Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 9 de abril de 2018 Páx. 19261

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2018 pola que se convoca unha xornada sobre a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

A Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e a Dirección Xeral de Administración Local, anuncia a convocatoria dunha xornada sobre a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo: xornada.

Denominación: Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

Modalidade: presencial.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 5.

Segunda. Obxectivos e contido da actividade formativa

Obxectivos: o obxectivo principal é abordar os aspectos máis relevantes da nova lei e as implicacións da súa entrada en vigor.

Contido:

• Aspectos xerais da norma.

• O réxime de intervención administrativa na nova lei. A modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

• A Lei 10/2017, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia desde a perspectiva local. Especial referencia ao réxime sancionador.

• Cuestións de interese na aplicación práctica da lei.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal ao servizo das administracións públicas, alcaldes, concelleiros e interesados en xeral.

Cuarta. Prazas ofertadas

Limitado á capacidade máxima (400 persoas).

Quinta. Desenvolvemento da actividade

1. Lugar de celebración.

Lugar: Agasp.

Data: 20 de abril.

Horario: das 10.00 ás 18.00 horas.

2. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar na xornada deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación remata o día 18 de abril de 2018.

3. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios da solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

b) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse a Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

4. Criterios de selección.

Exclusivamente por orde de inscrición.

5. Lista de solicitudes seleccionadas.

O 19 de abril de 2018 a Agasp publicará na súa páxina web as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo o criterio de selección mencionado anteriormente.

6. Certificado de asistencia.

Entregarase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten a súa presenza efectiva durante o transcurso da xornada.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009.

8. Modificación e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que podan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a xornada, ampliar novas edicións desta ou suspendela temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización realización ou docencia.

A Estrada, 28 de marzo de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública