Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 20 de abril de 2018 Páx. 21442

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Baiuca Verdescente.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Baiuca Verdescente aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

Primeiro. María de las Nieves López-Neira de la Torre, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Baiuca Verdescente foi constituída en escritura pública outorgada en Las Palmas de Gran Canaria o 13 de outubro de 2017, ante o notario Francisco Barrios Fernández, co número 1.636 do seu protocolo, pola entidade Promociones Bayuca, S.A.U., representada para este acto por María de las Nieves López-Neira de la Torre.

Esta escritura foi aclarada por outra outorgada ante o mesmo notario, en Las Palmas de Gran Canaria o 23 de novembro de 2017, co número 1.871 do seu protocolo.

Terceiro. A Fundación Baiuca Verdescente, segundo establece o artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

– A promoción, fomento e difusión da cultura galega, considerada polo seu patrimonio arquitectónico, tradicións e historia e, especialmente, os aspectos relacionados co Camiño de Santiago e a Ruta do Románico en Galicia, dentro do ámbito territorial correspondente aos termos municipais de Silleda (Pontevedra) e Boqueixón (A Coruña).

– A cooperación ao desenvolvemento sustentable do espazo rural de Galicia e, concretamente, nos termos municipais de Silleda (Pontevedra) e Boqueixón (A Coruña), a partir dos seus propios recursos naturais, paisaxísticos, económicos e culturais. De forma xeral, fomentar a diversificación da actividade económica en consonancia con aqueles recursos e, en especial, promocionar a agricultura ecolóxica, co obxectivo de mellorar as condicións de vida no contorno.

– A atención, formación, orientación ou calquera outra forma de intervención na problemática xerada por calquera tipo de exclusión social nos contornos rurais sinalados.

– A promoción e realización de actividades de interese educativo, cultural, científico, deportivo, sanitario, de fomento da economía social, de conservación do ambiente, de promoción do voluntariado ou outras de análogo interese humano e social, no ámbito territorial descrito.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade da fundadora; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por María de las Nieves López-Neira de la Torre como presidenta, Nieves de la Torre Gómez, Ramón López-Neira de la Torre e a entidade Promotora Bayuca, S.A.U., como vogais.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Baiuca Verdescente, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, pola Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 20 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 65, do 4 de abril), clasificouse de interese cultural a Fundación Baiuca Verdescente, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Baiuca Verdescente, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Baiuca Verdescente.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria