Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2018 Páx. 43878

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Verín

EDICTO (254/2017).

Damián Vega de las Heras, letrado da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Verín, certifico que neste xulgado se tramitan autos de garda e custodia número 254/2017 nos cales se ditou a seguinte:

«Sentenza

En Verín o 14 de xuño de 2018. Vistos por Raquel Arias Martínez, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Verín e o seu partido, os presentes autos de xuízo verbal seguidos ante este xulgado baixo o número 254/2017 por instancia de Montserrat Prieto Fernández, representada polo procurador dos tribunais Antonio Álvarez Blanco e coa asistencia letrada de Mónica Rodríguez Pérez, contra Roi Francisco Barreira, declarado en situación de rebeldía procesual. Tamén foi parte o Ministerio Fiscal en defensa dos intereses da menor.

(Seguen antecedentes de feito e fundamentos de dereito)

Fallo

Con estimación da demanda interposta polo procurador dos tribunais Antonio Álvarez Blanco, en nome e representación de Montserrat Prieto Fernández fronte a Roi Francisco Barreira, debo acordar as seguintes medidas definitivas:

A) Atribúese á nai a garda e custodia da menor Mireya, que queda suxeita á patria potestade compartida de ambos os proxenitores.

B) Sinálase o seguinte réxime de visitas a favor do pai, en defecto de acordo entre os proxenitores:

– Dúas tardes en fins de semana alternos, sábados e domingos, desde as 16.00 horas ata as 20.00 horas. As ditas visitas realizaranse baixo a supervisión e presenza da nai da menor ou baixo a supervisión e presenza da persoa que autorice a proxenitora. As entregas e recollidas realizaranse no domicilio materno en que a menor conviva coa súa nai.

– O pai poderá comunicarse coa súa filla cando se ache en compañía do outro proxenitor, por calquera medio, sempre que iso sexa en horas oportunas e non interfira no desenvolvemento normal da vida escolar e privada da menor.

– Ademais aqueles días que supoñan un acontecemento importante ou especial para cada proxenitor, a filla estará en compañía do pai ou da nai segundo corresponda en cada caso. Por acontecementos especiais entenderanse as vodas propias ou de familiares, así como os bautizos ou comuñóns de familiares respectivos. A estancia comprenderá o día do acontecemento en cuestión e o período de tempo indispensable para a realización dos desprazamentos necesarios. As ditas visitas realizaranse baixo a supervisión e presenza da nai da menor ou baixo a supervisión e presenza da persoa que autorice a proxenitora.

C) Establécese en concepto de pensión alimenticia para a menor a cantidade de 120 euros mensuais con cargo ao pai e que se aboará por mensualidades anticipadas dentro dos 7 primeiros días de cada mes na conta corrente que a nai designe, e que se actualizará anualmente de conformidade co incremento que experimente o IPC que anualmente publique o Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa, se é o caso. A pensión será pagadoira 12 meses ao ano, por mensualidades anticipadas, e con efectos desde a data de interposición da demanda.

Os gastos extraordinarios, entre os que se atopan os gastos médicos non cubertos pola Seguridade Social, aboaranse ao 50 % entre ambos os proxenitores.

Non se fai declaración en materia de custas procesuais.

Notifíquese a presente sentenza ás partes e contra ela cabe recurso de apelación, que se interpoñerá ante este xulgado dentro do prazo de vinte días contados desde o día seguinte ao da notificación desta sentenza logo da constitución dun depósito de 50 euros, recurso que será resolto pola Audiencia Provincial de Ourense.

Así por esta miña sentenza, pronúncioa, mándoa e asínoa».

E para que conste e sirva de notificación a Roi Francisco Barreira, en ignorado paradoiro, expido e asino o presente.

Verín, 7 de setembro de 2018

O letrado da Administración de xustiza