Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 20 de abril de 2018 Páx. 21439

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 38/2018, do 5 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada PO-546, situado entre o punto quilométrico 5+060 (límite municipal entre o concello de Marín e o concello de Pontevedra) e o punto quilométrico 7+040 (comezo da estrada PO-551, no pavillón da Escola Naval de Marín), a prol do Concello de Marín.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O concello de Marín é atravesado polas estradas autonómicas PO-313, PO-546, PO-551 e VG-4,4. A estrada PO-546 percorre o concello de Marín entre os pp.qq. 5+060 e 7+040. Este treito de estrada discorre por solo clasificado como urbano polo vixente Plan xeral de ordenación municipal do concello de Marín, polo que se trata dun treito urbano para efectos da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. O treito está integrado no tecido urbano do núcleo urbano de Marín. As marxes das vías están acoutadas polas edificacións e conta con múltiples accesos a rúas municipais.

A continuidade co resto da rede autonómica manteríase a través da estrada VG-4.4 (Lourizán (PO-12)-Ardán (PO-551) que circunvala o núcleo urbano de Marín.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada PO-546 situado entre o p.q. 5+060 (límite municipal entre o concello de Marín e o concello de Pontevedra) e o p.q. 7+040 (comezo da estrada PO-551 no pavillón da Escola Naval de Marín), a prol do Concello de Marín.

O Concello de Marín acepta a transferencia de titularidade coa sinatura do convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para levar a cabo o acondicionamento da estrada PO-546 Humanización da rúa Concepción Arenal entre a rotonda das Áncoras e a rúa de Cantodarea.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín:

– Treito da estrada PO-546 situado entre o p.q. 5+060 (límite municipal entre o concello de Marín e concello de Pontevedra) e o p.q. 7+040 (comezo da estrada PO-551 no pavillón da Escola Naval de Marín).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Marín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Marín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda