Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Venres, 22 de febreiro de 2019 Páx. 10852

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DECRETO 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

O artigo 6.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, determinando que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, deseñan un novo marco de actuación a que deben adaptarse os estatutos tanto desde o plano estrutural como a nivel funcional e competencial. Así se indica expresamente na citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, na cal mediante a disposición transitoria sexta, establece que as universidades do Sistema universitario de Galicia adaptarán os seus estatutos ao disposto nesta lei nun prazo máximo de tres anos desde a súa entrada en vigor, así como ao resto da lexislación que lle sexa aplicable.

En relación co anterior, este decreto ten como finalidade aprobar os novos estatutos que rexerán o funcionamento da Universidade de Vigo, ao abeiro da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, así como a súa adaptación ao establecido pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Universidade de Vigo presentou ante a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, con data do 31 de outubro de 2018, a proposta de estatutos, aprobada polo seu claustro universitario na sesión ordinaria do 18 de outubro de 2018 para a correspondente aprobación e publicación por parte desta comunidade autónoma.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2 da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, a proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación dos estatutos da Universidade de Vigo

Apróbanse os estatutos da Universidade de Vigo coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ANEXO

Estatutos da Universidade de Vigo

Exposición de motivos

1. A autonomía universitaria, recoñecida no artigo 27.10 da Constitución, é un dereito fundamental que garante ás universidades xestionar os seus intereses. Este dereito fundamental vincúlase xurisprudencial e teleoloxicamente á garantía da liberdade académica (integrada polas liberdades de ensino, estudo e investigación) fronte ás inxerencias externas.

De acordo co artigo 6 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), todas as universidades se rexerán pola citada lei orgánica e polas demais normas ditadas en exercicio das súas competencias polo Estado e as comunidades autónomas. Ademais, con respecto ao citado marco xeral, cada universidade pública rexerase pola súa específica lei de creación e polos seus estatutos, que, como manifestación da citada autonomía universitaria, serán elaborados por cada universidade e, tras o control de legalidade, aprobados polo consello de goberno da comunidade autónoma correspondente.

O Parlamento da Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio da competencia recoñecida no artigo 31 do Estatuto de autonomía «sobre ensino en toda a súa extensión, niveis e graos», creou a Universidade de Vigo por medio da Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia. Esta norma foi derrogada e substituída pola vixente Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, cuxa disposición transitoria sexta exixe a adaptación aos seus contidos dos estatutos das universidades galegas. A Xunta de Galicia, en exercicio da mesma competencia autonómica, tras recibir o proxecto elaborado pola Universidade de Vigo e sometelo ao pertinente control de legalidade, aprobou mediante decreto os presentes estatutos.

2. Estes estatutos concibíronse como un instrumento normativo que, desde o respecto á legalidade vixente e no marco do espazo europeo da educación superior, impulse a creación e a difusión do coñecemento (en definitiva, a actividade propia da Universidade como concreción e proxección do servizo público da educación superior); facilite os labores de goberno, representación, xestión, administración e servizos (necesarios para posibilitar a actividade propia da Universidade); e contribúa a garantir os dereitos, deberes e liberdades de todos os membros da comunidade universitaria: estudantes, persoal docente e investigador (PDI) e persoal de administración e servizos (PAS).

Desde tal perspectiva, estes estatutos constitúen un marco de coincidencias suficientemente amplo como para conseguir dous obxectivos, sempre no contexto do respecto aos propios estatutos e ao resto do ordenamento xurídico: a) que a Universidade dispoña dun marco normativo propio, flexible e estable que lle permita adaptarse ás circunstancias cambiantes; e b) que nos seus contidos poidan atopar cabida distintas sensibilidades de política universitaria como resultado do xogo democrático na elección e no funcionamento dos seus órganos e das súas estruturas académicas.

3. A tales premisas responde o contido destes estatutos, cuxo articulado se estrutura en seis títulos:

– Título preliminar. Disposicións xerais (artigos do 1 ao 5).

– Título I. Estrutura, goberno e administración da Universidade (artigos do 6 ao 50).

– Título II. Comunidade universitaria (artigos do 51 ao 96).

– Título III. Creación e transmisión do coñecemento (artigos do 97 ao 106).

– Título IV. Réxime económico e financeiro da Universidade (artigos do 107 ao 114).

– Título V. Reforma dos estatutos (artigos do 115 ao 118).

O título preliminar (disposicións xerais) regula, entre outros aspectos, a natureza, fins, competencias, identidade institucional e sede da Universidade. Destacan como elementos propios da Universidade de Vigo a súa estrutura académica e territorial desconcentrada en tres campus (artigo 4.2. Ourense, Pontevedra e Vigo) e a súa conexión coa lingua, a cultura, o territorio e a realidade social e económica de Galicia (artigos 1.3 e 2.4).

O título I (estrutura, goberno e administración da Universidade) distingue entre órganos xerais de goberno e de representación, centros e unidades de docencia, e centros e unidades de I+D+i. Pode destacarse o reforzo institucional e competencial do Claustro, como máximo órgano de representación da comunidade universitaria e das escolas e facultades, principais eixes sobre os cales xira a docencia universitaria.

O título II (comunidade universitaria), lonxe de ofrecer de forma simplemente enunciativa un catálogo que duplique dereitos, liberdades e deberes que poden atoparse noutras normas do ordenamento xurídico (desde a propia Constitución, onde se tipifican dereitos como a liberdade de cátedra ata normas regulamentarias como o Real decreto regulador do Estatuto do estudante universitario), ten por finalidade incorporar novos elementos que a nosa universidade engade ao que as normas xerais prevén (como a regulación do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo), ou recoller algúns xa preexistentes respecto dos cales poida existir unha especial sensibilidade.

O título III (creación e transmisión do coñecemento) regula a actividade propia da Universidade e as súas concrecións ou manifestacións a través da docencia, a investigación, a transferencia do coñecemento, a extensión universitaria e a divulgación científica.

Os títulos IV e V dedícanse respectivamente ao réxime económico e financeiro da Universidade e á reforma dos estatutos.

Para rematar, cómpre destacar que na estrutura interna de cada un dos títulos destes estatutos a orde habitualmente non resulta azarosa ou casual e, en non poucas ocasións, responde a unha deliberada vontade de reforzar o peso institucional de determinados conceptos. Así, no título I, o capítulo dedicado aos órganos de goberno e de representación comeza coa regulación do Claustro Universitario, o máximo órgano de representación da comunidade universitaria. Por outra parte, a consideración do alumnado como usuario do servizo público da educación superior e fundamento da existencia da Universidade determina que o primeiro dos sectores da comunidade universitaria regulado no título II sexa, precisamente, o estudantado; que a primeira das actividades propias da Universidade reguladas no título III sexa a docencia; e que, no título i, entre os centros e as unidades de docencia aparezan en primeiro lugar as facultades e as escolas, principais puntos de encontro de estudantes e profesionais universitarios, e principais elementos vertebradores da vida académica.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza

1. A Universidade de Vigo é unha institución de dereito público, ao servizo da sociedade, que goza de autonomía e está dotada de personalidade e de capacidade xurídica e de patrimonio propio.

2. Correspóndelle á Universidade de Vigo, no marco das súas competencias, a prestación do servizo público da educación superior mediante a investigación, a docencia, o estudo, a transferencia do coñecemento á sociedade e a extensión universitaria.

3. O galego é a lingua propia da Universidade de Vigo e é a lingua de uso normal nas súas actividades.

4. A Universidade de Vigo réxese polos principios de autonomía, liberdade, igualdade, solidariedade, democracia, transparencia, independencia e pluralidade.

5. A Universidade de Vigo fundamenta a súa actividade e autonomía na liberdade académica, que se concreta na garantía da liberdade de estudo, a liberdade de cátedra e a liberdade de investigación.

Artigo 2. Fins

Son fins da Universidade de Vigo:

1. Crear, desenvolver, criticar e transmitir o saber mediante unha docencia e unha investigación de calidade e de excelencia.

2. Ofrecer unha educación superior de calidade que contribúa á formación integral do seu alumnado.

3. Formar para o exercicio de actividades profesionais que exixan a aplicación de coñecementos, técnicas e métodos científicos ou para a creación artística, cara á inserción do estudantado no mundo laboral.

4. Contribuír ao progreso e ao benestar da sociedade mediante a produción, a transferencia e a aplicación práctica do coñecemento e a proxección social da súa actividade, con especial atención á realidade de Galicia, á súa cultura e á súa lingua.

5. Transmitir os valores superiores de convivencia, igualdade, o apoio permanente ás necesidades especiais das persoas e o fomento do diálogo, da paz e do respecto á diversidade.

6. Contribuír a unha sociedade xusta e igualitaria na cal se respecte a igualdade entre mulleres e homes.

7. Proxectar nos ámbitos nacional e internacional a súa actividade establecendo relacións con outras universidades e institucións.

8. Facilitar a formación continua e a formación permanente ao longo de toda a vida das e dos profesionais e doutros colectivos sociais que demanden ensinanza superior.

9. Promover e conservar o seu patrimonio histórico e o seu contorno cultural, urbanístico e ambiental, como expresión do seu vínculo coa sociedade.

10. Fomentar o desenvolvemento sustentable, a vida saudable, a cultura, o deporte e o voluntariado.

11. Configurar unha organización baseada na participación e na responsabilidade dos seus membros respecto do servizo público que debe prestar, orientada cara á cultura da calidade, do desenvolvemento persoal, da avaliación e do rendemento de contas.

Artigo 3. Competencias

1. A Universidade de Vigo, para cumprir os seus fins e segundo a súa autonomía de acordo coas leis, ten as seguintes competencias:

a) Elaborar e propoñer a reforma dos seus estatutos.

b) Redactar e aprobar normas que desenvolvan os seus estatutos ou outras disposicións que lle sexan de aplicación.

c) Elixir, nomear e revogar os órganos de goberno, de representación e de administración correspondentes conforme a lei e a aprobación dos procedementos para o facer.

d) Executar, aprobar e xestionar os seus orzamentos e administrar os seus bens.

e) Fixar e modificar os seus cadros de persoal.

f) Seleccionar, formar e promover o persoal docente e investigador e de administración e servizos, así como determinar as condicións en que teñen que desenvolver as súas actividades.

g) Elaborar e aprobar os seus plans académicos e de investigación e de ensinanzas específicas de formación ao longo de toda a vida.

h) Crear e xestionar os fondos para a axuda ao estudo, á investigación, á difusión da cultura e á cobertura de prestacións sociais.

i) Organizar actividades de extensión universitaria, culturais, sociais e deportivas.

j) Manter e potenciar os servizos asistenciais para complementar o desenvolvemento persoal de todos os membros da comunidade universitaria nos termos establecidos nestes estatutos.

k) Crear estruturas específicas que actúen como apoio do estudo, da docencia e da investigación.

l) Fixar as condicións de admisión, o réxime de permanencia e a verificación dos coñecementos do estudantado.

m) Expedir títulos ou diplomas académicos e profesionais de carácter oficial, así como establecer e emitir títulos e diplomas propios.

n) Establecer relacións académicas, culturais ou científicas con institucións españolas ou estranxeiras e fomentar os correspondentes intercambios.

ñ) Outras que lle sexan recoñecidas polo ordenamento xurídico.

2. Son prerrogativas da Universidade de Vigo para desenvolver as súas competencias:

a) A presunción de lexitimidade e a executoriedade dos seus actos, así como os poderes de execución forzosa e a revisión en vía administrativa.

b) A potestade disciplinaria respecto dos membros da comunidade universitaria.

c) A facultade de utilización do procedemento de prema e a recuperación de oficio dos seus bens nos termos establecidos pola lexislación vixente.

d) A inalienabilidade, a inembargabilidade e a imprescritibilidade dos seus bens e dereitos, así como os privilexios de prelación e de preferencia recoñecidos pola lei.

e) A exención tributaria e de todo tipo de consignacións e de depósitos nos termos previstos pola lexislación vixente.

f) Calquera outra que o ordenamento xurídico lle recoñeza.

Artigo 4. Identidade institucional e sede

1. A denominación oficial da Universidade é «Universidade de Vigo». Os seus emblemas e distintivos pertencen ao seu patrimonio e só poderán ser usados por ela ou por aquel a quen lle outorgue a correspondente autorización.

2. A Universidade de Vigo está estruturada en tres campus: Ourense, Pontevedra e Vigo. Para realizar as súas funcións nos diversos campus, a Universidade organizarase dun xeito funcionalmente desconcentrado. A Reitoría ten a súa sede no campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende). A Universidade de Vigo poderá, nos termos fixados nas leis e nos acordos internacionais, promover e crear institucións universitarias noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

3. O escudo oficial da Universidade de Vigo presenta a seguinte descrición de brasonamento: «De prata, e sobre ondas de azur e prata, unha árbore de sinople, con tres ramas. Ao timbre coroa real pechada».

Artigo 5. Control e avaliación de actividades, obrigas e procura de fins e de obxectivos

A Universidade de Vigo, a través dos seus órganos de goberno e de xestión, establecerá o control adecuado e a avaliación periódica das súas actividades e do cumprimento das obrigas de todos os seus membros, así como a procura dos seus fins e obxectivos.

TÍTULO I

Estrutura, goberno e administración da universidade

CAPÍTULO I

Aspectos xerais

Artigo 6. Estrutura básica

A Universidade de Vigo está integrada académica e organizativamente por órganos xerais de goberno e de representación, centros e unidades docentes, e centros e unidades de I+D+i.

Artigo 7. Órganos colexiados

1. Os membros de órganos colexiados elixiranse conforme os requisitos e os procedementos previstos nestes estatutos e na súa normativa de desenvolvemento; procurarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes.

2. Os regulamentos de cada órgano colexiado poderán prever como causa de cesamento da condición de membro do órgano a acumulación dun determinado número de faltas non xustificadas.

3. Os órganos colexiados poderán crear comisións delegadas. No acordo de creación especificarán polo menos a finalidade e a composición da comisión.

4. A convocatoria e os acordos dos órganos colexiados serán accesibles publicamente por vía electrónica. Os membros dos órganos colexiados e os da comunidade universitaria representados terán acceso por vía electrónica ás actas de tales órganos.

Artigo 8. Órganos unipersoais por elección

1. Os e as titulares dos órganos unipersoais elixiranse conforme os requisitos e os procedementos previstos nestes estatutos e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Designarase na primeira volta a candidatura que logre o apoio de máis da metade dos votos validamente emitidos (directos ou ponderados, segundo corresponda). Se ningunha candidatura o alcanza, realizarase unha segunda votación á cal só poderán concorrer as dúas candidaturas máis apoiadas na primeira volta. Na segunda volta elixirase a persoa que obteña a maioría simple de votos. No caso de candidatura única, esta ten que conseguir maior número de votos a favor ca en contra.

Artigo 9. Condicións xerais para desempeñar funcións en órganos unipersoais

Para desempeñar funcións en órganos unipersoais será necesario, sen prexuízo doutros requisitos adicionais, ser persoal da Universidade de Vigo con dedicación a tempo completo, deixando a salvo o establecido no artigo correspondente para a ou o xerente.

Artigo 10. Causas de cesamento no cargo en órganos unipersoais

1. A condición de titular dun órgano unipersoal perderase cando deixen de concorrer os requisitos necesarios para poder ser designado e, ademais, por aceptación da renuncia do titular, por xubilación, por expiración do mandato, por ser designado como titular doutro órgano unipersoal, por sanción que inhabilite para o exercicio do cargo, polos procedementos de revogación establecidos nos presentes estatutos e por outras circunstancias legalmente previstas.

2. Os órganos unipersoais designados pola persoa titular doutro órgano unipersoal cesarán nos seus cargos, ademais de polas causas xenéricas establecidas no parágrafo anterior, por decisión ou por cesamento do órgano que os propuxo, aínda que poderán continuar nas súas funcións ata que se nomee a nova persoa titular que substitúa a cesante.

CAPÍTULO II

Órganos xerais de goberno e de representación

Sección 1ª. Claustro

Artigo 11. Definición

O Claustro Universitario é o máximo órgano de representación e de control da comunidade universitaria. Está composto por un mínimo de 250 membros e un máximo de 265 de acordo coa distribución sinalada no artigo seguinte.

Artigo 12. Composición

1. Forman parte do Claustro membros natos e membros elixidos entre os distintos colectivos integrantes da comunidade universitaria mediante sufraxio universal, libre, directo e secreto de acordo co procedemento que aprobe o propio Claustro.

2. Son membros natos a reitora ou reitor, a secretaria ou secretario xeral, a ou o xerente e as decanas ou decanos e directoras ou directores de facultades e de escolas.

3. O conxunto dos membros natos e electos deberá respectar a seguinte distribución por sectores:

a) 51 %: profesorado doutor con vinculación permanente (PDI-A).

b) 9 %: resto do persoal docente e investigador (PDI-B).

c) 25 %: alumnado.

d) 15 %: persoal de administración e servizos (PAS).

Artigo 13. Funcións

1. Correspóndenlle ao Claustro Universitario as seguintes funcións:

a) Elaborar, aprobar e modificar os estatutos da Universidade.

b) Aprobar o seu regulamento de réxime interno e outros previstos nestes estatutos como desenvolvemento dos contidos dos seus títulos I e II.

c) Convocar, con carácter extraordinario, eleccións a reitora ou reitor nos termos fixados nestes estatutos.

d) Crear as comisións que considere oportunas e elixir os seus membros.

e) Elixir os e as representantes no Consello de Goberno e nas comisións específicas non delegadas, cando así se especifique nos propios estatutos.

f) Elixir e, se é o caso, revogar a valedora ou valedor universitario, aprobar o seu regulamento e recibir e aprobar o seu informe anual.

g) Informar preceptivamente sobre a proposta de creación, modificación ou supresión de centros e de unidades docentes e de I+D+i.

h) Aprobar as normas relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria.

i) Coñecer e debater as liñas estratéxicas, programáticas e orzamentarias da Universidade.

j) Coñecer e debater os informes que deba presentar a reitora ou reitor.

k) Informar preceptivamente sobre as funcións correspondentes ao Consello de Goberno recollidas nas alíneas i), k) e l) do artigo 16.

l) Cantas outras funcións lle atribúan os estatutos ou a lexislación vixente.

2. Un terzo do Claustro poderá propor a convocatoria de eleccións a reitora ou reitor. A presentación da proposta provocará a convocatoria do Claustro Universitario no prazo máximo de dez días. A súa aprobación, que requirirá dous terzos, suporá a inmediata convocatoria de eleccións a reitora ou reitor e ao Claustro Universitario no prazo de trinta días.

Se a proposta non prosperase, ningún dos e das asinantes poderá subscribir unha nova deste tipo ata que pase un ano.

Sección 2ª. Consello de Goberno

Artigo 14. Definición

O Consello de Goberno é o órgano de goberno da Universidade.

Artigo 15. Composición

1. A composición do Consello de Goberno será a seguinte:

a) A reitora ou reitor, que o preside.

b) A secretaria ou secretario xeral e a persoa que ocupe a Xerencia.

c) Quince membros designados pola reitora ou reitor, entre os cales deben estar necesariamente as vicerreitoras ou vicerreitores.

d) Vinte membros elixidos polo Claustro de entre os seus membros, dos cales dez formarán parte do persoal docente e investigador, oito deles doutoras ou doutores con vinculación permanente á Universidade, oito estudantes e dous membros do persoal de administración e servizos.

e) Quince membros elixidos polo Claustro entre as persoas que desempeñen a dirección dos centros e das unidades docentes e de I+D+i.

f) Tres membros do Consello Social non pertencentes á comunidade universitaria.

g) Recoñécese a presenza con voz de catro representantes sindicais, un da forza sindical máis votada entre o PDI funcionario, outro da forza sindical máis votada entre o PDI laboral, outro da forza sindical máis votada entre o PAS funcionario e outro da forza sindical máis votada entre o PAS laboral.

2. Os membros do Consello de Goberno serán elixidos por catro anos, agás o alumnado, que o será por dous.

Artigo 16. Funcións

Correspóndenlle ao Consello de Goberno as seguintes funcións:

a) Aprobar o seu regulamento de réxime interno.

b) Establecer as liñas estratéxicas e programáticas da Universidade e aprobar a ordenación xeral da actividade académica e investigadora, así como as directrices e os procedementos para as aplicar.

c) Asistir a reitora ou reitor en todos os asuntos da súa competencia.

d) Aprobar todas as normativas que non sexan competencia do Claustro.

e) Propoñerlle ao Claustro os proxectos de normativa electoral.

f) Determinar as condicións de validacións de títulos e aprobar a creación de títulos e de diplomas propios.

g) Aprobar a creación, modificación e supresión de departamentos, de acordo cos regulamentos correspondentes aprobados polo Claustro e darlle conta a este.

h) Tramitar e propoñerlle á Xunta de Galicia a creación, modificación ou supresión de centros e de unidades docentes e de I+D+i, segundo o informe preceptivo do Claustro.

i) Aprobar as propostas de creación das novas titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, así como a facultade ou escola a que se adscribe esa titulación, segundo o informe preceptivo do Claustro.

j) Aprobar as propostas de novas titulacións oficiais de mestrado e de doutoramento.

k) Aprobar os proxectos de orzamento, segundo o informe preceptivo das liñas xerais do Claustro, as contas anuais da Universidade para o seu trámite ao Consello Social e as transferencias de créditos entre os diversos conceptos dos capítulos de operacións correntes e de capital.

l) Elaborar a proposta de programación plurianual, segundo o informe preceptivo do Claustro.

m) Promover a creación ou a participación na constitución de empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas, de acordo coa lexislación aplicable.

n) Autorizar a sinatura dos convenios de especial relevancia e todos os demais nos termos que se determinen na normativa interna da Universidade.

ñ) Convocar eleccións para a renovación total ou parcial do Claustro Universitario.

o) Acordar a creación de novos servizos, así como a súa modificación ou supresión, e informar o Claustro e o Consello Social sobre estes acordos.

p) Aprobar as memorias para as solicitudes de verificación dos títulos oficiais e enviárllelas aos órganos competentes.

q) Propoñerlle ao Claustro as normas relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria.

r) Conceder e, se é o caso, retirar as distincións honoríficas da Universidade, nas circunstancias e nas condicións determinadas regulamentariamente.

s) Determinar a capacidade dos centros e os seus sistemas de acceso e propoñerlle ao Consello Social as normas que regulen a permanencia do alumnado na Universidade.

t) Aprobar os cadros de PDI e de PAS.

u) Decidir, respectando as previsións legais, a provisión de prazas vacantes por concurso de acceso entre acreditadas ou acreditados e profesorado do corpo correspondente ou de superior categoría.

v) Acordar as propostas de incorporación do profesorado, consonte o disposto nestes estatutos, e elaborar a normativa de nomeamento e actuación das comisións de contratación de profesorado.

w) Promover a constante mellora da calidade da Universidade.

x) Elixir entre os seus membros os que deban formar parte do Consello Social, así como elixir os membros das demais comisións para as cales está prevista a designación dos seus membros no Consello de Goberno, nestes estatutos ou nos regulamentos que os desenvolvan.

y) Calquera outra función ou competencia que lle sexa atribuída ou recoñecida pola lei, por acordo do Claustro, por decisión da reitora ou reitor, ou por estes estatutos e polas disposicións que os desenvolvan.

Sección 3ª. Consello Social

Artigo 17. Definición

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Vigo e debe exercer como elemento de relación entre a sociedade e a Universidade.

Artigo 18. Composición

A composición do Consello Social axustarase ao disposto na lexislación vixente. En todo caso, son membros do Consello Social a reitora ou reitor, a secretaria ou secretario xeral, a persoa que ocupe a Xerencia e, cando menos, un ou unha representante do profesorado, do alumnado e do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno de entre os seus membros.

Artigo 19. Funcións

As funcións do Consello Social son as que lle atribúe a lei e os presentes estatutos.

Sección 4ª. Consellos de campus

Artigo 20. Definición

Os consellos de campus son órganos colexiados de representación e de coordinación dos campus.

Artigo 21. Composición

1. Os consellos de campus contan coa seguinte composición:

a) A presidencia, que será a reitora ou reitor da Universidade.

b) Unha vicerreitora ou vicerreitor.

c) Todas as decanas ou decanos e directoras ou directores dos centros do campus.

d) Cinco representantes do profesorado, elixidos por e entre claustrais do mesmo sector e campus, dos cales polo menos un ou unha non pertenza ao profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade. Garantirase que haxa polo menos un ou unha representante de cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidatos ou candidatas.

e) Cinco estudantes, elixidos por e entre claustrais do mesmo sector e campus. Haberá polo menos un ou unha estudante por cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidatos ou candidatas.

f) Os dous membros do persoal de administración e servizos que obtivesen máis votos nos campus da súa adscrición nas eleccións ao Claustro.

g) Dous representantes sindicais, un o máis votado entre o PDI e o outro o máis votado entre o PAS, con voz e sen voto.

2. Todos os membros electos do Consello de Campus serán elixidos por un período de catro anos, agás o alumnado, que o será por dous anos. A presidencia nomeará a secretaria ou secretario de entre os membros do Consello con dedicación a tempo completo.

Artigo 22. Competencias

Son competencias do Consello de Campus:

a) Asistir o equipo de goberno da Universidade nas súas funcións e velar polo seu correcto cumprimento

b) Participar no correcto desenvolvemento da planificación estratéxica da Universidade no campus e velar para que se cumpra.

c) Desenvolver e potenciar as relacións institucionais, así como a proxección cultural e universitaria.

d) Nomear as comisións que considere convenientes para exercer mellor as súas funcións.

e) Impulsar a coordinación das ofertas docentes universitarias e o apoio á investigación dentro do ámbito da súa competencia.

f) Adoptar ou impulsar iniciativas que afecten as distintas estruturas universitarias do campus, respectando as súas competencias así como as do resto dos órganos da Universidade.

g) As demais competencias cuxa titularidade lle atribúan estes estatutos e os regulamentos da Universidade de Vigo, e as que, se é o caso, lle poidan delegar outros órganos de goberno e de administración.

Sección 5ª. Comisións específicas non delegadas

Artigo 23. Comisión de Igualdade

A Comisión de Igualdade da Universidade é o órgano colexiado encargado de apoiar e de asesorar todos os órganos de goberno e de representación da Universidade de Vigo en materia de igualdade. Está composta pola reitora ou reitor, que a preside, e polos cargos académicos, membros e representantes da comunidade universitaria e da sociedade determinada regulamentariamente.

Artigo 24. Comisión de Calidade

A Comisión de Calidade da Universidade é a encargada de tratar as cuestións relacionadas coa planificación, desenvolvemento e avaliación da calidade que se concreten no seu regulamento. Está composta pola reitora ou reitor, que a preside, e polos cargos académicos, membros e representantes da comunidade universitaria e da sociedade que se determine regulamentariamente.

Artigo 25. Comisión Electoral

A Comisión Electoral da Universidade resolverá as reclamacións que se presenten contra as decisións adoptadas polas xuntas electorais dos centros e dos departamentos. Está composta pola reitora ou reitor, que a preside, e por doce membros máis elixidos polo Claustro entre os seus membros.

Artigo 26. Comisión de Reclamacións

A Comisión de Reclamacións da Universidade ten por función valorar as reclamacións presentadas contra as propostas efectuadas polas comisións dos concursos de acceso a prazas cubertas con persoal con vinculación permanente. Esta ratificará ou non a proposta obxecto de reclamación no prazo máximo de tres meses. Está composta pola reitora ou reitor, que a preside, e por seis catedráticas ou catedráticos da Universidade de Vigo de diversas áreas de coñecemento, elixidos polo Claustro, entre quen acredite ampla experiencia docente e investigadora.

Sección 6ª. Reitora ou reitor

Artigo 27. Definición

A reitora ou reitor é a máxima autoridade da Universidade de Vigo e desempeña a súa representación. Exerce a dirección, o goberno e a xestión da Universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados correspondentes e executa os seus acordos.

Artigo 28. Elección, nomeamento e suplencia

A comunidade universitaria elixirá a reitora ou reitor entre as catedráticas ou catedráticos de universidade en activo que presten os seus servizos na Universidade de Vigo, mediante a elección directa e o sufraxio universal libre e secreto, por un período de catro anos e con posibilidade dunha soa reelección. O voto será ponderado por sectores e aplicaranse as mesmas porcentaxes que na representación no Claustro. A ponderación farase sobre o total de votos a candidaturas validamente emitidos. O órgano competente da Xunta de Galicia nomeará a reitora ou reitor. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, a reitora ou reitor será substituído pola vicerreitora ou vicerreitor designado con anterioridade ou, se é o caso, pola vicerreitora ou vicerreitor de máis antigüidade no cargo dentro da Universidade.

Artigo 29. Competencias

Correspóndenlle á reitora ou reitor as seguintes competencias:

a) Representar institucional e legalmente a Universidade.

b) Presidir e convocar o Claustro Universitario e o Consello de Goberno, así como executar todos os seus acordos e os do Consello Social.

c) Exercer a xefatura de todo o persoal da Universidade.

d) Contratar e nomear o persoal ao servizo da Universidade.

e) Nomear todos os cargos da Universidade.

f) Designar, nomear e destituír as persoas titulares das vicerreitorías, da Secretaría Xeral, da Xerencia e, en xeral, de todos os cargos de libre designación.

g) Dirixir e impulsar a coordinación e a supervisión da actividade e do funcionamento da Universidade e de todos os seus órganos de goberno e de administración.

h) Constituír e organizar a inspección de servizos.

i) Asinar todo tipo de convenios en nome da Universidade.

j) Expedir os títulos e os diplomas da Universidade.

k) Ordenar os pagamentos.

l) Delegar o exercicio das súas competencias e outorgar mandatos para exercer a representación da Universidade cando resulte procedente.

m) As competencias que poidan atribuírlle as leis ou os presentes estatutos, e as que, correspondendo á Universidade, non lles fosen expresamente recoñecidas a outros órganos nos estatutos ou nos regulamentos que os desenvolven.

Artigo 30. Informes ante o Claustro

A reitora ou reitor presentará diante do Claustro:

a) O informe sobre a planificación plurianual no primeiro claustro ordinario do seu mandato.

b) Un informe sobre a súa xestión no último trimestre de cada ano natural.

Sección 7ª. Vicerreitores ou vicerreitoras

Artigo 31. Vicerreitores ou vicerreitoras

O reitora ou reitor nomeará os vicerreitores ou vicerreitoras entre o profesorado doutor que preste servizo na Universidade para auxilialo no exercicio das súas funcións. Corresponderanlles ás vicerreitoras ou vicerreitores as competencias e as funcións que lles asigne a reitora ou reitor.

Sección 8ª. Secretaria ou secretario xeral

Artigo 32. Secretaria ou secretario xeral

1. A reitora ou reitor nomeará a secretaria ou secretario xeral entre o funcionariado público que preste servizos na Universidade, que deberá estar en posesión da titulación académica prevista para estes casos na lexislación universitaria.

2. A secretaria ou secretario xeral tamén o será do Claustro e do Consello de Goberno.

3. Correspóndenlle á secretaria ou secretario xeral as seguintes funcións:

a) Redactar as actas dos órganos colexiados da Universidade en que actúe como tal.

b) Recibir, compilar, depositar, custodiar e certificar os seguintes documentos:

– As actas dos órganos colexiados da Universidade en que actúe como tal.

– Os arquivos xerais.

– As resolucións e as instrucións xerais da Reitoría.

– As actas de toma de posesión do persoal funcionario docente e investigador da Universidade.

– O selo oficial.

c) Dar fe do resto de actuacións que coñeza por motivo do seu cargo.

d) Garantir a publicidade dos acordos do Consello de Goberno, do Claustro Universitario e das resolucións da Reitoría, coidando singularmente das referidas aos regulamentos de desenvolvemento dos estatutos e demais normas xerais.

e) Organizar os actos solemnes da Universidade en que debe velar polo cumprimento do protocolo.

f) Calquera outra función ou competencia que lle sexa atribuída ou recoñecida pola normativa vixente ou que lle sexa encomendada ou delegada pola reitora ou reitor.

Sección 9ª. Xerencia

Artigo 33. Xerencia

A reitora ou reitor nomeará a persoa que exerce a Xerencia de acordo co Consello Social, logo de oír o Consello de Goberno, atendendo a criterios de competencia profesional e experiencia e informados os e as representantes do persoal de administración e servizos. A persoa que ocupe a Xerencia terá a consideración de alto cargo, dedicación a tempo completo e a súa función será incompatible con calquera outra actividade profesional pública ou privada.

Artigo 34. Competencias

Sen prexuízo das que lle poidan corresponder segundo o ordenamento xurídico ou por atribución da reitora ou reitor, as competencias da persoa que ocupe a Xerencia abranguerán:

a) Dirixir a xestión dos servizos económicos e administrativos da Universidade e a coordinación da administración do resto dos servizos, de acordo coas instrucións do Consello de Goberno e da reitora ou reitor.

b) Dirixir o persoal de administración e servizos, por delegación da reitora ou reitor.

c) Elaborar o proxecto de orzamento e, dos proxectos de programación plurianual, supervisar e controlar a execución orzamentaria.

d) Elaborar e actualizar o inventario de bens e de dereitos que integran o patrimonio da Universidade.

e) Expedir cantos documentos e certificacións se lle requiran en materias da súa competencia.

f) Calquera outra competencia que lle confira a lexislación, a reitora ou reitor, os estatutos e as normas que os desenvolvan.

CAPÍTULO III

Centros e unidades de docencia

Sección 1ª. Facultades e escolas

Artigo 35. Definición

As escolas e as facultades son os centros encargados de organizar as ensinanzas e os procesos académicos, administrativos e de xestión para acadar os títulos de grao ou de mestrados oficiais válidos en todo o territorio nacional. Poderán impartir tamén ensinanzas conducentes a obter outros títulos, así como realizar as funcións que determine a Universidade, para o cal deben contar cos medios e coa organización axeitados.

Artigo 36. Creación, modificación e supresión

1. A creación, modificación e supresión dos centros referidos no artigo anterior, así como a implantación e a supresión das ensinanzas conducentes a obter títulos oficiais e con validez en todo o territorio nacional, serán acordadas polo órgano competente da Xunta de Galicia, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da Universidade, mediante proposta do Consello de Goberno; en ambos os casos, tras o informe favorable do Consello Social. De todo iso informarase a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

2. O Consello de Goberno, por instancia do Claustro ou por decisión propia, iniciará o expediente de creación, de modificación ou de supresión dunha facultade ou escola, tras requirir o informe preceptivo do Claustro.

Artigo 37. Funcións

Son funcións dos centros:

a) Organizar e xestionar a docencia dos títulos oficiais adscritos ao centro, e coordinala, supervisala e controlala.

b) Propoñer a programación docente anual dos títulos oficiais, de conformidade coas memorias oficiais dos títulos e de acordo coa normativa da Universidade.

c) Organizar e coordinar as ensinanzas que dean dereito a títulos propios adscritos ao centro.

d) Proporlle ao órgano competente a implantación de novas titulacións.

e) Participar nos procedementos de selección do PDI nos termos que regulamentariamente determine o Consello de Goberno.

f) Realizar as actividades de colaboración da Universidade de Vigo con organismos públicos ou privados en todo o que afecte o centro.

g) Organizar as relacións entre departamentos e con outros centros e órganos da Universidade de Vigo, co fin de garantir a coordinación das ensinanzas e a racionalización da xestión académica e administrativa.

h) Administrar os servizos e mais os equipamentos asignados ao centro.

i) Xestionar e administrar a súa asignación orzamentaria.

j) Realizar a xestión administrativa necesaria para que as anteriores funcións se poidan efectuar.

k) Fomentar, apoiar e achegar os medios materiais existentes no centro para realizar actividades de formación e complementarias do persoal vinculado a el.

l) Custodiar as actas de cualificación e os expedientes do alumnado.

m) Expedir as certificacións académicas solicitadas polo alumnado ao centro.

n) Xestionar o seu sistema interno de garantía da calidade.

ñ) Colaborar coa unidade correspondente para acadar un contorno igualitario e libre de calquera tipo de acoso ou de violencia.

o) Calquera outra que lles poidan atribuír os presentes estatutos e as demais disposicións vixentes.

Artigo 38. Xuntas de centro

1. A xunta de centro é o órgano colexiado de representación e de decisión do centro. Está composta pola decana ou decano, ou directora ou director, que a preside, e polo seguinte conxunto de membros adscritos ao centro:

a) Todo o PDI-A.

b) Unha representación do PDI-B.

c) Unha representación do alumnado.

d) Unha representación do persoal de administración e servizos.

O conxunto dos membros natos e electos deberá respectar de forma aproximada as seguintes porcentaxes de repartición: 51 % o PDI-A, 29 % o estudantado, 10 % o PAS e 10 % o PDI-B.

2. Son funcións da xunta de centro:

a) Elaborar, aprobar e modificar a proposta do seu regulamento de réxime interno e doutros regulamentos de carácter organizativo considerados necesarios.

b) Elixir e revogar a decana ou decano ou a directora ou director.

c) Aprobar a proposta de distribución do orzamento anual do centro e a súa execución.

d) Implantar e seguir os plans de estudos.

e) Coidar do bo funcionamento de todos os órganos e servizos do centro.

f) Preparar e coordinar, de modo eficaz e adecuado, o horario das distintas materias, cursos monográficos, cursos de especialización, probas parciais e finais, e a distribución de aulas e servizos e de ensinanzas complementarias.

g) Habilitar medidas de control para cumprir as obrigas docentes.

h) Distribuír os espazos que lle sexan asignados.

i) Aprobar e executar o sistema de garantía de calidade.

j) Aqueloutras que lle poidan atribuír estes estatutos e outra normativa vixente.

Artigo 39. Xuntas de titulación

1. As xuntas de centro e, nos casos que se concreten pola normativa interna da Universidade, as xuntas de titulación, son os órganos encargados de elaborar as propostas de memorias para titulacións de grao e as súas modificacións.

2. A xuntas de titulación terán unha composición análoga en proporción ás xuntas de centro, agás en titulacións novas, que observarán o que regulamentariamente se determine.

Artigo 40. Comisións académicas de graos e de mestrados

1. A xestión ordinaria do funcionamento de cada título oficial de grao ou de mestrado será responsabilidade dunha comisión académica específica presidida pola persoa coordinadora do título. A xunta do centro de adscrición elixirá a persoa coordinadora, secretaria ou secretario e vogais de cada comisión.

2. No caso dos graos, non será necesario que exista unha comisión académica específica cando a xestión ordinaria do funcionamento de tales títulos se atribúa directamente á xunta de centro no seu regulamento de réxime interno.

Artigo 41. Decana ou decano e directora ou director

1. A decana ou decano e directora ou director representa o centro e exerce as funcións de dirección e de xestión ordinaria deste.

2. A xunta de centro elixirá este órgano unipersoal entre o profesorado adscrito ao centro con vinculación permanente á Universidade, durante un período de tres anos, con posibilidade dunha soa reelección consecutiva.

3. A decana ou decano e directora ou director do centro, asistido polo seu equipo de goberno, é responsable da dirección e da xestión do centro e ten as seguintes funcións:

a) Exercer a representación do centro.

b) Convocar e presidir a xunta de centro e outros órganos colexiados do centro que se determinen regulamentariamente.

c) Executar os acordos da xunta de centro.

d) Supervisar o funcionamento dos servizos do centro.

e) Dirixir a xestión ordinaria do centro.

f) Proporlle á reitora ou reitor a apertura dun informe previo a calquera membro do centro.

g) Garantir o cumprimento dos horarios docentes e de titorías.

h) Todas as que se correspondan con funcións do centro que non estean atribuídas a outros órganos e outras que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.

Artigo 42. Vicedecanos ou vicedecanas e vicedirectores ou vicedirectoras

A persoa que desempeñe a dirección ou o decanato designará os vicedecanos e vicedecanas ou os subdirectores e subdirectoras, que serán nomeados pola reitora ou reitor. Estes membros do equipo de dirección actuarán coas competencias e coas funcións que lles delegue a decana ou decano, ou directora ou director, así como todas as que lles atribúa o regulamento de réxime interno do centro.

Artigo 43. Secretaria ou secretario do centro

A persoa que desempeñe a dirección ou o decanato designará a secretaria ou secretario do centro entre o persoal da Universidade, que será nomeado pola reitora ou reitor. Correspóndelle á secretaria ou secretario dar fe dos acordos adoptados polos órganos de goberno do centro, así como custodiar os seus libros de actas.

Sección 2ª. Departamentos

Artigo 44. Concepto e funcións

1. Os departamentos son as unidades de docencia e de investigación encargadas de coordinar os ensinos dun ou varios ámbitos do coñecemento nun ou varios centros, de acordo coa programación docente da Universidade, de apoiar as actividades e as iniciativas docentes e investigadoras do profesorado, e de exercer aqueloutras funcións que sexan determinadas polos estatutos.

2. A estas unidades correspóndenlles, en concreto, as seguintes funcións:

a) Idear a proposta de plan de ordenación docente que lle corresponda, de conformidade coa normativa da Universidade e coas necesidades xustificadas polos centros, coordinando as ensinanzas que se lle atribúan.

b) Elaborar informes sobre as necesidades de persoal docente e investigador necesario para executar a súa planificación de actividades docentes e investigadoras, atendendo e respectando as necesidades xustificadas polos centros.

c) Fomentar e promover proxectos, convenios e contratos de investigación e de desenvolvemento.

d) Participar nos procedementos de selección do PDI nos termos que regulamentariamente determine o Consello de Goberno.

e) Intervir na xestión da calidade que lle corresponda.

f) Xestionar e administrar a súa asignación orzamentaria, así como solicitar os recursos económicos e materiais necesarios para exercer as súas funcións.

g) Programar e asignar os seus medios e recursos, así como coidar, manter e renovar os seus bens.

h) Promover actividades e iniciativas docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento do seu persoal académico.

i) Impulsar a formación e a renovación pedagóxica, científica, técnica ou artística do seu persoal docente e investigador.

j) Todas as funcións que estes estatutos e outras disposicións vixentes lles poidan atribuír.

Artigo 45. Constitución, fusión, escisión, extinción e coordinación

1. O Claustro Universitario fixará o procedemento para crear, fundir, escindir e extinguir departamentos, así como os criterios académicos ou económicos que con carácter xeral deba cumprir calquera departamento constituído ou calquera que se desexe constituír.

2. O Consello de Goberno poderá establecer medidas de fomento dirixidas a mellorar a coordinación interdepartamental coa finalidade de incentivar o rendemento académico.

Artigo 46. Organización e competencias

1. O consello de departamento é o órgano colexiado de representación e de decisión do departamento. Na súa composición respectaranse de forma aproximada as seguintes porcentaxes:

a) 75 %: membros natos.

b) 10 %: representantes do PDI-B que non sexan membros natos.

c) 10 %: representantes de estudantes.

d) 5 %: representantes do PAS.

2. Son membros natos do consello de departamento o PDI con título de doutora ou doutor e o PDI con vinculación permanente á Universidade.

3. Os membros electos do consello de departamento renovaranse cada dous anos.

4. Son competencias do consello de departamento:

a) Elaborar, aprobar e modificar a proposta do seu regulamento de réxime interno.

b) Elixir e revogar a persoa que desempeña a dirección do departamento.

c) Escoller, se é o caso, os ou as representantes do departamento en todos os órganos en que estea representado.

d) A titularidade das competencias que estes estatutos ou outras normas regulamentarias lle atribúan ao departamento.

5. Á directora ou director do departamento correspóndelle a presidencia e a representación do consello de departamento, así como as funcións que este lle delegue. A directora ou director será elixido por un período de tres anos, con posibilidade dunha soa reelección consecutiva, entre membros do persoal docente doutor con vinculación permanente e dedicación a tempo completo nunha reunión extraordinaria do consello de departamento mediante o voto secreto.

6. Son funcións da dirección de departamento:

a) Representar o departamento.

b) Convocar e presidir o consello de departamento e outros órganos colexiados do departamento que se determinen regulamentariamente.

c) Executar os acordos do consello de departamento.

d) Supervisar o funcionamento dos servizos do departamento.

e) Dirixir a xestión ordinaria do departamento.

f) Proporlle á reitora ou reitor a apertura dun informe previo a calquera membro do departamento.

g) Todas as que se correspondan con funcións do departamento que non estean atribuídas a outros órganos e outras que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.

7. A directora ou director do departamento proporá a secretaria ou secretario do departamento entre os membros do órgano colexiado.

Sección 3ª. Centros de apoio no campo da saúde

Artigo 47. Centros de apoio no campo da saúde

1. Para a organización e o bo desenvolvemento das titulacións no eido da saúde, a Universidade poderá crear ou participar na creación de novas estruturas que cumpran unha función múltiple asistencial, docente de grao e posgrao, e de investigación, transferencia e innovación; para iso será necesaria a sinatura do oportuno convenio co organismo autonómico competente en materia de saúde.

2. O convenio de creación determinará a natureza da estrutura e os seus obxectivos, planificará os seus recursos segundo as necesidades formativas e de I+D+i e fixará a participación do persoal destas estruturas nas súas actividades docentes; a Universidade outorgará a venia docendi cando sexa necesario.

CAPÍTULO IV

Centros e unidades de I+D+i

Artigo 48. Escolas de doutoramento

1. As escolas de doutoramento son titulares da xestión dos ensinos e das actividades de doutoramento da Universidade de Vigo. Tras a autorización do Consello de Goberno, parte da xestión pode ser delegada noutros centros e unidades docentes ou de I+D+i.

2. As escolas de doutoramento, complementariamente, poderán tamén xestionar actividades abertas de formación en investigación.

3. Dentro do que permita o ordenamento xurídico, na Universidade de Vigo poderá haber unha ou máis escolas de doutoramento de acordo coas previsións da planificación estratéxica aprobadas polo Claustro. A creación, modificación ou supresión de escolas de doutoramento correspóndelle ao Consello de Goberno, tras o informe do Claustro.

Artigo 49. Institutos universitarios de investigación

1. Os institutos universitarios de investigación son centros dedicados á investigación científica e técnica, á innovación ou á creación artística. Poderán ser:

a) Propios: da Universidade de Vigo.

b) Mixtos: os que se constitúan con outras universidades ou conxuntamente con outras entidades públicas ou privadas, mediante convenios ou outras formas de cooperación.

c) Adscritos: os dependentes doutras entidades públicas ou privadas que establezan un convenio coa Universidade de Vigo. Este convenio terá en conta o réxime previsto para o suposto de extinción do instituto, así como a instrumentación da súa coordinación ou tutela pola Universidade de Vigo.

2. A proposta de creación, modificación ou supresión de institutos universitarios de investigación correspóndelle ao Consello de Goberno, tras o informe do Claustro. En todo caso, o expediente, que incluirá o plan de financiamento, deberá expoñerse para informar a comunidade universitaria durante, polo menos, un mes.

3. Os institutos universitarios deberán autofinanciarse.

Artigo 50. Outros centros e unidades de I+D+i

O Claustro, por proposta do Consello de Goberno, poderá crear outros centros e unidades de I+D+i coa finalidade de, en ámbitos de actuación que excedan a competencia de calquera outra unidade ou centro individualmente considerado, facer fronte a novos proxectos ou materializar os obxectivos da planificación estratéxica da Universidade que se determinen.

TÍTULO II

Comunidade universitaria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Sección 1ª. Membros, dereitos e deberes

Artigo 51. Integrantes

Integran a comunidade universitaria o estudantado, o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos.

Artigo 52. Dereitos

Os membros da comunidade universitaria teñen todos os dereitos recoñecidos no ordenamento xurídico e, en especial, de acordo coas previsións dos presentes estatutos:

a) Participar no goberno, na toma de decisións e na xestión da Universidade.

b) Utilizar as instalacións e os servizos universitarios, de acordo co establecido nas normas da Universidade.

c) Recibir información sobre os seus dereitos e deberes, así como sobre os servizos e as axudas postos á súa disposición por parte da Universidade.

d) Gozar dun contorno de estudo ou de traballo igualitario, seguro e saudable.

e) Dispoñer dunha xestión áxil e eficaz dos seus intereses lexítimos por parte das unidades e dos órganos da Universidade.

f) Beneficiarse das bolsas, axudas e prestacións asistenciais creadas, fomentadas ou xestionadas pola Universidade de Vigo nos termos establecidos.

g) Promover, participar e colaborar en actividades universitarias e de relación entre a Universidade e a sociedade, sempre de acordo coa súa formación específica e capacidade.

Artigo 53. Deberes

Os membros da comunidade universitaria teñen todos os deberes recoñecidos no ordenamento xurídico e, en especial, de acordo coas previsións dos presentes estatutos:

a) Cumprir as súas obrigas académicas e laborais.

b) Contribuír ao bo funcionamento e á mellora dos servizos públicos que presta a Universidade de Vigo.

c) Respectar os símbolos, as institucións e o patrimonio da Universidade para contribuír ao seu digno mantemento e facer un uso correcto dos medios postos á súa disposición.

d) Asumir as responsabilidades derivadas cando desempeñen cargos ou funcións representativas ou de goberno e xestión, someténdose ao control democrático e xurídico do seu labor.

e) Potenciar o prestixio da Universidade e a súa vinculación co seu contorno social para lograr maior igualdade, progreso e benestar.

f) Promover a igualdade de oportunidades e a inclusión de calquera tipo de diversidade, incluída a de identidade e orientación sexual.

Sección 2ª. Unidade de Igualdade

Artigo 54. Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

A Universidade de Vigo ten entre os seus obxectivos principais o desenvolvemento de políticas que promovan a igualdade de oportunidades entre as mulleres e homes, a promoción da vida familiar, persoal e laboral, a integración da diversidade sexual, a consecución dun contorno libre de acoso e a loita contra a violencia de xénero.

Así mesmo, velará polo emprego dunha linguaxe inclusiva e imaxes non estereotipadas no ámbito administrativo, científico e cultural, así como na súa política de comunicación.

Artigo 55. Unidade de Igualdade

Para acadar os obxectivos expostos no artigo anterior, contará cunha unidade de igualdade que se dotará dos medios necesarios para levar a cabo as seguintes competencias:

a) Deseñar, en colaboración co equipo de goberno, as políticas de igualdade de xénero da institución.

b) Implantar, seguir e avaliar os plans de igualdade.

c) Asesorar os centros, órganos e servizos para integrar a perspectiva de xénero en toda a actividade universitaria.

d) Fomentar o coñecemento na comunidade universitaria do alcance e significado do principio de igualdade de xénero.

e) Realizar accións de formación e de sensibilización para acadar un contorno igualitario e libre de violencias.

Sección 3ª. Réxime disciplinario

Artigo 56. Réxime xurídico e competencia

1. O réxime disciplinario de todos os membros da comunidade universitaria regularase polas leis, regulamentos e instrumentos de negociación colectiva que en cada caso resulten aplicables. O regulamento de disciplina académica e universitaria da Universidade de Vigo desenvolverá e concretará nesta materia os contidos dos presentes estatutos.

2. Agás nos casos en que unha norma de rango superior dispoña outra cosa, correspóndelle á reitora ou reitor tanto a incoación dos expedientes disciplinarios coma a súa resolución.

Artigo 57. Prevención de situacións de conflito e tramitación de expedientes disciplinarios

A Universidade disporá de medios humanos coa formación técnica necesaria para velar polo bo funcionamento dos servizos e facilitar a prevención e a solución de conflitos internos de carácter xurídico, que inclúe a tramitación de informacións reservadas e a instrución dos procedementos disciplinarios que procedan.

Sección 4ª. Valedora ou Valedor Universitario

Artigo 58. Disposicións xerais

1. O Valedor Universitario é o órgano especificamente encargado de velar polo respecto aos dereitos e ás liberdades dos membros da comunidade universitaria ante as actuacións dos diferentes órganos e dos servizos universitarios.

2. As súas actuacións non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e virán rexidas polos principios de independencia e de autonomía.

3. A condición de valedora ou valedor universitario será incompatible co desempeño de calquera cargo de goberno ou de representación da Universidade.

4. A Universidade dotarao dos medios humanos e materiais necesarios para desempeñar as súas funcións.

5. A valedora ou valedor universitario contará cunha comisión asesora para desenvolver as súas funcións, con participación de todos os sectores da comunidade universitaria.

6. A figura da valedora ou valedor universitario rexerase polas normas xerais aplicables, por estes estatutos e polo regulamento que, en desenvolvemento deles, aprobe o Claustro.

Artigo 59. Elección e cesamento

1. Poderá ser elixido valedora ou valedor universitario calquera profesional da Universidade de Vigo con vinculación permanente que, a xuízo do Claustro Universitario, conte co aval do seu prestixio persoal e profesional.

2. O Claustro elixirá a valedora ou valedor universitario por un período de seis anos, sen posibilidade de reelección consecutiva. Será elixida a candidatura que obteña o voto favorable da maioría absoluta dos membros do Claustro. Se ninguén obtén esa maioría na primeira volta, repetirase a votación entre as dúas persoas máis votadas, e elixirase a candidatura que obteña dúas terceiras partes de votos favorables dos membros presentes. Unha vez elixida polo Claustro, será nomeada pola reitora ou reitor.

3. A valedora ou valedor universitario poderá ser cesado por proposta de, polo menos, o 20 % dos e das claustrais, o seu cesamento requirirá da maioría absoluta dos membros do Claustro.

Artigo 60. Réxime de funcionamento

1. A valedora ou valedor universitario actúa de oficio ou por instancia de parte en relación coas solicitudes, queixas, suxestións e observacións que sexan susceptibles de necesitar o seu amparo, formuladas por calquera membro da comunidade universitaria. A valedora ou valedor universitario rexeitará aquelas sobre as cales non se esgotasen todas as instancias previstas pola lexislación universitaria aplicable, e indicará os procedementos adecuados.

2. A valedora ou valedor universitario solicitará e recibirá información dos órganos de goberno, representación e administración da Universidade, aos que afecten as solicitudes, queixas, suxestións ou observacións realizadas. Todos os membros da comunidade universitaria están obrigados a proporcionar os datos e as informacións solicitadas pola valedora ou valedor universitario no exercicio das súas funcións.

3. Os informes da valedora ou valedor universitario poderán servir de motivación para iniciar os procedementos de revisión de oficio que eventualmente resulten oportunos.

CAPÍTULO II

Estudantado

Sección 1ª. Acceso e permanencia na Universidade de Vigo

Artigo 61. Acceso á Universidade

Terá dereito á ensinanza universitaria na Universidade de Vigo quen cumpra os requisitos previstos nas disposicións vixentes e supere os procedementos de admisión que legalmente se poidan establecer. O Consello de Goberno, por proposta dos centros, decidirá o número máximo de prazas de novo acceso en cada titulación.

Artigo 62. Permanencia na Universidade

O Consello Social, logo da audiencia das e dos representantes de estudantes no Claustro, por proposta do Consello de Goberno e tras o informe do Consello de Universidades e do Consello Galego de Universidades, establecerá as normas que regulen a permanencia do alumnado na Universidade, tendo en conta as características dos respectivos estudos e atendendo a criterios obxectivos e motivados.

Sección 2ª. Dereitos e deberes do alumnado

Artigo 63. Estudantado

1. Son estudantes da Universidade de Vigo os que estean matriculados en calquera dos ensinos impartidos nos seus centros.

a) As e os estudantes matriculados nalgún título oficial impartido nun centro da Universidade de Vigo terán todos os dereitos e deberes que lle corresponden a este colectivo.

b) As e os demais estudantes matriculados na Universidade terán os dereitos e os deberes que lles recoñeza a normativa de desenvolvemento destes estatutos.

2. Os alumnos e alumnas dos centros adscritos terán os dereitos que lles recoñezan os convenios de adscrición.

3. A Universidade incentivará a creación de asociacións de antigos alumnos e alumnas e manterá abertas canles de participación coas egresadas ou egresados. O Consello de Goberno establecerá as súas condicións de creación, funcionamento e apoio.

Artigo 64. Dereitos do alumnado

O estudantado da Universidade de Vigo, con independencia da súa modalidade de ensino, ten todos os dereitos recoñecidos na Constitución e no resto do ordenamento xurídico e, especialmente, os seguintes:

a) A unha formación académica de calidade, cualificada, actualizada e interdisciplinaria, que responda á adquisición das competencias e dos coñecementos vinculados aos estudos elixidos e que lle permita coñecer os distintos enfoques; propiciará, deste xeito, a autoformación do propio estudantado. E, ademais, que fomente actitudes e valores propios dunha cultura democrática e de respecto ás demais persoas e á contorna.

b) Á liberdade de expresión, reunión, asociación e manifestación no ámbito universitario, así como o dereito a formular peticións, reclamacións ou queixas directamente aos órganos e aos servizos da Universidade de Vigo.

c) A unha formación académica integradora e igualitaria que erradique calquera discriminación e violencia de xénero. A Universidade de Vigo prestaralle especial consideración ao estudantado que se atope nunha situación singular como o embarazo, a maternidade ou a paternidade.

d) A recibir atencións específicas acordes coas circunstancias particulares do estudantado con necesidades educativas especiais, temporais ou permanentes; deste xeito garantirase o seu dereito á educación.

e) A recibir asesoramento e asistencia, educativa e profesional por parte do profesorado e dos servizos da Universidade de Vigo.

f) A ser sempre avaliado, con obxectividade, no seu rendemento académico, segundo criterios de avaliación previamente establecidos e coñecidos con anterioridade ao período de matrícula.

g) A ser avaliado en réxime de avaliación continua e a dispor como alternativa de probas de avaliación global.

h) A acceder ás bolsas e ás axudas ao estudo nos termos establecidos nas correspondentes convocatorias, coa finalidade de que ninguén quede excluído do estudo por razóns económicas.

i) A dispor de instalacións, medios e recursos para desenvolver normalmente os seus estudos e demais actividades propias da súa formación, así como para o exercicio de todos os dereitos recoñecidos na Universidade Vigo.

j) A obter recoñecemento académico pola súa participación en actividades universitarias, culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación, de acordo coa normativa vixente e coas memorias dos títulos oficiais.

k) A conciliar os estudos coa vida laboral e familiar, tendo en conta as circunstancias persoais do estudantado na medida das dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Universidade de Vigo.

l) A participar na avaliación da actividade docente do profesorado e nos procesos de avaliación institucional da calidade de centros, titulacións e servizos da Universidade de Vigo.

m) A recibir unha formación complementaria para adquirir as competencias necesarias no coñecemento das linguas oficiais na Universidade de Vigo e, en especial, para o coñecemento do galego.

n) Á suspensión das actividades académicas nas titulacións impartidas no seu centro durante un período de tempo determinado no caso de que o paro académico sexa aprobado pola maioría absoluta do estudantado do centro. A suspensión levarase a cabo de acordo co previsto neste parágrafo e de acordo co procedemento establecido regulamentariamente. O exercicio do dereito a paro académico, unha vez aprobado polo estudantado, deberá comunicárselle ao órgano competente a través do rexistro, cunha antelación mínima de 15 días naturais. Realizar o paro académico non dará dereito á recuperación das actividades académicas afectadas, pero si á realización, nas datas fixadas polas persoas responsables das titulacións tras as consultas co profesorado e co estudantado, das probas de avaliación que coincidan co devandito paro académico.

ñ) A que a Universidade de Vigo tome medidas para garantir o dereito do alumnado a recibir a súa formación educativa de grao e de posgrao na lingua oficial da Universidade.

Artigo 65. Deberes do alumnado

O estudantado da Universidade de Vigo, con independencia da súa modalidade de estudo, ten todas as obrigas recoñecidas no ordenamento xurídico vixente e en especial:

a) Realizar o traballo de estudo e de iniciación á investigación propios da súa condición de estudantes universitarios.

b) Desenvolver un comportamento xurídico e eticamente correcto en toda actividade académica susceptible de avaliación.

c) Ser responsable na súa participación nas actividades universitarias e cooperar co seu normal desenvolvemento.

Artigo 66. Avaliación do estudantado

1. A avaliación do alumnado corresponde ao profesorado responsable da docencia da materia, agás nos casos en que sexa preciso un tribunal.

2. Quen coordine as materias elaborará as guías de titulación; estas serán supervisadas, aprobadas e publicadas polos centros antes do inicio do período de matrícula de cada curso académico, de acordo coa súa normativa reguladora.

3. As e os estudantes teñen dereito a seren avaliados dúas veces por curso académico, segundo o procedemento especificado na guía docente da materia, e de tal xeito que só se reflicta na acta unha cualificación.

4. As probas de avaliación correspondentes á convocatoria de fin de carreira realizaranse nun período distinto dos fixados no punto anterior.

5. A Universidade de Vigo estudará, segundo as normas e os procedementos establecidos regulamentariamente, as causas da reiteración de resultados manifestamente desfavorables na avaliación nunha materia ou titulación e, dentro das súas competencias, tratará de corrixilas.

Artigo 67. Probas de avaliación

1. O calendario e o horario das probas de avaliación de carácter global, tanto teóricas coma prácticas, publicaranse antes de comezar o período de matrícula e deberá, na medida do posible, minimizarse a simultaneidade de probas.

2. Ademais da función avaliadora da formación acadada polo estudantado, todas as probas de avaliación tenderán a cumprir unha función docente e de crítica e de mellora; por iso, o alumnado terá pleno acceso ao estudo das súas probas corrixidas de acordo co previsto no regulamento. O estudantado terá tamén dereito a coñecer as súas cualificacións provisionais nun tempo razoable desde a realización das probas e con antelación suficiente para o normal desenvolvemento do estudo da materia; de maneira regulamentaria determinarase a concreción deste dereito.

3. No caso de desconformidade coa cualificación final nunha materia, cada estudante ten dereito a impugnar a súa cualificación e a recibir unha resposta de acordo co procedemento establecido regulamentariamente.

Sección 3ª. Representación estudantil e Consello de Estudantes
da Universidade de Vigo

Artigo 68. Representación de estudantes na Universidade de Vigo

Son representantes do alumnado as e os estudantes que, elixidos a través dos diferentes procesos electorais, forman parte dos órganos colexiados de goberno e de representación da Universidade e dos centros e das unidades docentes.

Artigo 69. Consello de Estudantes da Universidade de Vigo

1. O Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi) é o máximo órgano de coordinación da representación estudantil nesta universidade. Constitúe un órgano consultivo, deliberativo e organizativo.

2. É membro do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo o estudantado que exerza a condición de membro do Claustro da Universidade de Vigo.

3. Son funcións do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo:

a) Representar o conxunto do estudantado no contacto co resto de universidades e de institucións do Estado.

b) Defender os dereitos e os intereses do alumnado da Universidade de Vigo.

c) Coordinar e organizar os e as representantes de estudantes na Universidade de Vigo.

d) Contribuír á calidade da Universidade de Vigo e velar polo cumprimento dos seus regulamentos e normativas.

e) Dotarse dun regulamento de réxime interno propio.

f) Todas as funcións que sexan recollidas na normativa vixente.

4. O Consello de Estudantes da Universidade de Vigo articúlase estruturalmente mediante unha asemblea xeral de estudantes, que ten a obriga de se reunir de forma ordinaria, polo menos, unha vez por curso académico, e tres consellos de estudantes de campus, que teñen a obriga de se reunir de forma ordinaria, polo menos, dúas veces por curso académico.

5. A presidencia do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo elixirase no Claustro, mediante sufraxio directo, presencial e secreto entre os seus membros. Para ser candidato ou candidata á presidencia do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo é requisito imprescindible ser membro do Consello de Goberno. A presidencia do Consello de Estudantes será revogada polo reitor ou reitora se así o solicita por escrito máis da metade dos membros do Consello.

6. A persoa que exerza a presidencia do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo representará o conxunto do estudantado da Universidade de Vigo no contacto co resto de universidades e de institucións públicas, así como no Consello de Estudantes Universitarios do Estado (Ceune) ou en canto órgano análogo exista no marco educativo estatal e autonómico.

Artigo 70. Delegacións de estudantes

1. No seo dos centros da Universidade de Vigo, a delegación de estudantes estará constituída polos representantes de estudantes en órganos colexiados. A Universidade facilitará os medios para que as delegacións de estudantes desenvolvan os seus fins e as súas funcións.

2. Entre os fins e as funcións das delegacións de estudantes estarán:

a) Exercer funcións de representación e de mediación ante as autoridades académicas e os órganos de goberno no establecemento da canle de diálogo e de información que faciliten a vida universitaria.

b) Informar os seus representados ou representadas de todas as cuestións que consideren oportunas e recoller as súas opinións; se é necesario, e de forma excepcional, poderá realizarse esta función en horario lectivo tras o acordo co centro.

c) Elixir os ou as representantes perante calquera autoridade, institución ou organización, nos casos para os cales non exista un regulamento específico.

d) Xestionar os recursos que a Universidade de Vigo poña á súa disposición.

e) Promover e coordinar actividades de extensión universitaria e de sensibilización en materia de xénero.

f) Outros fins e funcións recollidos no ordenamento xurídico vixente.

Sección 4ª. Actividade de fomento do estudo, da cultura e do deporte
en relación co estudantado

Artigo 71. Premios extraordinarios

1. O Consello de Goberno, por proposta dos centros, pode outorgar anualmente premios extraordinarios de grao e de mestrado universitario. O Consello de Goberno determinará regulamentariamente as condicións e o procedemento que deben seguir as propostas dos centros.

2. O Consello de Goberno, por proposición da escola ou escolas de doutoramento, pode outorgar anualmente premios extraordinarios de doutoramento entre as doutoras e doutores que acadaron a máxima cualificación posible no curso académico anterior.

Artigo 72. Prestacións asistenciais e axudas ao estudo

1. A Universidade de Vigo desenvolverá programas complementarios de axudas ao estudantado para cubrir necesidades non atendidas ou insuficientemente atendidas polas administracións públicas.

2. Na creación dos programas complementarios de axudas prestaráselles especial atención ás persoas con cargas familiares, vítimas de violencia de xénero e persoas con dependencia ou discapacidade ou outros colectivos.

3. A Universidade será á encargada de distribuír as axudas para transporte, residencia, comedor, material ou calquera outro tipo de axuda para os e as estudantes máis desfavorecidos. O criterio de repartición de axudas da Universidade de Vigo será preferentemente económico e estará fixado polo Consello de Goberno.

4. A Universidade de Vigo poderá ofrecerlle ao seu alumnado bolsas de colaboración nos servizos de asistencia á comunidade universitaria.

Artigo 73. Fomento da cultura e do deporte

1. Co obxecto de procurar unha formación integral do estudantado, a Universidade de Vigo potenciará a relación con outras universidades e institucións. Axudaralles ás asociacións deportivas, de sensibilización, culturais e artísticas recoñecidas a que desenvolvan a súa actividade no seo da Universidade.

2. A práctica deportiva na Universidade de Vigo constitúe parte da formación do estudantado e deberá ser garantida pola Universidade.

Artigo 74. Ordenamento relacionado co estudantado na Universidade de Vigo

1. A Universidade de Vigo dotarase dun regulamento de estudantes que garanta:

a) O respecto e a aplicación dos dereitos e dos deberes individuais e colectivos do estudantado universitario recollidos na lexislación vixente, en particular, no Estatuto do estudante universitario e nos presentes estatutos da Universidade de Vigo.

b) A especificación de como se articula a representación estudantil dentro da Universidade de Vigo.

c) A correcta convivencia dentro da Universidade de Vigo mediante estipulación dun réxime disciplinario de estudantes propio.

2. A Universidade de Vigo dotarase dun regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do alumnado que:

a) Ordene a avaliación e a cualificación do rendemento académico do estudantado da Universidade de Vigo, así como as cuestións transversais a esta.

b) Especifique de xeito xeral mediante un marco de aplicación e de garantías os procesos de avaliación e de cualificación do estudantado na Universidade de Vigo.

c) Asegure un marco xeral para elaborar as guías docentes dos diferentes estudos na Universidade de Vigo.

d) Garanta un marco xeral na aplicación dos dereitos académicos do estudantado da Universidade de Vigo, prestando especial atención ao dereito a ser asistido e orientado mediante titorías e ao dereito a asistir ás clases tanto teóricas coma prácticas das materias matriculadas.

e) Estableza os indicadores e os procedementos necesarios para realizar o seguimento das condicións obxectivas nas cales se imparten as diferentes ensinanzas desenvolvendo un sistema de calidade baseado na mellora continua do proceso de aprendizaxe na Universidade de Vigo.

CAPÍTULO III

Persoal docente e investigador (PDI)

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 75. Integrantes e selección

1. O PDI da Universidade de Vigo está constituído por:

a) Persoal funcionario docente e investigador.

b) Persoal docente e investigador contratado en réxime laboral.

2. A selección do PDI (a excepción do profesorado visitante e do profesorado emérito) realizarase mediante concursos públicos, que se resolverán respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade.

3. A Universidade de Vigo poderá cubrir con carácter interino as prazas correspondentes aos corpos docentes universitarios, así como as prazas de persoal contratado fixo ou temporal, mentres non se cubra definitivamente polo procedemento legalmente establecido. Por circunstancias sobrevidas, de carácter extraordinario ou suspensión temporal da actividade dun profesor ou profesora, poderase acordar a incorporación por trámite de urxencia do persoal conforme o procedemento establecido regulamentariamente.

4. O Consello de Goberno aprobará as comisións de selección por proposta dos departamentos. Estas estarán compostas por cinco membros pertencentes aos corpos docentes da mesma área de coñecemento ou, no seu defecto, de áreas afíns, todos eles cos méritos recollidos na lexislación vixente e de categoría igual ou superior á praza obxecto do concurso. Así mesmo, formará parte das comisións de selección do PDI-B unha persoa representante do persoal traballador con voz e sen voto.

