Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 9 de abril de 2018 Páx. 19264

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2018 pola que se modifican a Resolución do 29 de xuño de 2017 de delegación de competencias e a Resolución do 5 de xullo de 2010 pola que se fai pública a composición e o funcionamento da mesa de contratación permanente desta universidade.

Coa Resolución do 29 de xuño de 2017 (DOG núm. 130, do 10 de xullo) establecíase a estrutura do equipo de goberno da Universidade de Vigo e acordábase a delegación dalgunhas das competencias que tiña atribuídas o reitor.

Entre estas competencias incluíase aquela que o artigo 160 dos estatutos da Universidade de Vigo lle asigna ao reitor respecto ao exercicio por este das competencias que a lexislación en materia de contratación lle encomenda ao órgano de contratación.

Así, a competencia nesta materia era delegada na Xerencia (punto IV.11.d), na dirección da Biblioteca (punto V.12.a) e b), na Xefatura do Servizo de Extensión Universitaria (punto V.13.a) e b) e nos administradores e administradoras (punto V.14.a), b), c) e d).

Mediante a Resolución do 5 de xullo de 2010 (DOG núm. 140, do 23 de xullo) establecíase a composición permanente da mesa de contratación da Universidade de Vigo e fixábanse as súas normas de funcionamento.

O 9 de marzo de 2018 entrou en vigor a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, LCSP). Nesta lei suprímese como procedemento de adxudicación o procedemento negociado sen publicidade por razón de contía e créase un novo procedemento denominado aberto simplificado, tramitación reducida. Así mesmo, e respecto tanto da composición como do funcionamento da mesa de contratación, a lei establece unha serie de limitacións en canto ás persoas que poden integrar esta ou emitir informes.

Polo tanto, faise necesario modificar as anteditas resolucións co obxecto de acomodar tanto a composición da mesa de contratación como as competencias delegadas nesta materia ao novo marco xurídico creado pola referida lei.

Por todo o anteriormente exposto, acórdase ditar a seguinte resolución:

Primeiro. Modifícanse os puntos V.12, V.13 e V.14.a) da Resolución do 29 de xuño de 2017 de delegación de competencias, nos termos que se indican a seguir, e engádese un novo punto VI:

– Amplíanse as competencias da Dirección da Biblioteca en materia de contratación, a través da adición de dúas novas alíneas c) e d) ao punto V.12 redactadas do seguinte xeito: «c) Tramitar os contratos de subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes»; «d) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade con unha ou con varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes».

– Amplíanse as competencias do xefe/a do Servizo de Extensión Universitaria en materia de contratación, a través da adición de dúas novas alíneas c) e d) ao punto V.13 redactados do seguinte xeito: «c) Tramitar os contratos de subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes»; «d) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade con unha ou con varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes».

– O punto V.14.a) queda redactado do seguinte xeito: «a) Tramitar os contratos de obras, subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes».

– Engádese un punto VI coa seguinte redacción: «VI. Delegación a favor da mesa de contratación. Delégase na mesa de contratación permanente a competencia de selección dos candidatos nos procedementos a que se refire o artigo 326.2.e) da LCSP».

Segundo. Modifícase o punto primeiro da Resolución do 5 de xullo de 2010 pola que se fai pública a composición e o funcionamento da mesa de contratación permanente da Universidade de Vigo, que queda redactado nos seguintes termos:

«Primeiro. Composición da mesa de contratación

Desígnanse con carácter permanente os membros da mesa de contratación da Universidade de Vigo que se sinalan a seguir:

– Presidente/a: será exercida polo reitor ou reitora ou persoa en quen delegue.

– Vogal: o/a xerente ou persoa en quen delegue.

– Vogal: o/a presidente/a do Consello Social ou persoa en quen delegue.

– Vogal: o/a xefe/a do Servizo de Asesoría Xurídica ou o/a letrado/a desta.

– Vogal: o/a xefe/a do Servizo de Control Interno ou o/a funcionario/a do servizo que o substitúa.

– Secretario/a: o/a xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Contratación ou o/a funcionario/a do servizo que o substitúa.

Esta designación enténdese sen prexuízo das que, de xeito específico, se poidan efectuar para a adxudicación de determinados contratos».

Esta resolución entra en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de marzo de 2018

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo