Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 21 de novembro de 2018 Páx. 49738

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 31 de outubro de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, da LAT 132 kV subestación PE Carracedo-Ap número 16 LAT 132 kV Ap número 35 LAT subestación Mondoñedo-subestación Meira a subestación PE Farrapa I, Farrapa II, Neda, no concello da Pastoriza (Lugo), promovido pola sociedade Norvento Estelo, S.L.U. (IN407A 2017/2-0).

En cumprimento do disposto no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 31 de outubro de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, da LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II, Neda, no concello da Pastoriza (Lugo), promovida pola sociedade Norvento Estelo, S.L.U. (IN407A 2017/2-0).

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 31 de outubro de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, da LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II, Neda, no concello da Pastoriza (Lugo), promovida pola sociedade Norvento Estelo, S.L.U. (IN407A 2017/2-0).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L.U. (en diante, Norvento), e actualmente promovido por Norvento Estelo, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II, Neda (en diante, LAT PE Carracedo), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 11.10.2017 Norvento solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a LAT PE Carracedo.

Segundo. O 7.11.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou sobre os organismos, sen prexuízo doutros que o órgano substantivo considere oportunos, a que se debería consultar sobre o estudo de impacto ambiental da LAT PE Carracedo, durante a tramitación do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Terceiro. O 24.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, Norvento solicitou a tramitación do expediente do parque eólico Carracedo e o das súas infraestruturas de evacuación de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Cuarto. Por Resolución do 30 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, someteuse a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, de declaración de impacto ambiental e declaración de utilidade pública, en concreto, da LAT PE Carracedo. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.1.2018 e no xornal El Progreso do 12.1.2018, e estivo exposta na mencionada dirección xeral, na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, a Xefatura Territorial) e no concello afectado (A Pastoriza), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o mencionado período de información pública presentáronse as seguintes alegacións: María Isabel Piñeiro Requeijo, o 17.1.2018, Patricio Grandío Paz, o 17.1.2018, e Néstor Torre Arias, en representación de Explotaciones Mineras Gallegas, S.L., o 28.2.2018. A seguir resúmese o contido destas alegacións:

– Erros na titularidade e no tipo de cultivo dalgunha das parcelas incluídas na relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

– Explotaciones Mineras Gallegas, S.L. manifesta que é titular da concesión de explotación Mondoñedo Fracción 2ª nº 5530.2, e solicita que se teña en conta a existencia desta explotación mineira a fin de evitar danos e perdas, posto que se atopa en activo con máis de trinta traballadores.

Quinto. O 7.12.2017 Norvento solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico Carracedo e as súas infraestruturas de evacuación. O 21.12.2017 o Consello da Xunta declarou de interese especial o proxecto do parque eólico Carracedo e o da súa liña de evacuación.

Sexto. Mediante oficios do 8.3.2018, e de acordo co disposto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas efectuou o trámite de audiencia ás comunidades de montes veciñais de Carracedo e Rioseco e de Xemil. No prazo outorgado para o efecto non se recibiron alegacións.

Sétimo. O 13.3.2018 a Xefatura Territorial informou de que non existen dereitos mineiros en vigor dentro do espazo físico do trazado da LAT PE Carracedo.

Oitavo. O 14.3.2018 a Xefatura Territorial informou, en relación co disposto nos artigos 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que non se aprecia limitación para a expropiación dos terreos e imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica nas parcelas que se describen na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto.

Noveno. O 19.3.2018 a Xefatura Territorial emitiu un informe técnico favorable sobre o proxecto da LAT PE Carracedo.

Décimo. Mediante oficio do 12.9.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal remitiu o informe emitido o 30.4.2018 polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo primeiro. O 15.10.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a transmisión da titularidade, así como a subrogación nos correspondentes dereitos e obrigas, de varios parques eólicos e da LAT PE Carracedo de Norvento, S.L.U. a favor de Norvento Estelo, S.L.U.

Décimo segundo. O 26.10.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa á LAT PE Carracedo.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo IV do título II da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como na demais normativa de aplicación. Así mesmo, cumpríronse as disposicións establecidas na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que resultan de aplicación a este procedemento, en virtude da disposición adicional terceira da mesma lei.

Terceiro. En relación coas alegacións mencionadas no antecedente de feito cuarto, visto o seu contido e as respostas efectuadas por Norvento, cómpre manifestar que se tiveron en conta todas as manifestacións e documentos achegados polos alegantes para acreditar a titularidade e tipo de cultivo dalgunhas das parcelas afectadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características, así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

No que se refire á alegación sobre a explotación mineira Mondoñedo Fracción 2ª nº 5530.2, maniféstase que tal e como informou a Xefatura Territorial o 13.3.2018, o trazado da LAT PE Carracedo non afecta ningún dereito mineiro en vigor. Do informe despréndese que parte do trazado da liña transcorre próximo ao límite sur da área correspondente á mencionada explotación pero polo exterior desta.

De acordo con todo o que antecede, no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia

ACORDA:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa a Norvento Estelo, S.L.U. para a LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II y Neda, no concello da Pastoriza (Lugo).

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da LAT PE Carracedo, composto polo documento proxecto de execución LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II y Neda. Xullo 2017, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Pablo Fernández Castro (colexiado nº 985/201).

As características principais das instalacións recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento Estelo, S.L.U.

Denominación: LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II, Neda.

Finalidade: evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Carracedo.

Municipio afectado: A Pastoriza (Lugo).

Orzamento de execución material: 448.134,18 euros.

Características técnicas:

– Liña eléctrica aérea en simple circuíto, en condutor LA-180, cunha tensión nominal de 132 kV e unha capacidade de transporte de 98,77 MW.

– A liña eléctrica ten unha lonxitude total de 4.888 metros, con orixe na subestación do PE Carracedo e final no apoio 16 da LAT a 132 kV apoio nº 35 da LAT a 132 kV sub. Mondoñedo a sub. Meira-sub. PE Farrapa I, Farrapa II e Neda.

– Apoios tipo torre metálica de celosía con illadores de vidro temperado U-100-BS/U-70-BS.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións da LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II, Neda, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a prevalencia da utilidade pública da LAT 132 kV sub. PE Carracedo-Ap nº 16 LAT 132 kV Ap nº 35 LAT sub. Mondoñedo-sub. Meira a sub. PE Farrapa I, Farrapa II, Neda sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, de conformidade co informe do Servizo de Montes de Lugo do 30.4.2018, remitido pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal o 12.9.2018, a que fai referencia o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento Estelo, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración correspondente á fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 4.839 euros.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento e abandono das instalacións.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

6. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a Xefatura Territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións Norvento Estelo, S.L.U. deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña eléctrica.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

10. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.