Artigo 76. Capacidade docente e investigadora

O profesorado da Universidade de Vigo ten plena capacidade docente. As doutoras ou doutores da Universidade de Vigo teñen plena capacidade investigadora. A Universidade de Vigo ten a obriga de lles facilitar os medios e os recursos aos seus membros que non sexan doutoras ou doutores para conseguir a plena capacidade investigadora.

Artigo 77. Regulamento do profesorado

O Claustro Universitario aprobará un regulamento do profesorado.

Sección 2ª. Dereitos e deberes do persoal docente e investigador

Artigo 78. Dereitos

Son dereitos do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, ademais dos que lles recoñecen a Constitución e o resto do ordenamento xurídico, os seguintes:

a) Recoñecer e dignificar os seus labores de estudo, docencia, investigación e xestión.

b) Participar a través dos e das representantes na negociación colectiva e na determinación das condicións de traballo, económicas e profesionais.

c) Ser informado dos asuntos nos cales teña un interese directo, de acordo co principio de transparencia.

d) Dispor dunhas condicións laborais, salariais e de traballo dignas, dos recursos económicos, materiais e humanos necesarios que lles permitan ofrecer unha formación científica, profesional, cultural, técnica, investigadora e crítica de calidade.

e) Desenvolver unha carreira profesional, acceder á promoción e ao perfeccionamento profesional e beneficiarse das prestacións da acción social como membro da comunidade universitaria.

f) Formarse permanentemente, coa finalidade de garantir unha mellora da súa capacidade docente e investigadora.

g) Participar nos procesos de mellora e calidade da docencia e da investigación da Universidade de Vigo.

h) Conciliar a vida familiar, persoal e laboral.

Artigo 79. Deberes

Son deberes do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións destes estatutos, os seguintes:

a) Actualizar e renovar os seus coñecementos académicos, así como a súa metodoloxía pedagóxica.

b) Cumprir as tarefas docentes e investigadoras correspondentes, con suxeición aos procedementos de avaliación e de control da súa actividade académica.

c) Asumir as responsabilidades que comporten os cargos para os que sexan elixidos ou designados.

d) Desenvolver as funcións de xestión que lle correspondan de acordo coa normativa xeral da Universidade e a regulamentación interna dos centros e das unidades docentes e de I+D+i nas cales se integren.

e) Cumprir as normas contidas nestes estatutos e nas súas disposicións.

Sección 3ª. Cadros de profesorado e carreira docente

Artigo 80. Cadros e promoción

1. A Universidade de Vigo elaborará e actualizará, en cada novo curso académico, os cadros de profesorado por áreas de coñecemento, departamentos, titulacións e campus. Na cuantificación da docencia impartida en cada titulación procurarase que os grupos docentes teñan un tamaño que facilite a aprendizaxe por parte do alumnado.

2. O Consello de Goberno establecerá anualmente no estado de gastos do orzamento a relación de postos de traballo do seu profesorado, en que se relacionarán, debidamente clasificadas, todas as prazas de PDI.

3. Para facilitar o acceso ao ano sabático do profesorado con dedicación a tempo completo, o orzamento anual da Universidade fará previsión dos fondos que permitan financialo, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na normativa da Universidade.

4. O regulamento de profesorado preverá mecanismos (entre eles, programas de promoción, transformación ou incorporación) que posibiliten a carreira académica do PDI a tempo completo considerando o equilibrio entre os diferentes ámbitos académicos.

Sección 4ª. Persoal docente e investigador contratado

Artigo 81. Persoal investigador contratado en réxime de dereito laboral

A Universidade poderá contratar persoal investigador en réxime de dereito laboral utilizando as modalidades admitidas pola lexislación sobre ciencia, tecnoloxía e investigación.

Artigo 82. Profesorado axudante

A Universidade poderá contratar axudantes ou axudantas a tempo completo, pola duración prevista legalmente, nos termos previstos na normativa vixente. A actividade do profesorado axudante estará orientada a completar a súa formación docente e investigadora.

Artigo 83. Profesorado axudante doutor

A Universidade poderá contratar profesorado axudante doutor a tempo completo para desenvolver tarefas docentes e investigadoras e pola duración prevista legalmente, nos termos previstos na normativa vixente. O profesorado axudante doutor poderá ter asignada docencia en todos os ciclos.

Artigo 84. Profesorado contratado doutor

A Universidade de Vigo poderá contratar profesorado contratado doutor, a tempo completo e con carácter indefinido, entre doutoras ou doutores que reciban a avaliación positiva do órgano de avaliación externa correspondente. Terán os mesmos dereitos e obrigas ca o profesorado pertencente aos corpos docentes universitarios, agás os que a lexislación vixente reserva a estes últimos.

Artigo 85. Profesorado asociado

A contratación de profesorado asociado axustarase ás seguintes regras:

a) O contrato poderá realizarse con especialistas de recoñecida competencia que acrediten exercer a súa actividade profesional fóra do ámbito académico universitario.

b) A finalidade do contrato será desenvolver tarefas docentes a través das que acheguen os seus coñecementos e experiencias profesionais á Universidade.

c) O contrato será temporal e con dedicación a tempo parcial.

d) A duración do contrato determinarase conforme a lei e poderá renovarse sempre que se siga acreditando o exercicio da actividade profesional fóra do ámbito académico universitario.

Artigo 86. Profesorado visitante

A Universidade de Vigo poderá contratar, con carácter temporal, profesorado visitante entre docentes ou investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación, para desenvolver actividades docentes e investigadoras. O Consello de Goberno acordará a contratación por proposta dun departamento, acompañada dun informe sobre a actividade e os méritos do profesor ou profesora.

Artigo 87. Profesorado emérito

1. A Universidade de Vigo, por petición das persoas interesadas, poderá nomear profesorado emérito entre o seu profesorado xubilado que prestase destacados servizos docentes e investigadores na Universidade.

2. O Consello de Goberno acordará o nomeamento do profesorado emérito tras emitir un informe razoado, preceptivo e non vinculante, o Consello de Departamento.

Artigo 88. Lectoras e lectores

A Universidade de Vigo poderá contratar temporalmente en réxime laboral lectores ou lectoras nos departamentos correspondentes ás áreas de coñecemento das linguas modernas e estranxeiras.

Artigo 89. Outro PDI contratado

1. A Universidade de Vigo poderá utilizar outras formas de contratación previstas ou permitidas pola lexislación vixente para desenvolver ou apoiar labores de investigación científica ou técnica.

2. O Consello de Goberno establecerá o procedemento para contratar o persoal citado no punto anterior.

CAPÍTULO IV

Persoal de administración e servizos

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 90. Natureza

Correspóndelle ao persoal de administración e servizos participar e colaborar no desenvolvemento da actividade universitaria asumindo o apoio, a asistencia e a xestión técnica, económica e administrativa das distintas áreas nas cales se estrutura a administración universitaria, particularmente nas de recursos humanos, organización administrativa, asuntos económicos, informática, arquivos, bibliotecas, información, servizos xerais, así como calquera outro proceso de xestión administrativa e de apoio á docencia e á investigación que a Universidade determine necesarios para cumprir os seus obxectivos.

Artigo 91. Planificación e ordenación dos postos de traballo

1. A ordenación do persoal de administración e servizos realizarase a través da relación de postos de traballo ou dun instrumento organizativo similar, considerando as necesidades de persoal, as previsións sobre os sistemas de organización do traballo, a promoción interna e a mobilidade. Publicarase e incluirase a identificación e a clasificación dos postos, a dotación, o sistema de provisión e as características relevantes.

2. A Universidade de Vigo revisará a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos cando as circunstancias así o aconsellen e, en todo caso, cada dous anos. O Consello de Goberno aprobará a proposta da relación de postos de traballo, tras a negociación da Xerencia cos órganos de representación do persoal de administración e servizos e co informe previo preceptivo dos órganos de representación unitaria ou sindical do persoal, que se deberá emitir tras rematar as negociacións. Unha vez aprobada a proposta da relación de postos de traballo polo Consello de Goberno, ou pola reitora ou reitor cando se trate dunha modificación igual ou menor do 10 %, deberá ser obxecto de informe do Consello Social.

3. A supresión das prazas da relación de postos de traballo garantirá os dereitos económicos e administrativos do persoal afectado, sen prexuízo do disposto no réxime xurídico básico que sexa directamente aplicable, e requirirá un informe previo específico que a Xerencia lles presentará aos órganos de representación unitaria do persoal.

Artigo 92. Selección e provisión

1. A Universidade de Vigo seleccionará o persoal de administración e servizos de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia e obxectividade e, preferentemente, polo sistema de concurso-oposición ou oposición.

2. Para atender as necesidades non permanentes utilizará as modalidades de contratación e de nomeamento previstas na lexislación aplicable.

3. O concurso será o procedemento ordinario para a provisión de postos de traballo; as súas bases serán negociadas cos órganos de representación do persoal.

4. Os órganos de selección estarán constituídos preferentemente por persoal de administración e servizos; procurarase unha composición paritaria entre homes e mulleres.

5. Facilitarase a mobilidade con outras administracións con criterios de reciprocidade, especialmente no eido do Sistema universitario de Galicia, asinando os correspondentes convenios.

Artigo 93. Promoción interna

1. Consonte as previsións normativas en materia de carreira profesional, e no marco da planificación do persoal, fomentarase a promoción interna de acordo cos méritos e coa experiencia dos candidatos ou candidatas, as súas expectativas e as necesidades da administración universitaria, con criterios de igualdade, obxectividade e eficacia na asignación dos efectivos.

2. Promoveranse actividades de perfeccionamento que faciliten o desenvolvemento profesional e persoal, ao mesmo tempo que a adaptación a novas realidades e a mellora continua.

Artigo 94. Desenvolvemento normativo

1. O Claustro aprobará o regulamento do persoal de administración e servizos e terá en conta, cando menos, as situacións administrativas, a selección, a promoción, a provisión, a oferta de emprego público, a formación e o perfeccionamento, a seguridade e a hixiene no traballo, a asistencia e a acción social, os tempos de traballo, a xornada e o horario, a participación nos contratos de colaboración e os dereitos e os deberes do persoal de administración e servizos.

2. Regulamentariamente concretaranse as competencias e a organización dunha comisión específica en materia de formación permanente do persoal de administración e servizos, á cal corresponderá, entre outras funcións, establecer a programación anual de actividades.

Na devandita comisión estarán representados a Xerencia e o persoal de administración e servizos.

Sección 2ª. Dereitos e deberes

Artigo 95. Dereitos

O persoal de administración e servizos ten os seguintes dereitos, ademais dos que lle recoñeza o ordenamento xurídico:

a) Participar nos órganos de goberno, administrativos e de representación.

b) Participar a través dos e das representantes na negociación colectiva e na determinación das condicións de traballo, económicas e profesionais.

c) Ser informado dos asuntos nos cales teña un interese directo, de acordo co principio de transparencia.

d) Desempeñar efectivamente as tarefas propias do seu posto e dispor e poder utilizar os servizos da comunidade universitaria, así como os medios e a información necesaria.

e) Desenvolver unha carreira profesional, acceder á promoción e ao perfeccionamento profesional e beneficiarse das prestacións da acción social como membro da comunidade universitaria.

f) Recibir protección, información e formación eficaz en materia de seguridade, saúde e prevención de riscos laborais, con especial atención ás persoas con limitacións específicas.

g) Participar e ser informado nos procedementos de avaliación realizados sobre a súa actividade.

h) Recibir formación permanente.

i) Conciliar a súa vida familiar, persoal e laboral.

Artigo 96. Deberes

O persoal de administración e servizos ten os seguintes deberes, ademais dos derivados do ordenamento xurídico:

a) Asumir e cumprir con eficacia as obrigas e as responsabilidades propias do seu posto de traballo, exercendo as funcións asignadas de acordo coas directrices e coas instrucións dos superiores, colaborando con eles e co resto de persoal.

b) Contribuír á mellora do servizo público, así como do goberno e da xestión da Universidade.

c) Actuar coordinadamente e en colaboración co resto da comunidade universitaria e contribuír ao cumprimento dos fins e das funcións da Universidade.

d) Participar e promover actividades de formación, perfeccionamento, promoción profesional, sensibilización e actualización.

e) Intervir e colaborar nos procedementos de avaliación do seu rendemento e desempeño.

TÍTULO III

Creación e transmisión do coñecemento

CAPÍTULO I

Introdución

Artigo 97. Aspectos xerais

A creación e a transmisión do coñecemento, como actividade propia da Universidade, instruméntase a través da docencia, da investigación, da transferencia, da extensión universitaria e da divulgación científica.

Artigo 98. Fomento

Incentivarase a transmisión e a creación de coñecemento de calidade, especialmente ligada á consecución dos obxectivos estratéxicos da Universidade e á promoción e á mellora do desenvolvemento ambiental, social, económico e cultural de Galicia.

CAPÍTULO II

Docencia

Artigo 99. Ensinanzas oficiais

A Universidade de Vigo impartirá ensinanzas de grao, mestrado e doutoramento conducentes á obtención dos correspondentes títulos de grao, mestrado universitario e doutoramento.

Artigo 100. Ensinanzas non oficiais

A Universidade de Vigo poderá outorgar tamén títulos e diplomas para outros estudos, de calquera modalidade, que estableza en uso da súa autonomía. O Consello de Goberno fixará as normas xerais que regulen a organización e a aprobación destes estudos, así como o procedemento para expedir os certificados ou os diplomas.

CAPÍTULO III

Investigación

Artigo 101. Concepto e aspectos xerais

1. A investigación, como actividade orientada a xerar novo coñecemento, constitúe unha función esencial da Universidade e un dos fundamentos da docencia. Para tales efectos, a Universidade asume o desenvolvemento da investigación científica, técnica, humanística e artística, así como a formación de persoal investigador, atendendo tanto á investigación coma ao desenvolvemento experimental e tecnolóxico.

2. A Universidade asume tamén o desenvolvemento da transferencia dos resultados da investigación.

Artigo 102. Liberdade de investigación e dereito e deber de investigar

1. Recoñécese e garántese a liberdade de investigación no ámbito da Universidade de Vigo.

2. A investigación é un dereito e un deber do persoal docente e investigador da Universidade, de acordo cos seus fins xerais, dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e no aproveitamento dos recursos.

3. A Universidade facilitará a compatibilidade no exercicio da docencia e da investigación e incentivará o desenvolvemento dunha traxectoria profesional que permita unha actividade académica de maior calidade.

Artigo 103. Grupos de investigación e outras estruturas organizativas

1. Sen prexuízo da libre investigación individual, os labores de investigación realizaranse, principalmente, en grupos de investigación.

2. O Consello de Goberno regulará os requisitos que deban reunir os grupos de investigación para o seu recoñecemento pola Universidade, segundo o previsto na lexislación.

3. Promoverase que os grupos de investigación fomenten unha presenza equilibrada entre mulleres e homes en todos os seus ámbitos.

4. A investigación en equipo tamén poderá desenvolverse desde estruturas organizativas con competencias investigadoras previstas no título I destes estatutos.

5. Potenciarase o desenvolvemento de actividades de investigación colaborativas entre grupos de investigación que axuden a desenvolver os obxectivos das liñas estratéxicas da Universidade.

CAPÍTULO IV

Outras formas de creación e de transmisión do coñecemento

Sección 1ª. Transferencia

Artigo 104. Transferencia

A transferencia é o exercicio de trasladarlle á sociedade o coñecemento xerado na Universidade, ao servizo da cidadanía, da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico.

Sección 2ª. Extensión universitaria

Artigo 105. Extensión universitaria

A Universidade de Vigo desenvolverá actividades de extensión universitaria, dirixidas a todos os membros da comunidade universitaria e á sociedade en xeral, que terán como finalidade:

a) Procurar a formación integral dos membros da comunidade universitaria mediante a programación e a organización de cursos, conferencias e todo tipo de actividades culturais, recreativas e deportivas que poidan contribuír á mellor realización deste obxectivo.

b) Potenciar os diversos grupos e asociacións universitarios que desenvolvan actividades estudantís, culturais e deportivas.

c) Proxectar as funcións e os servizos da Universidade ao contorno social.

d) Atender especialmente a defensa, desenvolvemento e difusión da cultura galega, promovendo as actividades e os servizos que contribúan a este fin e mantendo as relacións necesarias coas institucións que teñan o mesmo obxectivo.

Sección 3ª. Divulgación

Artigo 106. Divulgación

A Universidade recoñecerá e impulsará as obras de divulgación científica de calidade e as actividades de fomento da cultura científica na sociedade desenvolvidas polos seus grupos de investigación e os seus investigadores ou investigadoras individuais.

TÍTULO IV

Réxime económico e financeiro da universidade

Artigo 107. Autonomía económica e financeira

A Universidade de Vigo goza de autonomía económica e financeira de acordo co establecido pola lexislación e disporá dos recursos suficientes para desempeñar as súas funcións.

Os poderes públicos garantirán a súa efectividade.

Artigo 108. Patrimonio

1. O patrimonio da Universidade de Vigo está constituído polo conxunto dos seus bens, dereitos, accións e obrigas.

A Universidade de Vigo é titular dos bens de dominio público afectos ao cumprimento das súas funcións.

Incorporaranse ao patrimonio as doazóns e os recursos que procedan con cargo a convenios, contratos e proxectos de investigación.

2. A Universidade de Vigo manterá actualizado un inventario do seu patrimonio. As normas para xestionar o inventario desenvolveranse a través dun regulamento.

Artigo 109. Administración e disposición de bens

A administración e a disposición dos bens da Universidade de Vigo de dominio público e os patrimoniais axustaranse á lexislación vixente.

Os acordos de desafectación dos bens de dominio público e os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da Universidade corresponderanlle ao Consello de Goberno e deberán ser aprobados polo Consello Social de acordo coas normas que regulan esta materia.

Artigo 110. Tipos de recursos

A Universidade de Vigo, para cumprir os seus fins, contará cos seguintes recursos:

a) Transferencias, tanto as correspondentes ao plan de financiamento das universidades galegas aprobadas pola comunidade autónoma coma calquera outra da Administración central, autonómica, local ou europea; así como de calquera outra entidade pública ou privada.

b) Prezos públicos, tanto os importes de matrículas oficiais e titulacións propias aboadas polos alumnos e alumnas coma as compensacións que deban realizar as diferentes administracións en conceptos de bolsas, axuda familiar etc., sempre que sexan consecuencia da minoración do prezo que teñan que pagar os e as estudantes.

c) Rendementos do patrimonio, inclúense os referidos a alugamentos de edificios, locais, instalacións deportivas, canons, etc.

d) Ingresos por contratos realizados ao abeiro do establecido no artigo 83 da LOU excluído o IVE.

e) Remanentes de tesouraría que se consideren de «libre disposición» segundo a definición que establece o Plan xeral de contabilidade pública.

f) Todos os recursos de carácter económico que lle permitan á Universidade financiar o seu orzamento de gastos, tales como doazóns, herdanzas etc.

Artigo 111. Programación económica

A Universidade de Vigo, dentro do marco establecido pola comunidade autónoma, elaborará programacións plurianuais.

O Consello de Goberno será o encargado de elaborar a proposta de programación plurianual que aprobará o Consello Social.

Artigo 112. Orzamento

1. O orzamento da Universidade, como Administración pública, será único, anual, público e equilibrado. Conterá a totalidade dos ingresos e dos gastos, así como os obxectivos que acadará.

2. Presentaranse separadamente as previsións de ingresos das dotacións de créditos para gastos:

a) As previsións de ingresos presentaranse clasificadas segundo a natureza económica dos ingresos previstos, unha vez incluído o remanente do exercicio anterior. Presentaranse distinguindo as previsións correntes das de capital.

b) Os créditos para o gasto presentaranse en función da clasificación funcional, orgánica e económica deles; os créditos para operacións correntes e os créditos para operacións de capital, de forma separada.

Artigo 113. Control interno

A Universidade de Vigo garantirá o control interno da súa xestión económica e financeira.

O Servizo de Control Interno adscrito a Xerencia realizará o control interno.

Artigo 114. Contratación

O órgano de contratación da Universidade de Vigo será a reitora ou reitor, ao estar facultado para asinar, en nome e en representación daquela, toda clase de contratos.

TÍTULO V

Reforma dos estatutos

Artigo 115. Iniciativa

A iniciativa para reformar os presentes estatutos corresponde:

a) Á reitora ou reitor.

b) Ao Consello de Goberno.

c) A un 25 %, polo menos, dos e das claustrais.

Artigo 116. Procedemento

A través do Regulamento de réxime interno do Claustro Universitario establecerase o procedemento para reformar os estatutos.

Artigo 117. Aprobación

1. A aprobación polo Claustro das propostas de reforma dos estatutos requirirá, en primeira votación, o voto favorable da maioría absoluta do Claustro, ou dos dous terzos de claustrais presentes na segunda votación, sempre que o número destes sexa igual ou superior á metade dos membros do Claustro.

2. No caso de que se trate de reformas técnicas como consecuencia da adaptación ao ordenamento xurídico, bastará coa maioría simple.

Artigo 118. Publicación

A reforma aprobada enviaráselle ao órgano competente da Xunta de Galicia para que o aprobe e, de ser o caso, o publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición adicional única. Esgotamento da vía administrativa

1. As resolucións do reitor ou reitora e os acordos do Consello Social, do Consello de Goberno e do Claustro Universitario esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente ante os tribunais de xustiza de acordo coa lexislación vixente.

2. As resolucións dos restantes órganos non esgotan a vía administrativa e son susceptibles dun recurso de alzada ante o reitor ou reitora.

3. No procedemento de resolución de recursos administrativos de alzada será necesaria a emisión previa do informe da Asesoría Xurídica da Universidade.

Disposición transitoria primeira. Desenvolvemento regulamentario

1. A partir da entrada en vigor destes estatutos e sempre que as disposicións legais o permitan, a Universidade adaptará aos seus contidos toda a súa normativa interna. Ata a entrada en vigor destes novos regulamentos, seguirán vixentes os actuais no que non contradigan a lexislación vixente e os presentes estatutos. O Consello de Goberno realizará as adaptacións oportunas de xeito provisional cando sexa necesario.

2. As adaptacións de todas as normas regulamentarias expresamente establecidas nestes estatutos deberán realizarse nun período de vinte e catro meses desde a súa entrada en vigor.

Disposición transitoria segunda. Órganos unipersoais e colexiados

1. O establecido no título I é aplicable a todos os órganos unipersoais e colexiados desde o momento de entrada en vigor destes estatutos. No entanto, as persoas titulares e integrantes destes órganos continuarán ata finalizar os seus mandatos. Ata que ese momento chegue, seguiranse aplicando transitoriamente as normas reguladoras da composición dos órganos colexiados vixentes cos estatutos aprobados no ano 2010.

2. O Tribunal de Garantías seguirá transitoriamente desenvolvendo as súas funcións ata que expire o vixente mandato dos seus membros, momento a partir do cal empezarán a ter efecto os artigos destes estatutos, reguladores da figura do valedor ou valedora universitaria.

3. Para designar a vicerreitora ou vicerreitor que substitúa a reitora ou o reitor, no caso da súa vacante, ausencia ou enfermidade con anterioridade á ela, como indica o artigo 28, atenderase ao disposto na resolución reitoral de delegación de competencias vixente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións ditadas polos órganos desta universidade, calquera que sexa o seu rango, que se opoñan ao disposto nestes estatutos.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.