Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Venres, 22 de febreiro de 2019 Páx. 10912

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 29 de xaneiro de 2019 pola que prorroga a autorización do centro privado estranxeiro British Royal School, de Culleredo, e se amplían ensinanzas.

Por Orde do 22 de xaneiro de 2018 (DOG do 2 de febreiro) o centro privado estranxeiro British Royal School foi autorizado para impartir, con carácter temporal, as ensinanzas do sistema educativo británico de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata Reception (de 4 a 5 anos de idade); ensinanzas que se corresponden co primeiro e segundo curso do 2º ciclo da etapa de educación infantil do sistema educativo de España.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da devandita autorización temporal ata o 10 de decembro de 2022, e a nova autorización para impartir as ensinanzas desde Year 1 (5 a 6 anos) a Year 2 (6 a 7 anos) do Currículo Nacional de Inglaterra, correspondentes ao 3º curso do segundo ciclo de educación infantil e ao 1º curso da educación primaria do sistema educativo de España, respectivamente.

O British Council emitiu un certificado de acreditación en que sinala que se pode conceder a prórroga ata o 10 de decembro de 2022, para un máximo de 50 postos escolares, desde o curso de Nursery ata Reception do Currículo Nacional de Inglaterra, nas instalacións da rúa de Laxe, 122-124, de Culleredo, e un certificado de inspección do edificio situado na rúa Nueva York, 61, A Zapateira, do mesmo concello, no que consta que reúne os requisitos para impartir as ensinanzas de Year 1 a Year 2 para 320 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar a autorización temporal do centro privado estranxeiro British Royal School, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 a 4 anos de idade) ata Reception (4 a 5 anos de idade) para un máximo de 50 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro, ensinanzas que se corresponden con 1º e 2º curso do segundo ciclo da educación infantil do sistema educativo de España.

Artigo 2. Autorización temporal de novas ensinanzas

Autorizar as ensinanzas de Year 1 (5 a 6 anos de idade) a Year 2 (6 a 7 anos de idade) para 320 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro; ensinanzas que se corresponden co 3º curso do segundo ciclo de educación infantil e co 1º curso de educación primaria do sistema educativo de España.

Os datos e a nova sede do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: British Royal School.

Código do centro: 15033137.

Titular: Royal School International, S.L.

Enderezo: rúa Nueva York, 61.

Localidade: A Zapateira.

Concello: Culleredo.

Código postal: 15174.

Provincia: A Coruña.

Artigo 3. Ensinanzas de lingua española e galega

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia, que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil e primaria.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 4. Profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 3 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 5. Prórroga das autorizacións

A prórroga das autorizacións a que fan referencia os artigos 1 e 2 desta orde terán validez ata o 10 de decembro de 2022, conforme os certificados emitidos polo British Council. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada Británica.

Artigo 6

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Formación Profesional e Universidade