A representante da entidade Eleven School, S.L. solicita a modificación da autorización temporal do centro privado Eleven School, de Vigo, para incrementar a ensinanza a Year 6 (de 10 a 11 anos de idade).
Conforme a Orde do 11 de setembro de 2017 autorízase, con carácter temporal, o centro privado estranxeiro Eleven School, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 5 (de 9 a 10 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales.
O centro achega o certificado de acreditación do British Council, con validez ata o 28 de maio de 2019, para un máximo de 110 alumnos/as desde o curso de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 6 (de 10 a 11 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra, ensinanzas que se corresponden co segundo ciclo da educación infantil e primeiro, segundo, terceiro, cuarto e quinto de educación primaria do sistema educativo de España.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, de 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización temporal
Modificar a autorización, con carácter temporal, do centro privado estranxeiro Eleven School, para impartir as ensinanzas de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata o curso de Year 6 (de 10 a 11 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra.
Os datos do centro son os que se detallan a seguir:
Denominación xenérica: centro privado estranxeiro.
Denominación específica: Eleven School.
Código do centro: 36024963.
Titular: Eleven School, S.L.
Enderezo: Camiño Real, nº 10, Parada.
Parroquia: Matamá (San Pedro).
Concello: Vigo.
Código postal: 36213.
Provincia: Pontevedra.
Ensinanzas que se autorizan con carácter temporal:
Desde o curso de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 6 (de 10 a 11 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra.
Alumnado: español e estranxeiro.
Número de postos escolares: 110.
Artigo 2. Inicio da actividade
O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil.
Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.
Artigo 3. Requisitos do profesorado
O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no punto anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.
A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.
Artigo 4. Validez da autorización temporal
A autorización temporal a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata o 28 de maio de 2019, conforme o certificado emitido polo British Council. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada Británica.
Artigo 5. Inscrición no rexistro
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Modificación da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria