Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2018 Páx. 44924

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 120/2018, do 6 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da PO-531 na Devesa, segunda fase, clave PO/17/001.06, no concello de Pontevedra.

Antecedentes:

Primeiro. O día 21 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 241) o Anuncio do 12 de decembro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da PO-531 na Devesa, segunda fase, clave PO/17/001.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, certificados e informes presentados, o 14 de agosto de 2018 aprobouse o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da PO-531 na Devesa, segunda fase, clave PO/17/001.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto mellorar a estrada PO-531, xa que presenta unha intensidade media diaria de tráfico moi alta, e ademais atravesa e dá acceso a varios núcleos de poboación e a polígonos industriais dos municipios de Pontevedra e Barro. Todo isto provoca continuos cruces de vía, risco de accidentes de tráfico e inseguridade viaria. Este proxecto contempla a mellora da seguridade viaria no treito comprendido entre os puntos quilométricos 6+500 e 7+250, no núcleo da Devesa.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do apartado dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da PO-531 na Devesa, segunda fase, clave PO/17/001.06.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda