Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2018 Páx. 52019

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de novembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación dun terreo adquirido pola comunidade de Pino, propietaria do monte veciñal en man común Corva, no concello de Cospeito (expediente 71/79).

Na sesión celebrada polo xurado o día 8 de novembro de 2018, figura o seguinte acordo:

Monte Corva (expediente 71/79), pertencente aos veciños da parroquia de Pino no termo municipal de Cospeito. O día 21 de marzo de 2018, ten rexistro de entrada un escrito de José Manuel Pena Regueiro, como presidente da comunidade de Pino, mediante o que se solicita a incorporación ao monte veciñal da parcela 27015A039002590000SE, adquirida por compra e autorizada por resolución do director xeral de Ordenación Forestal do 16 de novembro de 2017. O artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, establece: «As adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos». Dado traslado do devandito escrito e documentación achegada, o Servizo de Montes, o 11 de outubro de 2018, emite un informe (núm. 28/18) no que se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da incorporación, quedando o monte Corva cunha superficie de 88 hectáreas.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común o terreo adquirido, nas condicións establecidas pola Lei 7/2012, e proceder ás oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 23 de novembro de 2018

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo