Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 14 de agosto de 2018 Páx. 37936

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de xullo de 2018 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de máster universitario nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2018/19.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Polo Real decreto 1393/2007, de 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, dispoñendo no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante Acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma farase mediante orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente, terá que ser informado polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

Logo de ser autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de extinción que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión ordinaria do 28 de maio de 2018, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das Universidades da Coruña (UDC), Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVIGO), para implantar determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2018/19, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario conxunto en Ciberseguridade, pola UDC e UVIGO autorizado pola presente orde.

2. Master universitario conxunto en Xeoinformática, pola UDC, USC e UVIGO autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Xeoinformática, autorizado para UDC e UVIGO pola Orde do 4 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 17 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4315281.

Artigo 2

Que se autorice a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2018/19, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario conxunto en Xeoinformática, pola UDC, USC e UVIGO autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Xeoinformática, autorizado para UDC e UVIGO pola Orde do 4 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 17 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4315281.

Artigo 3

Que se autorice a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2018/19, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario conxunto en Ciberseguridade, pola UDC e UVIGO autorizado pola presente orde.

2. Máster universitario conxunto en Xeoinformática, pola UDC, USC e UVIGO autorizado pola presente orde. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Xeoinformática, autorizado para UDC e UVIGO pola Orde do 4 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 17 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4315281.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria