Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 14 de agosto de 2018 Páx. 37930

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de xuño de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal da Laracha para a recualificación de dúas parcelas dotacionais.

O Concello da Laracha remitiu a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta subscrita pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, obsérvase:

I. Antecedentes.

1. O Concello da Laracha dispón na actualidade dun PXOM que foi aprobado definitivamente polo concello Pleno do 30.6.2003.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 1.6.2017 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico no 18.7.2017 e resolveu non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Contestaron, ademais da DXOTU:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 15.7.2017, indicando que a modificación non producirá efectos significativos na paisaxe.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 30.6.2017 indicando que a modificación non terá impacto nas súas actividades.

O 30.6.2017 o Servizo de Montes da Consellería de Medio Rural emitiu un informe que non obxecta nada á tramitación da modificación.

4. A arquitecta técnica municipal e a secretaria do Concello emitiron cadanseu informe previo á aprobación inicial da modificación o 28.8.2017.

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 31.8.2017. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 8.11.2017 e o Diario Oficial de Galicia do 3.11.2017), sen que fosen presentadas alegacións.

6. Canto aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos límítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe do trámite o 30.5.2017, e constan:

a) Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 2.10.2017, de non necesidade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

b) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 4.12.2017, sen obxeccións.

c) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 9.11.2017, favorable.

d) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, sen que fose emitido.

e) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Arteixo, Carballo, Cerceda e Culleredo. Respondeu unicamente o de Arteixo o 9.11.2017, sen obxeccións.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, consta:

a) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio: informe do 19.10.2017, favorable.

b) Delegación do Goberno: escrito do 24.10.2017 en que se manifesta que non se observa incidencia no Inventario de bens e dereitos do Estado.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 13.9.2017, favorable.

8. A arquitecta técnica municipal e a secretaria do Concello emiten informe conxunto no 19.3.2018, favorable á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 26.4.2018.

10. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 10.5.2018, xunto con documentación administrativa e proxecto aprobado provisionalmente redactado polos arquitectos Ángel Luis Monteoliva Díaz, Silvana Lema Castiñeira e Íñigo de Miranda Osset.

11. Requirida a emenda das deficiencias observadas na documentación (artigo 60.14 da LSG) mediante escrito do 30.5.2018, o Concello remitiu novo exemplar do proxecto aprobado provisionalmente, coa dilixencia correspondente.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta a un quinteiro formado por dúas parcelas estremeiras situadas no núcleo urbano de Caión (antigo campo de fútbol) dentro do ámbito do solo urbano non consolidado AR-C1 e rodeadas de espazos libres e viarios públicos. Trátase de:

a) Parcela de 210 m2 de sistema local de equipamento privado administrativo.

b) Parcela de 210 m2 de sistema xeral de equipamento público de uso sanitario.

2. O solo urbano non consolidado AR-C1 conta con estudo de detalle aprobado definitivamente o 7.7.2006; proxecto de equidistribución (AD 4.5.2007) e proxecto de urbanización (AD 1.2.2008) (punto 3.1 da memoria da modificación).

3. A parcela de equipamento administrativo privado foi cedida pola Confraría de Pescadores de Caión ao Concello da Laracha para equipamento comunitario (escritura pública do 23.3.2017, punto 3.2 da memoria da modificación).

4. A modificación ten por obxecto incorporar á ordenación urbanística xeral o cambio de titularidade da parcela dotacional, e ordenar o conxunto das dúas parcelas dotacionais baixo unha única cualificación de sistema xeral de equipamento público para uso cultural e administrativo (punto 4.1 da memoria), e supón:

a) Incremento de 210 m2 da superficie destinada a sistema xeral de equipamentos.

b) Redución da mesma contía do sistema local de equipamento de titularidade privada, que non incide no cómputo para o cumprimento dos estándares de dotacións urbanísticas ao ser un uso dotacional privado.

c) Redución da superficie edificable lucrativa permitida.

III. Análise e consideracións.

Analizado o documento, en relación coas observacións formuladas pola DXOTU no 1.6.2017 e as alteracións que supón o proxecto aprobado provisionalmente, obsérvase:

1. O incremento da contía do sistema xeral de equipamentos públicos pode considerarse como razón de interese público suficiente para xustificar a modificación.

2. A ficha modificada da área AR-C1 recolle a alteración do aproveitamento lucrativo, avaliada en 420 m2 edificables e o novo aproveitamento tipo da área de repartición.

3. A modificación está incluída no ámbito do Plan de ordenación do litoral de Galicia aprobado polo Decreto 20/2011, mais ao tratarse dun ámbito de solo urbano con proxecto de equidistribución aprobado, non lle é de aplicación (artigo 96.2 POL).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

Resolvo:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 6 do PXOM da Laracha para a recualificación de parcelas dotacionais.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

 Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio