Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 14 de agosto de 2018 Páx. 37926

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 21 de xuño de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros para a corrección do ámbito de protección do elemento protexido B-42.

O Concello de Oleiros remitiu a modificación puntual referida, en solicitude de aprobación definitiva ao abeiro do previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (en diante, RLSG), aprobado polo Decreto 143/2016.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello e vista a proposta subscrita pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros conta cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM), con aprobación definitiva parcial condicionada pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11 de marzo de 2009 (DOG do 17 de abril) cun documento complementario aprobado pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 11 de decembro de 2014 (DOG do 26 de xaneiro de 2015).

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, o 25.10.2016, informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico no 3.11.2016 resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Nese proceso, contestaron, ademais da SXOTU:

- A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que considera axeitada a modificación, xa que salvagarda os valores culturais dos bens e contornos de protección.

- O Instituto de Estudos do Territorio, que considera que o cambio de ordenanza proposto non provocará unha incidencia paisaxística significativa.

4. Consta informe xurídico da secretaria accidental, do 20.3.2017, favorable á aprobación inicial da modificación (artigo 60.6 da LSG).

5. A modificación foi aprobada inicialmente polo Pleno municipal o 30.3.2017 e sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 26 de abril de 2017 e Diario Oficial de Galicia do 2 de maio). Segundo certificado municipal do 2.11.2017, non consta a presentación de ningunha alegación.

6. No que atinxe aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite:

a) Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 9.6.2017.

– Instituto de Estudos do Territorio: informe do 27.7.2017.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 30.8.2017, favorable condicionado á delimitación dun contorno do elemento B-42 que abranga o predio 1.

b) Foi solicitado o informe da Dirección Xeral de Augas de Galicia, sen que fose emitido, polo que se entende emitido en sentido favorable.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Responderon os concellos de Cambre o 30 de xuño de 2017 e A Coruña o 4 de xullo de 2017, sen obxeccións á modificación.

7. Consta informe xurídico municipal da coordinadora de servizos urbanísticos do 21.11.2017, favorable á aprobación provisional da modificación (artigo 60.13 da LSG).

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello pleno do 30.11.2017.

9. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 13.12.2017 xuntando documentación administrativa e proxecto aprobado inicialmente e proxecto aprobado provisionalmente, dilixenciados, redactados polos arquitectos Ángel Luis Monteoliva Díaz, Silvana Lema Castiñeira e Íñigo de Miranda Osset.

10. O 17.1.2018 requiriuse ao Concello a emenda das deficiencias observadas na documentación (artigo 60.14 da LSG), atendidas mediante escrito do 15.5.2018 co informe emitido pola Dirección Xeral de Aviación Civil do 8.5.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

O obxectivo da modificación puntual é modificar o ámbito de protección do elemento B-42 do Catálogo de bens culturais, coa intención de corrixir un erro producido durante a tramitación do vixente plan xeral, no cal foi incorporada ao ámbito de protección unha parcela que carece de valor e que é allea e independente do predio que ten realmente o valor protexido. O alcance da modificación sintetízase nos seguintes aspectos:

– Modificación da cualificación urbanística do predio 1, con referencia catastral 5581701NH5958S, que pasa de estar cualificada coa Ordenanza 6 á Ordenanza 2B. Substitúese o plano de ordenación urbanística nº 2, folla 32B, a escala 1/2.000.

– Modificación do ámbito de protección do elemento B-42, predio da Villa María del Carmen, que se limita ao predio 2 con referencia catastral 5581702NH5958S, mais dentro das aliñacións propostas no plan. Substitúese a ficha B-42 do Catálogo de bens culturais.

III. Análise e consideracións

As razóns de interese público da modificación (artigo 83.1 da LSG) susténtanse na procura da mellora da ordenación do PXOM en relación coa protección do patrimonio cultural. No que se refire á modificación na protección do elemento catalogado, consta informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural favorable á modificación.

O contorno de protección do elemento catalogado B-42, abrangue o predio 1 (área de respecto delimitada na ficha do catálogo modificada).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Oleiros para a corrección do ámbito de protección do elemento protexido B-42.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio