Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2018 Páx. 33190

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2018 pola que se establecen as normas que rexerán a concesión das axudas destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018, segundo o Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

O pasado 23 de maio de 2018 produciuse a explosión de material pirotécnico na parroquia de Paramos en Tui. A magnitude da deflagración causou danos persoais, así como cuantiosos danos materiais. Para facerlles fronte, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 104, do 1 de xuño, o Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

No artigo 8 do citado decreto indícase que serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados pola explosión nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social, humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nas presentes normas.

A disposición derradeira primeira do citado decreto faculta os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público a ditar os actos e as medidas necesarios para a súa aplicación.

Esta resolución ten por obxecto fixar as normas para a xestión do procedemento de concesión direta das axudas do IGAPE para sufragar os gastos de reparación sufridos en establecementos comerciais, industriais turísticos e mercantís, derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui, o 23 de maio de 2018.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas do Igape para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais e mercantís, derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui, o 23 de maio de 2018, conforme o establecido no Decreto 55/2018, do 31 de maio (código de procedemento IG101A), que se xuntan a esta resolución como anexo I.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Ano 2018

09.A1-741A-7706

600.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos logo de declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas normas anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2018

Francisco José Conde López
Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas
do Instituto Galego de promoción económica (Igape) destinadas a sufragar
os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos
e mercantís, derivados da explosión de material pirotécnico producida
en Tui, o 23 de maio de 2018

Artigo 1. Obxecto

Estas normas teñen por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui, o 23 de maio de 2018.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta normas concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou da contía ou porcentaxe establecida nestas normas.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e condicións que se establecen nas presentes normas.

Artigo 4. Beneficiarios

1. As persoas físicas ou xurídicas, titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen os danos derivados directamente da explosión.

2. De conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018, as persoas beneficiarias das axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás o requisito sinalado na letra a) deste artigo.

Artigo 5. Actuacións subvencionables e contía das axudas

1. Serán obxecto de axuda os danos causados pola explosión nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados pola explosión nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

3. A contía da axuda será do 100 % do importe dos danos causados pola explosión conforme a valoración levada a cabo na peritación xudicial, cun límite máximo de 600.000 euros.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se xunta como anexo II a esta resolución.

Tamén se poderá presentar presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Xustifícase a non obrigatoriedade de presentación electrónica para as persoas xurídicas polas circunstancias excepcionais destas axudas de natureza catastrófica, xa que debido aos cuantiosos danos materiais causados pola explosión nos seus establecementos pódese presumir a non dispoñibilidade de ferramentas informáticas para a tramitación electrónica.

2. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido outras axudas, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou inter nacional, para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, ingreso e/ou recurso, deberá indicarse cales son e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, que lle sexa concedido para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración de non estar incurso na inhabilitación para a obtención das axudas previstas no artigo 10.2.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración da persoa solicitante de que é o titular do establecemento comercial, industrial, turístico ou mercantil e de cal é a súa relación co inmoble afectado (propiedade, aluguer, outra).

e) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

3. Xunto coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Título ou documento admisible en dereito que acredite a titularidade do solicitante co establecemento afectado.

c) Título ou documento admisible en dereito que acredite a vinculación do titular do establecemento co inmoble danado.

d) Copia da póliza de seguro ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os danos no establecemento danado non estaban asegurados.

A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Tamén se poderá presentar en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse preferiblemente por vía electrónica accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Opcionalmente tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE) da persoa solicitante.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A tramitación, instrucción e a formulación da proposta de resolución das solicitudes de axudas é competencia da Área de Financiamento do Igape. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 9. Resolución, notificación e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou inadmitirá a axuda solicitada. Na resolución estimatoria indicarase a persoa beneficiaria e o importe da axuda concedida.

Será causa de denegación da axuda o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas normas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar polos ditos medios.

Para as notificacións electrónicas os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución será dun mes, contado desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o dito prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. As solicitudes ditaranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada en rexistro do expediente completo.

5. A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas normas, se produza o acto presunto.

Artigo 10. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas, fóra dos casos permitidos nestas normas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

a) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse de forma inmediata ao seu coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o Igape, ás de control financeiro que correspondente á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Ceder ao Igape todas as accións de que dispoña a persoa beneficiaria para a reclamación das cantidades achegadas polo Igape ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito da persoa beneficiaria a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan a indicada axuda.

d) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

e) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 12. Pagamento da subvención

1. As axudas entenderanse concedidas en atención á situación, produto da situación de emerxencia excepcional en que se atope a persoa beneficiaria polo que, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non requerirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade do establecemento danado, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar este aspecto.

2. O aboamento da subvención realizarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria indicada na solicitude dentro dos quince (15) días hábiles seguintes ao da notificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para elo ou ocultando aquelas que o tivesen impedido.

c) Resistencia, excusa, obstrucción ou negativa ás actuacións de comprobación ou control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calesqueira administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, así como o incumprimento de calquera outra que resulte da normativa aplicable.

Artigo 14. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas normas na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 15. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia - Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes normas a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 16. Remisión normativa

En todo o non recollido nestas normas aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e no Decreto 55/2018, do 31 de maio.

missing image file
missing image file
missing image file