

e) Comprobar se figura o responsable.

f) Comprobar se figuran os datos de identificación do responsable: nome, CIF/NIF, teléfono, correo electrónico, enderezo completo.

g) Condicións de garantías.

h) Xurisdición e sometemento aos tribunais correspondentes ao domicilio do consumidor.

i) Información clara, veraz e suficiente sobre o contido e as condicións das actividades promocionais de vendas (rebaixas, venda en promoción ou oferta, venda de saldos, liquidación, venda con obsequio, venda directa) expresando o período de vixencia da promoción e, se é o caso, as regras especiais aplicables a esta.

j) Comprobación que unha venda promocional anunciada como medida xeral comprende, ao menos, a metade dos artigos ofertados na web.

k) Comprobar que na oferta de artigos a prezo reducido figura, con claridade en cada un deles, o prezo anterior xunto co prezo reducido.

l) No caso de que se oferten artigos a prezo normal e a prezo reducido, comprobar que uns e outros están o suficientemente separados, de forma que non induza a erro entre os que son obxecto dunha u outra oferta, distinguindo, se é o caso, a existencia de rebaixas, saldos, liquidacións, promocións ou obsequios.

Cuarto. Metodoloxía

O Plan desenvolverase en dúas fases, do seguinte xeito:

– Nunha primeira fase, prevista para o período marzo-maio, realizarase un control da información e publicidade en páxinas webs a través de dilixencias de inspección debidamente gardadas e impresas nos formatos habituais.

– A segunda fase da campaña estará dirixida a comprobar a seguridade dos produtos comercializados na internet, e comprenderá a realización de toma de mostras obtidas a través de compras en liña empregando un método de pagamento especialmente destinado a este tipo de operacións.

Quinto. Número de actuacións

Na primeira fase da campaña, o número de actuacións previstas é de 800, das cales 500 serán realizadas pola inspección de consumo e 300 corresponderán aos inspectores de comercio.

Na segunda fase recolleranse mostras dun mínimo de 70 produtos.

Sexto. Protocolos de actuación

Os protocolos de actuación que seguirá a inspección de comercio e consumo desenvolveranse con anterioridade ao inicio do Plan e serán determinados polos correspondentes servizos.

Sétimo. Seguimento do plan

Para o correcto seguimento das actuacións descritas no Plan de inspección do comercio dixital realizaranse dous informes, no ecuador do desenvolvemento do Plan e cando remate, co seguinte contido mínimo:

– Número de páxinas webs controladas.

– Número total de actuacións.

– Número de actuacións por sectores.

– Número de incumprimentos.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio e Consumo