Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2019 Páx. 13402

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 21 de febreiro de 2019 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2019, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca o concurso Eduemprende Idea 2019, no marco do Plan de emprendemento Eduemprende no sistema educativo de Galicia.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino-aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego. Neste sentido o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, aprobado en 2010 conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Igape, ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora e comprende no seu eixe 3 as actuacións que se refiren ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras ante o déficit emprendedor en Galicia.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2019, co código de procedemento ED523A, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Requisitos de participación

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Estar matriculado no curso 2018/19 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o  indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Modalidades e características dos premios

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €

2º premio: 2.000 €

3º premio: 1.000 €

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €

2º premio: 2.000 €

3º premio: 1.000 €

Artigo 4. Orzamento e compatibilidade dos premios

A dotación total para os premios efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.423A.480.1 do exercicio orzamentario do ano 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e o seu importe será de 12.000 €.

O importe destes premios está cofinanciado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e polo Fondo Social Europeo.

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de ente público ou privado, galego, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No anexo I a persoa solicitante debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas participantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

b) Proxecto de empresa.

c) Resumo executivo do proxecto.

d) Vídeo de presentación do proxecto.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas participantes poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Despois de comprobar que as persoas solicitantes cumpren os requisitos, a relación das inscricións admitidas publicarase na páxina web que xestiona os ditos premios http://www.edu.xunta.es/fp/eduemprende-idea.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. No caso de persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificacións electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No casos de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Requisitos xerais dos materiais e recursos dixitais

1. Requisitos de forma.

a) Os traballos serán orixinais e inéditos.

b) Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

2. Requisitos técnicos.

a) Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.

b) Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

Artigo 10. Comisión avaliadora

1. Esta comisión estará formada por:

– Dous/dúas representantes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

– Dous/dúas representantes do Igape.

– Un/ha profesor/a que forme parte do programa Emprende.

Actuará como secretario/a un dos membros da comisión, que redactará unha acta de cada sesión que teña lugar.

2. As funcións da comisión avaliadora son:

– Avaliar os proxectos presentados.

– Facer unha proposta de concesión dos premios á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades dos proxectos presentados:

– A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

– A súa viabilidade comercial (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o coñecemento e a posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

– A súa viabilidade financeira (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

– A coherencia e carácter innovador do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

– Creación de emprego (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función do volume de emprego que se vaia crear, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego que se cree.

– A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional , empresarial e grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

– A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (elevator pitch) (máximo 15 puntos).

Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

Artigo 12. Resolución

1. A comisión avaliadora, unha vez revisados os proxectos de empresa, elaborará a acta das avaliacións que poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional http://www.edu.xunta.es/fp e comunicáraselles ás persoas solicitantes por correo electrónico.

2. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que poidan presentar cantas alegacións consideren oportunas mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente da comisión avaliadora da forma prevista no artigo 5.2 desta orde.

3. Poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo eduemprende@edu.xunta.es.

4. Unha vez revisadas as alegacións e resoltas as reclamacións, a comisión avaliadora elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios que se publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

5. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión avaliadora á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, quen ditará a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

7. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. A organización reservarase o dereito a declarar desertos un ou varios premios no caso de que os proxectos de empresa que se presenten non reúnan os criterios requiridos.

Artigo 13. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá como máximo un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2019.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Na conta bancaria que figura no anexo I a que se refire o artigo 5 e no anexo II a que se refire o artigo 6 ingresarase, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación desta declaración, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Comprobación de datos

Para participar nesta convocatoria consultaranse automaticamente os seguintes datos de todas as persoas solicitantes e participantes en poder das administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE das persoas participantes.

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

– DNI ou NIE da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude (anexo I), se a oposición a realiza a persoa solicitante, e no anexo II, se quen se opón é a persoa participante, e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para ao cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas participantes, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas participantes serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas participantes poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file