Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2018 Páx. 44926

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 121/2018, do 20 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Bande, de todo o dominio público, con excepción da calzada e das beiravías, correspondente aos treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+690 da estrada OU-411 e os puntos quilométricos 27+670 e 28+160 da estrada OU-301.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada OU-411 reúne características urbanas no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+420, existindo beirarrúas por algunha das súas marxes entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+690.

A estrada OU-301 ten características urbanas e existen beirarrúas nalgúns puntos entre os puntos quilométricos 27+670 e 28+160.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, correspondente aos treitos indicados no parágrafo anterior.

O Concello de Bande achega a súa conformidade ao cambio de titularidade proposto o día 21.3.2018.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Bande de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, correspondente aos treitos:

– O situado entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+690 da estrada autonómica
OU-411 Bande (OU-540)-Agra (OU-801).

– O situado entre os puntos quilométricos 27+670 e 28+160 da estrada autonómica
OU-301 Xinzo (N-525)-Bande (OU-540).

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013 do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Bande deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Bande, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda